Deputación de Lugo

O Centro de Innovación Social impartirá en maio 20 cursos para fomentalo uso das novas tecnoloxías

A programación, cun total de 265 prazas, inclúe obradoiros de DNI Electrónico, iniciación á informática, internet, redes sociais e creación de blogs, entre outrosIn Lugo levará este mes as súas actividades itinerantes de formación á Fonsagrada e Castro de Rei. Tamén desenvolve un obradoiro de busca activa de emprego para os usuarios de Proyecto Hombre de Lugo

O Centro de Innovación Social In Lugo continúa este mes de maio co seu programa de actividades formativas e de divulgación encamiñadas a fomentar o uso das novas tecnoloxías entre os veciños da provincia e rompela fenda dixital da sociedade lucense. A oferta componse dunha vintena de cursos, cun total de 265 prazas e pensados para tódalas idades, que mostrarán o manexo do DNI Electrónico (a chave para usar a e-Administración); correo electrónico e buscadores de internet; teléfono móbil; redes sociais; programa OpenOffice; iniciación á informática; fotografía dixital; seguridade na Rede; ofimática básica e creación de blogs.

Nesta programación están incluídas novas actividades itinerantes de formación, que neste caso terán lugar na Fonsagrada e Castro de Rei. No telecentro do concello fonsagradino desenvólvese dende o luns e hasta hoxe, de 19:00 a 21:00 horas, un taller de iniciación á informática, que conta con 7 alumnos. No caso do municipio chairego haberá dous cursos no teleclube: un de ofimática básica -no que se dan nocións dos programas informáticos Word, Excel e Power Point- que se impartirá entre os días 10 e 13, en horario de 16:00 a 18:00, e outro de Seguridade en Internet, dirixido especificamente a pais e nais, que terá lugar o 12 de maio, entre as 11:00 e as 13:00 horas.

Tamén forma parte do programa un seminario sobre busca activa de emprego que se ofrece dende o luns e hasta o día 11 nas instalacións do Centro de Innovación Social a 10 usuarios do Proyecto Hombre de Lugo. Esta iniciativa enmárcase na colaboración de In Lugo con asociacións e colectivos da provincia para desenvolver actividades de formación.

As persoas que estean interesadas en tomar parte nas actividades deste centro posto en marcha pola Deputación co financiamento dun 88,9% do Ministerio de Industria poden informarse ou inscribirse nas súas instalacións, situadas no edificio da Escola de Imaxe e Son, en horario de 9:00 a 21:00 horas, de luns a venres; os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, e os domingos, entre as 10:00 e as 14:00 horas; entrando na súa páxina web (www.inlugo.deputacionlugo.org) ou ben enviando un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org

Formación on line

Ademais da modalidade presencial, existe a posibilidade de facer cursos on line, de diversas temáticas, como alfabetización informática, imaxe e son, iniciación ó deporte, Internet, orientación sociolaboral, ofimática e redes sociais, entre outros. Para poder participar, é necesario darse de alta como usuario da aula virtual, entrando na web www.inlugo.deputacionlugo.org descargar un formulario de inscrición, cubrilo e envialo á dirección de correo electrónico inlugo@deputacionlugo.org O usuario recibirá despois outro e-mail coas claves de acceso para cada curso solicitado.