Deputación de Lugo

A Deputación construirá na Fonsagrada o 1º centro público en Galicia de despece de caza

Presidente e Alcalde deron conta das características da sala cuxa construción, que será licitada en maio por 300.000 €, creará oportunidades económicas e emprego vinculado á caza na Montaña e á venda de productos autóctonos, ademais de beneficiar ós 5.000 cazadores luguesesA Deputación financia a construción do centro de 506 m2, abastecido con enerxía fotovoltaica e equipado para consumo dos cazadores e a comercialización directa das pezasA provincia ten 160 TECOR, sendo o da Fonsagrada o máis extenso de Galicia e moi solicitado por cazadores españois e europeos debido á calidade das especies

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, adiantaron este sábado que o organismo provincial construirá na Fonsagrada o 1º centro público en Galicia de despece de especies cinexéticas. A pesar do revulsivo económico que supón este tipo de instalacións para o territorio no que se asentan, na actualidade só existe unha sala privada no coto de Xares (Ourense). As características pormenorizadas do centro foron dadas a coñecer publicamente no encontro con membros da Sociedade de Cazadores fonsagradina, composta por 500 socios.

O titular provincial salientou que se trata “dunha revolucionaria iniciativa na Comunidade, encamiñada a potenciar a economía da provincia mediante o impulso dos produtos cinexéticos, é dicir, das pezas de caza tales como corzos e xabaríns”. Os usuarios do centro poderán practicar a caza e despezar as súas capturas para repartilas e trasladalas con total garantía sanitaria e facilidade –hoxe teñen difícil solución-, ou ben mercar produtos cinexéticos de primeira calidade procedentes da Montaña de Lugo. “O medio ambiente é a oportunidade económica desta provincia. Onte comprobámolo cando asinamos a contratación das obras do centro de recría de gando, moi importante para os gandeiros. Hoxe volvemos demostralo cun centro innovador en Galicia que xá está producindo grandes beneficios en lugares como Castela A Mancha, onde abundan as salas de despece”, afirmou.

Gómez Besteiro adiantou que, a vindeira semana, Deputación e Sociedade de Cazadores da Fonsagrada asinarán o convenio que permitirá aprobar o proxecto, licitalo e comezar as obras en xuño. En primeiro lugar, levaranse a cabo as tarefas de acondicionamento da parcela e construción da estrutura, cun presuposto de 300.000 euros. Posteriormente, realizarase o acondicionamento interior e a adquisición de material especializado.

Segundo a Federación Española de Caza, Lugo ten 160 TECOR, aglutinando máis do 30% dos galegos. Os lugueses son os de maior extensión na Comunidade e, o da Fonsagrada, un dos máis grandes de España. A calidade das súas especies permite que, ademais dos 5.000 cazadores lugueses federados, reciba afeccionados de toda España e Europa.

Oportunidade económica sen explotar

Nos TECOR lugueses pódense atopar xabalís de 140 quilos e corzos cun peso medio de 35. Os expertos manteñen que a calidade destas pezas débese, fundamentalmente, á riqueza medioambiental dunha provincia onde o 55% do territorio é Reserva da Biosfera. A Federación Española de Caza sostén que esta actividade xera un volume de negocio anual en España de 5.000 millóns de euros, así como 10.000 postos de traballo, a maioría no rural pero, malia ás posibilidades económicas dos produtos cinexéticos lugueses, a súa comercialización é practicamente inexistente.

Besteiro destacou que a iniciativa da Deputación quere ir máis alá da práctica da caza, creando oportunidades económicas e un novo nicho de emprego aínda sen explotar, a pesar de gozar dunhas condicións excepcionais en España. Outra vantaxe é comercialización dos produtos autóctonos, potenciando a calidade dos alimentos lugueses. Por iso, o centro ofrecerá a posibilidade de preparar os produtos de tal xeito que estén listos tanto para o seu consumo directo como para comercializar no mercado. O organismo provincial tamén aplicará técnicas de venda para impulsar a denominación de orixe dos produtos.

300.000 euros

A Deputación investirá 300.000 euros na construción do centro, situado na rúa Rodas, á entrada da localidade. Besteiro explicou que a localización na Fonsagrada débese a que posúe o TECOR máis grande de Galicia, así como un dos de maior superficie en España con 43.000 hectáreas. A extensión, xunto á calidade das súas pezas, supón que, ademais dos 500 socios da Sociedade de Cazadores Fonsagradina, este TECOR reciba afeccionados fundamentalmente de Castela Leon, Burgos, Palencia, Madrid, Barcelona, Francia e Bélxica.

O organismo provincial construirá un inmoble de 506 metros cadrados con 2 prantas. Na baixa (253 metros2) situarase a propia sala de despece, así como as de refrixeración, os laboratorios, almacéns, lavado ou montacargas. Mentres, na primeira (253 metros2) estarán os departamentos de conxelado, envasado e equipos fríos. O edificio contará con todo o equipamento necesario para obter produtos en óptimas condicións hixiénico-sanitarias. Contará con profesionais como, por exemplo, veterinarios que avaliarán o estado dos produtos. Para asegurar o seu mantemento no futuro e aforrar enerxía, a Deputación instalará paneis solares na cuberta que aproveiten a enerxía fotovoltaica e abastezan á totalidade da edificación. Esta parte do proxecto supón un investimento de 85.000 euros.