Deputación de Lugo

Vinte persoas asisten ós obradoiros sobre cerámica “raku occidental” e talla de pedra que estrea o CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
As clases de cerámica impartiranse hasta o día 27 de maio, de 16:00 a 21:00 horas, e as de pedra ofreceranse hasta o 30 deste mes, no mesmo horario Esta semana comezan outros catro talleres: “Sancosmeiro ou sombreiro de Noia”, “Fotografía Dixital e Iluminación”, “Restauración de Mobles” e “Cestaría da Ribeira Sacra”

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación de Lugo iniciou un obradoiro sobre a técnica de cerámica “raku occidental” e outro de talla de pedra, que estrea nesta tempada. Ámbolos dous cursos reúnen a unha vintena de participantes, dez cada un. No caso das xornadas de “raku”, unha técnica orixinaria do Xapón e caracterizada pola firmeza, sobriedade e tacto agradable das súas pezas, serán impartidas polo artesán Manuel Fernández hasta o 27 de maio, en horario de 16:00 a 21:00. Pola súa banda, o curso de “Pedra e Ornamentación” terá lugar hasta o 30 deste mes, no mesmo horario co anterior. Encárgase de ofrecelo David Soengas.

Esta semana comezan ademais outros catro obradoiros: “Sancosmeiro ou sombreiro de Noia” -unha peza feita de palla-, que María Cruz Isabel Torre imparte dende o pasado luns e hasta o venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20 horas; “Fotografía Dixital e Iluminación”, que ofrece Peter Schneider dende o luns e hasta o 13 deste mes, de 18:00 a 22:00 horas; “Restauración de Mobles”, que comezou tamén o luns e seguirá hasta o 30 de maio, de 16:00 a 20:00 horas, e imparte José Luis Estar; e “Cestaría da Ribeira Sacra. Cesto de Fiar”, que Lluis Grau dará a fin de semana, os días 7 e 8, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.

As persoas interesadas en obter información sobre o programa de cursos deseñado polo CENTRAD para esta primavera e para o resto do ano poden dirixirse ás propias instalacións do centro ou á páxina web www.centrad.org  

Por outra banda, continúan as clases de dous dos obradoiros correspondentes ó programa de inverno. Trátase de “O torno na escultura”, que remata o 30 de maio, e as xornadas de olería de Bonxe, que se desenvolven no taller de Josefa Lombao e seguirán hasta o 1 de xuño.

Os obradoiros portátiles organizados polo CENTRAD nos centros educativos da provincia desenvolveranse esta semana no colexio Cervantes de Lugo e no de Moncelos, en Abadín, onde se impartirán clases sobre fabricación de papel.