Deputación de Lugo

A Deputación inicia o reparto das 125 marquesiñas nos Concellos adheridos á iniciativa

- O Concello de Becerreá foi o primeiro en instalar as catro infraestruturas que lle tocaron segundo a distribución establecida polo organismo provincial- A Deputación investiu máis de 215.000 euros na adquisición deste material que se instalará nos 39 municipios que se sumaron á iniciativa, e que formularon 246 peticións- O actual equipo de goberno puxo en marcha esta nova liña de colaboración ante as numerosas peticións formuladas polos veciños, e que suporá un aforro no gasto corrente dos Concellos

A Deputación iniciou o reparto das primeiras 125 marquesiñas que instalará ou substituirá nos Concellos que decidiron sumarse á iniciativa. Precisamente, hoxe mesmo o Concello de Becerreá comezou a instalar as catro infraestruturas que lle tocaron segundo o reparto, e que se sitúan na rotonda do Cereixal, en Armesto, Agüeira e A Hermida.

Esta é unha nova liña de colaboración que puxo en marcha o actual equipo de goberno porque se trata dunha iniciativa moi demandada polos Concellos, xa que moitas das actuais presentan deficiencias e son practicamente inutilizables. Está destinada a todos os municipios agás o de Lugo por ser o municipio que conta co maior número de habitantes e con máis posibilidades orzamentarias. Neste senso, suporá un aforro no gasto corrente dos Concellos, xa que o organismo provincial asume a adquisición, aliviando deste custe ás arcas municipais. Ademais de Becerreá, nos vindeiros días, outros 11 municipios procederán á colocación das súas marquesiñas. Son os seguintes: Cervantes, Chantada, Guitiriz, Meira, Monterroso, Pedrafita, Pobra de Brollón, A Pontenova, Ribadeo, Ribas de Sil e Sarria.

En total, foron 39 Concellos os que se sumaron á iniciativa, que supuxo un investimento para o organismo provincial de 215.760 euros. Para a asignación das mesmas tivéronse en conta o número de habitantes, as necesidades dos Concellos e a seguridade vial. Neste senso, destináronse 2 ós Concellos que non superan os 3.000 veciños; 4 ós que teñen entre 3.000 e 6.000; e 6 ós que superan a cifra anterior. Asimesmo, para a instalación priorizarase as vías da rede viaria provincia e a ubicación en espazos públicos urbanos.

Distribución nos Concellos

Segundo estes criterios, a distribución quedou do seguinte xeito: Abadín (2), Alfoz (2), Baralla (2), Becerreá (4), Begonte (4), Bóveda (2), Castroverde (2), Cervantes (2), Cervo (3), Chantada (5), Foz (6), Guitiriz (5), Meira (3), Monforte de Lemos (5), Monterroso (6), Navia de Suarna (3), Negueira de Muñiz (2), Ourol (3), Palas de Rei (4), Pantón (3), Paradela (2), A Pastoriza (5), Pedrafita do Cebreiro (3), Pobra do Brollón (2), Pol (2), A Pontenova (2), Portomarín (3), Quiroga (4), Rábade (2), Ribadeo (3), Ribas de Sil (3), Riotorto (3), Sarria (5), Sober (2), Taboada (4), O Valadouro (3), O Vicedo (2), Viveiro (5), e Xermade (2). En total, estes municipios realizaron 246 peticións.