Deputación de Lugo

Gómez Besteiro inaugura o IX Congreso Galego de Radioloxía, que reúne en Lugo a 115 persoas

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro defendeu o labor fundamental que cumpren estes especialistas nos equipos médicos que diagnostican e tratan ós pacientes, e reclamou que non se supriman prazas de radiólogo en ningún centro da provincia nin de GaliciaAs xornadas iniciadas este venres celebraranse hasta mañá no Salón de Actos da Deputación e entre os temas a tratar figura os novos horizontes na especialidade de radioloxía

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres no Salón de Actos da sede do organismo provincial o IX Congreso de Radioloxía, no que participan 115 persoas, entre conferenciantes e asistentes ás xornadas. Gómez Besteiro felicitou á Sociedade Galega de Radioloxía por elixir a capital lucense para celebrar este congreso, que ten carácter bianual, e que en anteriores edicións celebrouse en cidades como Vigo ou Santiago de Compostela. No foro, este colectivo médico debate cuestións de actualidade e relevancia para o desenvolvemento do seu labor profesional.

Gómez Besteiro estivo acompañado no acto de inauguración polo presidente da Sociedade Galega de Radioloxía, Xan Vieito Fuentes, e polo presidente do comité organizador, Julio Rodríguez García. Na súa intervención, o titular da institución provincial puxo de relevo “o papel fundamental que cumpren os radiólogos como parte dos equipos médicos que diagnostican e tratan ós pacientes, mesmo axudando a solucionar patoloxías sen ter que recorrer a intervencións ou certos tratamentos”.

Neste senso, o Presidente da Deputación tamén reivindicou que non se elimine prazas de radiólogos en ningún hospital da provincia nin de Galicia porque a súa labor “non se pode facer a distancia, a súa presenza física nos centros é esencial, pois non son meros interpretadores de imaxes, senón especialistas que chegan a conclusións vendo as probas, pero tamén valorando o contexto particular de cada paciente”.

O Congreso Galego de Radioloxía concluirá mañá e, entre as cuestións a aborda polos poñentes, figuran os novos tratamentos antitumorais, a detección precoz do cancro ou os novos horizontes na especialidade de radioloxía.