Deputación de Lugo

A pasividade do Concello de Vilalba pon en perigo o millón de euros concedido pola Deputación co Plan de Obra Pública

A Xunta de Goberno aproba a proposta na que se require ó Concello que presente coa máxima urxencia os proxectos para poder executar as 5 obras incluídas no convenio subscrito polo AlcaldeGato Soengas destaca que “é un caso clínico”, xa que foi o único dos 9 municipios que se benefician desta iniciativa que aínda non o fixo, e iso a pesar de que as actuacións foron consensuadas co propio rexedorA Deputación inicia a contratación das primeiras actuacións do convenio asinado co Ministeiro de Medio Ambiente, dotado con preto 1,2 M€, e destinado a mellorar a sostibilidade das Reservas da Biosfera

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a proposta na que se require ó Concello de Vilalba que presente coa máxima urxencia a documentación para a execución dos proxectos que a Deputación acometerá neste municipio dentro do convenio de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que esta é a última oportunidade que se lle dá ó Alcalde para non perder os cartos. Neste senso, destacou que “é un caso clínico porque cando a un Concello se lle peta á porta e se lle ofrece esta cantidade para a execución de obras é incomprensible o alcance desta parsimonia. Resulta que está a piques de perder o millón de euros, tal e como pasou cos 300.000 euros do Innova-TE. Non podemos crer que Vilalba rexeite a realización de cuestións tan importantes para este municipio”.

Deste xeito, a entidade local foi a única das 9 que se benefician desta iniciativa que non o fixo ningún proxecto, e iso a pesar de que as actuacións foron consuadas co propio rexedor. Pola contra, no resto de municipios –Monforte de Lemos, Lugo, A Fonsagrada, Becerreá, Viveiro, Foz, Burela e Sarria- xa se están tramitando practicamente o 100% das preto de 70 obras que se executarán dentro deste fondo complementario de 9,5 millóns de euros que beneficia ós 176.000 veciños destes lugares, máis da metade da poboación da provincia. “Son actuacións moi queridas polos Concellos e que, ademais, supoñen un custo 0 para as arcas municipais”.

Deste xeito, as obras que o organismo provincial ten previsto executar en Vilalba, se o Alcalde cumpre co compromiso asumido en decembro de 2010 cando asinou o convenio, son as seguintes: acondicionamento de espazos públicos e adquisición de superficie no contorno da praia fluvial da Magdalena e no contorno da futura gardeiría municipal; mellora do vial de titularidade provincial ó seu paso pola área recreativa citada; e reurbanización da rúa Porta de Encima.

Convenio Ministerio de Medio Ambiente

Asimesmo, a Xunta de Goberno aprobou a contratación de varias iniciativas por valor de máis de 320.000 euros coas que a Deputación comeza a desenvolver o convenio de colaboración subscrito entre a Deputación e o Ministerio de Medio Ambiente para mellorar a sostibilidade das Reservas da Biosfera que xestiona o organismo provincial: Ancares e Terras do Miño. Trátase da exposición “Paisaxes de Auga” que se situará na Aula de Interpretación da Natureza que a Deputación creou en Guitiriz no marco do programa europeo Lug02.

Esta mostra estará formada por fotografías cun mínimo de 40 imaxes da zona Parga-Ladra-Támoga, así como por documentos audiovisuais que amosarán os recursos deste espazo natural. No marco deste acordo, tamén se contratou o desenvolvemento de accións de difusión e sensibilización das Reservas de Ancares e de Terras do Miño, ademais da formación de monitores-guía que promovan e desenvolvan os recursos turísticos destes espazos naturais.

Todas estas actuacións inclúense dentro da colaboración que ambas administracións manteñen e que está dotado con 1.175.000 euros. Desta cantidade, o organismo provincial financia un terzo, é dicir, 391.667 euros. Os 783.333 euros restantes, ou o que é o mesmo, os outros dous terzos serán aportados polo departamento do Estado. O Ministerio asinou en 2010 convenios como o que está a desenvolver a Deputación con 5 Reservas que están xestionadas por Comunidades Autónomas e 13 por Concellos.

Outros acordos da Xunta de Goberno

Asimesmo, dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, adxudicouse a construción de tres illas para o soterramento dos contenedores de Foz por valor de 120.363 euros e contratouse a subminitración do mobiliario para o equipamento da Biblioteca Municipal da Antiga Casa Consistorial do Concello de Viveiro por valor de 64.000 euros. En Fonsagrada, adxudicouse a rexeneración e pavimentación dos accesos de Porteliña a Cereixido. Esta actuación, incluída no plan de obras do canon, conta cun orzamento de 94.367 euros.
Tamén se deu o visto e prace ó convenio asinado coa comunidade de propietarios do Campo da Feira de Parga para o financiamento dos gastos de rehabilitación dos alpendres existentes neste lugar. O organismo provincial concede a este colectivo unha axuda de 30.000 euros para rehabilitar os alpendres que, cada 15 días, acollen a popular feira da zona, sendo esta un dos mercados más importantes en Galicia. Os veciños da zona solicitaron este ano a colaboración da Deputación para o seu arranxo ó considerar que contribúe á continuidade da celebración da feira, favorecendo o desenvolvemento económico de Guitiriz, e á conservación do seu patrimonio.