Deputación de Lugo

Foz, Palas, Guntín e Sober son os destinos das rutas do programa Km0 da Deputación esta semana

Catro colectivos veciñais de Antas, Monterroso, O Páramo e Lugo demandaron as viaxes, programadas para entre este martes e mañáIntegrantes da Asociación de Santa Mariña e Senande de Antas de Ulla e da de veciños de Monterroso visitaron hoxe diversos lugares de interese do concello focense e do seu entorno tras ser recibidos en San Marcos por Díaz Valiño

Os municipios de Foz, Palas, Guntín e Sober son os destinos das rutas do programa medioambiental Km0 da Deputación organizadas para esta terceira semana de abril. As viaxes foron demandas por colectivos veciñais de Antas de Ulla, Monterroso, O Páramo e da parroquia lucense de Bóveda, e desenvolveranse entre este martes e mañá mércores. Esta semana non haberá saídas o xoves, como vén sendo habitual, por ser festivo.

As rutas da xornada de hoxe fixéronas a Asociación de Santa Mariña e Senande de Antas de Ulla e a de veciños de Monterroso e discorreron por diversos lugares de interese do Concello de Foz e o seu entorno. Ambos colectivos foron recibidos no salón de actos do Pazo de San Marcos polo Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño. Despois, 48 integrantes da agrupación de Antas desprazáronse ó Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), comeron no restaurante focense “Leyton” e visitaron a basílica de San Martiño de Mondoñedo, a capela e a área recreativa de Bispo Santo e, finalmente, as instalacións da fábrica “Pescados Rubén”. En canto ó grupo de veciños de Monterroso, formado por 48 persoas, coñeceu a olería de Bonxe, comeu no restaurante “Vila do Val” de O Valadouro e paseou polas praias de Polas e Xuncos, o porto de Nois e o castro de Fazouro.

Mañá mércores haberá unha saída por Palas e Guntín, que farán 48 membros da Asociación de Veciños Augas Férreas do Páramo e consistirá nunha visita ó Centro de Interpretación do Río Rato, ó castelo de Pambre e os arredores, Pazo de Vilane, Mosteiro de Vilar de Donas e Ferreira de Pallares. A comida terá lugar no restaurante "Para das Bestas”, no núcleo de Pidre. Está previsto así mesmo outro percorrido pola Ribeira Sacra, que solicitou a Asociación de Mulleres Rurais A Landra de Santa María de Bóveda, en Lugo. Participarán 48 persoas, que se desprazarán a Burneiros e A Fervenza, comerán en “A Cantina”, darán un paseo por Pena do Castelo, farán unha travesía en catamarán e coñecerán a bodega “Regina Viarum”, onde gozarán dunha degustación.