Deputación de Lugo

O Goberno provincial demostra que os 25 anos do PP na Deputación foron a peor das hipotecas para á provincia

Gato Soengas mostrou con fotos e imaxes a actividade do PP á fronte da institución salientando que “ante as reiteradas mentiras do señor Barreiro, vémonos na obriga de desvelar feitos que o poñen en evidencia” “Acúsasenos de gastar en asesores cando o PP firmou por unanimidade a distribución de persoal en agosto de 2007 polo que ten 3 asesores, 5 soldos e, por 1º vez nesta institución, un local onde sentarse e facer a súa labor”“Recuperamos o Hotel Miño, unha das operacións máis ruinosas na provincia que serviu ó PP para pagar o 1º caso de transfuguismo en Galicia xa que adquiriu este ben a un Deputado para comprar a outro e así amarrar a maioría absoluta na provincia”O Deputado demostra, coas actas de traballo e un video, que a Fundación TIC só se adicaba a cubrir os actos políticos do Partido Popular, pasando factura ás arcas públicas

O Goberno provincial demostrou que os 25 anos nos que o Partido Popular estivo á fronte da Deputación foron a peor das hipotecas para á provincia. O Deputado da área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, comparou este mércores as actuacións levadas a cabo polo PP mentres estivo á fronte do organismo provincial, coas executadas nesta última lexislatura. Para elo, Gato Soengas mostrou fotografías e ata un video, desvelando a actividade da institución durante o mandado dos populares. O Deputado subliñou que “ante as reiteradas mentiras do señor Barreiro que segue sen aceptar que non chegou a ser Presidente da Deputación e que continúa vivindo esta frustración, vémonos na obriga de desvelar feitos que o poñen en evidencia”:

- Emprego : “acúsasenos de gastar en asesores e de colocar a amigos cando o PP firmou por unanimidade a distribución de persoal en agosto de 2007, e cando o Partido Popular ten 3 asesores, 5 soldos e, por primeira vez nesta institución, un local onde sentarse e facer a súa labor de institución, un dereito que o PP sempre lle negou a outros partido políticos cando gobernaba. Isto non é ningunha axencia de colocación de amigos, senón que, igual que Feijoo ten asesores, por certo 50 só para el e 140 na Xunta de Galicia, os nosos asesores cesan cando cese a corporación e non quedan fixos con todo o seu árbol xenealóxico como facía o PP. O Deputado aclarou ademais que “grazas os nosos asesores creamos o apartado de Fondos Europeos que conseguiu 25 millóns de euros para esta Deputación con programas como o Km0 ou o Innova-TE”.

En comparanza, Gato Soengas destacou que o actual equipo de Goberno puxo en marcha un programa que beneficiou a todos os Concellos da provincia para contratar a máis de 700 lucenses desempregados. Ó respecto, o Deputado subliñou que “moi bo tivo que ser para que a gran maioría dos Alcaldes do PP se sumasen a esta iniciativa malia a advertencia do señor Barreiro de non facelo. E moi bo tivo que ser para que a Xunta de Galicia no lo copie agora, presentándoo como un logro propio”.

Xestión económica: “cando nós chegamos á institución o PP quería asinar un crédito de 50 millóns de euros que superaría con creces o límite de débeda pública fixado para as institucións que era dun 110%. Nós, por 3º ano consecutivo, temos unhas contas saneadas e acadamos a estabilidade presupostaria grazas a un pionerio plan económico que aprobamos dende o principio. Ademais, vimos de reducir a débeda da institución amortizando para elo, 10 millóns de euros. Todo isto sen deixar de investir nin un só euro, e cumprindo o noso programa electoral con 6 meses de adianto. É dicir, non hai outra administración así en Galicia”.

Gandeiría: “tiñan unha granxa ilegal, sen licenza, onde distribuían embrións enfermos sen control veterinario. Tivemos que legalizala e poñer fin as gravísimas irregularidades que alí detectamos. Agora, estamos construíndo o 1º centro público de recría de gando en España malia que o Goberno feijoniano boicoteou este proxecto durante meses ó non concedernos a licenza imprescindible para iniciar os traballos, e a pesar de ter que asumir este revolucionario proxecto en solitario”.

Seguridade: “negáronse a construír parques de bombeiros sendo a única provincia galega sen cobertura antiincendios. Foi a Xunta gobernada polo PSOE e a Deputación tamén liderado polo PSOE quen desbloqueou a situación, creando o Consorcio Provincial de Bombeiros. Hoxe a rede provincial de bombeiros é unha realidade”.

Educación: “negábanse a apoiar a construción do centro nacional de educación a distancia en Lugo. Nós apoiamos e abrimos o centro da UNED en Lugo, logrando que 1.500 persoas non teñen que desprazarse cada ano fóra da provincia para estudar. Ademais, recuperamos o Hotel Miño, unha das operacións máis ruinosas na provincia que serviu ó PP para pagar o 1º caso de transfuguismo que se produciu en Galicia. O PP da Deputación de Lugo adquiriu este ben a un Deputado para comprar a outro Deputado e así amarrar a maioría absoluta na provincia”.

Medioambiente: “empregaban o Pazo de TOR para festas e cacerías ilegais, malvendendo o patrimonio público, e deixando morrer de fame e sede ós animais. Tivemos que regularizar toda a situación e recuperar a propiedade da finca”.

Fundación TIC: O Deputado demostrou, coas actas de traballo e un video, que o Partido Popular empregaba a Fundación TIC exclusivamente para cubrir actos deste partido. Traballos que pagaba con fondos públicos ó pasar as facturas ás arcas da administración. Soengas explicou que “empregaban a Fundación TIC para pagarlle cantidades astronómicas a unha empresa foránea e para estar ó servizo do PP, gravando ó señor Barreiro e o señor Castiñeira, non nos actos institucionais, senón nos actos políticos exclusivamente do Partido, despilfarrando os cartos que son de todos. Este equipo de Goberno fixo da TIC unha reputada escola de imaxe e son, a única da provincia na que ademais, antes ninguén quería estudar nela mentres agora hai lista de espera. Os profesionais da Fundación TIC traballan verdadeiramente ó servizo da provincia, informando ós veciños das actuacións da Deputación, dos acontecementos culturais que enriquen a Lugo, e colaborando coas asociacións o clubes sociais. Agora, por fin a TIC está verdadeiramente ó servizo da provincia”.

O Deputado concluíu, logo da proxección dun video que amosou a actividade do PP na provincia, sentenciando que “os feitos amosan que este equipo de Goberno logrou converte á Deputación nun escaparate da provincia, nunha institución transparente, aberta ós cidadáns e ó servizo dos Concellos. Senón fose pola Deputación dos últimos anos os municipios non sería capaces de superar á crise xa que non verían obras, nin novos empregos ou oportunidades económicas debido ó abandono o que nos ten sometido a Xunta do Partido Popular”.