Deputación de Lugo

Besteiro clausura a terceira tempada de Km0

O Presidente recibiu este xoves en San Marcos ós dous últimos grupos desta fase, 48 membros da Asociación As Calzadas do Buriz de Guitiriz e outros 48 alumnos do IES de Monterroso, que percorreron Cervantes e Lugo cidade, respectivamenteGómez Besteiro reiterou que este exitoso programa de rutas ideado polo seu goberno terá continuidade con novos fondos europeos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Deputada de Economía e alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, clausurou este xoves a terceira fase do programa medioambiental Km0, reiterando que esta exitosa iniciativa posta en marcha polo seu goberno co fin de que a provincia deixe de ser unha gran descoñecida para os propios lucenses e xerar riqueza e emprego terá continuidade con novos fondos europeos, que o organismo provincial xa ten solicitado.

Gómez Besteiro e Polín recibiron ós dous últimos grupos da tempada no salón de actos do Pazo de San Marcos: 48 integrantes da Asociación As Calzadas do Buriz, do Concello de Guitiriz, e outros 48 alumnos do IES de Monterroso. Os guitiricenses visitaron despois da recepción na sede da Deputación o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), comeron no hostal “Piornedo” para coñecer despois a palloza e facer un percorrido por este pobo de Cervantes. Finalmente achegáronse á igrexa de Donís. Pola súa banda, os estudantes de Monterroso desprazáronse á parroquia lucense de Santa Eulalia de Bóveda, deron un paseo polo río Rato e pola Muralla, visitaron o Centro de Interpretación, a Catedral e As Termas. A comida tivo lugar no restaurante “Os Robles”.

Na actualidade hai 5.000 persoas duns 400 colectivos en lista de espera para participar en Km0, en moitos casos anotadas en actividades de pago, polo que a nova fase que proxecta a Deputación, que arrancará no próximo mes de xuño, dará resposta a esa gran demanda, que demostra o éxito e repercusión social do programa de rutas. Ó longo destes últimos tres anos participaron na iniciativa máis de 27.000 persoas.