Deputación de Lugo

Aberto o prazo para que as empresas lucenses se adhiran á plataforma de comercio electrónico da Deputación

Imaxe deputación de lugo
As firmas poderán sumarse de xeito totalmente gratuíto á iniciativa, que lles permitirá incrementar o seu volume de beneficios e proxección a través da venda por internetEste primeiro “centro comercial virtual” da provincia non ten límite de empresas e produtos, polo que incrementará de xeito progresivo a súa oferta As bases da convocatoria poden consultarse aquí e as solicitudes e documentación correspondente deben presentarse no Rexistro Xeral da Deputación

A Deputación de Lugo abriu o prazo para que as empresas da provincia interesadas en comercializar os seus produtos e servizos a través de internet presenten unha solicitude de adhesión á plataforma de comercio electrónico creada polo organismo provincial no marco do programa Innova-TE, cofinanciado nun 70% polos fondos europeos FEDER. A adhesión e uso da plataforma, denominada “Los Productos de Lugo”, serán totalmente gratuítos para as firmas. Os interesados poden consultar xa as bases da convocatoria na páxina web www.deputacionlugo.org e a documentación correspondente deberá presentarse no Rexistro Xeral da Deputación.

Con esta iniciativa, a institución provincial contribúe por medio das novas tecnoloxías ó desenvolvemento económico de Lugo e á promoción das empresas, abríndolles unha nova canle de venda dos seus produtos e servizos, o que servirá para que incrementen o volume de beneficios. As firmas terán deste xeito un espazo para anunciarse, vender e distribuír os seus produtos en novos mercados as 24 horas do día os 365 días do ano. Ofrecerase así mesmo por vez primeira unha imaxe de marca de Produtos de Lugo, independentemente do proveedor que os ofreza; e aforrarase tempo e cartos ós clientes.

Este primeiro “centro comercial virtual da provincia” desenvolverase de xeito progresivo, non tendo límite de empresas nin produtos, polo que incrementará de xeito gradual a súa oferta.

As empresas que presenten unha solicitude para formar parte dela deberán superar un proceso de selección no que terán prioridade dous criterios: a orde cronolóxica de presentación das solicitudes e a incorporación de produtos autóctonos e representativos da provincia. O prazo para anotarse é ilimitado, pero hai que ter en conta que á hora da incorporación das empresas á plataforma, terase en conta a orde na que se teñan inscrito.

Documentos a presentar

A documentación que é necesario presentar é a seguinte: unha ficha cos datos da empresa e outra coas características dos produtos e servizos que vende, e a propia solicitude cumprimentada. Estes tres formularios poden descargarse aquí. Ademais, haberá que adxuntar imaxes do logotipo da empresa, das propias instalacións da firma e fotografías do produto.

O proxecto inclúe a posta en marcha dunha pasarela de pagos telemáticos, habilitada a través dunha entidade financeira. Tamén disporá dunha empresa loxística para a recollida e entrega dos produtos aos compradores.

A Deputación ofrece un Centro de Atención ao Usuario (CAU), que apoiará ás empresas na realización das xestións de alta, modificación ou eliminación de produtos da plataforma de comercio electrónico. Para contactar pódese chamar ó número de teléfono 982.26.00.77 ou ben enviar un correo á dirección ecomercioinnovate@deputacionlugo.org