Deputación de Lugo

A Deputación adxudicará a vindeira semana as obras da Escola de Enxeñería Civil

O organismo provincial iniciará en xuño os traballos que contan cun investimento de preto de 4 millóns de euros e que serán exectuados por unha das 10 empresas que optan á construción deste centro formativo Esa actuación, xunto coa posta en funcionamento da UNED o vindeiro ano no Hotel Miño, enmarcáse dentro da aposta da Deputación por consolidar a oferta formativa do Campus e de impulsar a zona sur de Lugo

A Deputación adxudicará a vindeira semana as obras de construción da Escola de Enxeñería Civil que contan cun investimento de preto de 4 millóns de euros, e que se enmarca dentro do plan coñecido como Campus 2015 e do obxectivo do organismo provincial por impulsar a zona sur de Lugo. Nestes momentos, os técnicos están a avaliar as propostas presentadas polas 10 empresas que optan á execución dos traballos, e que son as seguintes: Extraco S.A (Ourense); UTE Aldesa Construcciones-Odegal S.L (Madrid-Lugo); Vías y Construcciones S.A (A Coruña), UTE EOC Galicia S.A-Assignia Infraestruturas S.A (A Coruña-Madrid), Dragados S.A (A Coruña), UTE FCC Construción S.A-Antalsis S.L (A Coruña); UTE Corsan-Corviam, Construción S.A.-Oys Noroeste S.L (Santiago); UTE Concisa S.A-Istem S.L.U (A Coruña-Madrid); UTE Comsa S.A.U-Movex Vial S.L (Santiago-Vigo): e UTE Asogal Construcciones S.L-Cymi S.A- Frisaqués S.L (Lugo-A Coruña-Lugo).

Deste xeito, a firma que resulte adxudicataria comezará os traballos no mes de xuño. O edificio, cuxo proxecto foi deseñado polo arqueitecto lucense Marcos Parga, situarase na zona comprendida entre as avenidas de Madrid e Pablo Iglesias. Para iso, a Deputación continúa cos trámites do proceso expropiatorio para a adquisición dos terreos nos que se emprazará o centro formativo, que disporá de 4.000 metros cadrados de superficie útil e unha capacidade para uns 100 alumnos.

Desenvolvemento Campus 2015

Esta actuación enmárcase dentro o obxectivo da Deputación de continuar co desenvolvemento do Campus 2015, no que inviste máis de 7 millóns de euros. Deste xeito, logo desta primeira fase de expropiación na que se situará a Escola de Enxeñería Civil, o organismo provincial actuará noutras dúas zonas previstas: a comprendida entre a Avenida Bernardino Pardo Ouro e a Avenida Pablo Iglesias, de 13.633 metros cadrados que se adicarán ó sector servizos; e a rúa das Pedreiras e a nova rotonda, de 11.772 metros cadrados, onde se construirá un polideportivo. En total, a Deputación achegará 4,6 millóns para expropiar 37.000 metros cadrados.

Asimesmo, a institución que preside José Ramón Gómez Besteiro completa a súa aposta pola formación co traslado da UNED ó antigo Hotel Miño. Precisamente, esta mesma semana o titular provincial, o Alcalde de Lugo e o Reitor da Universidade Nacional de Educación a Distancia asinaban o convenio para a cesión por 30 anos das instalacións da Tolda, o que permitirá iniciar esta formación universitaria o vindeiro ano.

Outro dos proxectos que enriquece o Campus de Lugo e no que as dúas institucións están inmersos é a Estación de Bioloxía do Courel, que xa está en funcionamento dende xuño de 2010, e na que se empraza o unha Aula da Natureza, creada polo organismo provincial dentro do programa europo Lug02.

A Deputación tamén achegou máis de 200.000 euros para a urbanización do edificio “A Granxa”, no que se sitúa a nova sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER). Ademais, o organismo provincial tamén contribúe a aumentar a oferta formativa do Campus co Centro de Recría Gayoso Castro, que nestes momentos está en construción. Deste xeito, os estudantes de titulacións relacionadas co sector agrogandeiro como Veterinaria poderán realizar prácticas nas instalacións que a Deputación ten en Castro de Rei.