Deputación de Lugo

A Deputación deseña unha nova planificación dos catamaráns para potenciar a todos os Concellos con rutas fluviais

Besteiro e Buján salientaron que a iniciativa pretende aumentar o negocio e potenciar os atractivos existentes ó redor dos municipios lucenses que atravesan o Miño e o SilO organismo provincial estuda unha nova programación baseada na filosofía do Km0 que inclúa visitas guiadas e viaxes especiais a prezos competitivos dende as axencias de viaxesA institución habilitou un pantalán en Chanteiro onde se mellorarán os accesos, ampliando a oferta de embarcadoiros na zona e respostando á demanda da comisión cidadá de Sober

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Terceira e responsable da área de Turismo, María Xosé Vega Buján, anunciaron este mércores que o organismo provincial está a deseñar unha nova planificación dos catamaráns para potenciar e xerar riqueza en todos os Concellos con rutas fluviais da provincia. Gómez Besteiro explicou que “trátase dunha programación baseada na filosofía do Km0, que intenta ademais de gozar dos catamaráns, baixar das embarcacións para gastar na zona”. Vega Buján explicou que esta iniciativa busca aumentar o negocio do turismo.

A nova planificación dos catamaráns que está a estudar o organismo provincial manterá as rutas actuais e incorporará outras novas. Para elo, a Deputación intentará ofrecer rutas regulares con diferentes embarcadoiros bases. As novas rutas fluviais terán menor duración –ata o de agora son todas de 3 horas- xa que non se farán exclusivamente traxectos en catamarán, senón que se incluirán visitas guiadas polos diferentes Concellos que atravesan o Miño e o Sil, aproveitando os atractivos existentes na zona.

Será nestes municipios nos que se realizarán visitas guiadas, por exemplo, ós restaurantes, bodegas, centros de viños, termas, museos, igrexas ou ó Camiño de Inverno. Isto permitirán, potenciar ós sectores do comercio e a hostalería, así como promocionar o turismo da zona dun xeito global. Neste senso, Gómez Besteiro adiantou que “vimos de asinar un convenio co Bispado de Lugo para potenciar o patrimonio da capital. Agora, intentaremos chegar a un novo acordo para garantir o acceso ás igrexas da zona”.

A Deputación estuda tamén, ofrecer rutas especiais dende as axencias de viaxes. Para elo, o organismo provincial mantivo conversas coa Asociación Provincial de Viaxes co obxectivo de definir a incorporación das rutas fluviais en determinados paquetes turísticos, e a un prezo competitivo.

Novo embarcadoiro

Besteiro e Buján avanzaron esta iniciativa durante a visita que realizaron con máis de 60 persoas ó pantalán en Chanteiro habilitado polo organismo provincial. Trátase dun novo embarcadoiro co que se resposta á demanda da comisión cidadá creada en Sober logo do baleirado do río por Iberdrola. Ó respecto, a Vicepresidenta 3º destacou que “comprometímonos a facer un novo pantalán porque así o solicitasteis para desenvolver actividades deportivas e de aventura, así como para botar as vosas propias embarcacións, e cumprimos”.

Co pantalán de Chanteiro conséguese ademais, ampliar os lugares onde os usuarios poidan acceder ós catamaráns. Deste xeito, o Alcalde de Sober, José Gómez, comprometeuse publicamente á mellora dos seu acceso.

Na actualidade, o Sil ó seu paso pola provincia conta cos dous embarcadoiros, os de Doade e Chancís. Neste senso, Buján avanzou que “o embarcadoiro de Doade tiña moitas deficiencias no clube naúticos pero axiña comezarán as obras de mellora. Ademais, os técnicos provinciais traballarán para que Chancís sexa viable cando haxa auga. É un proxecto complicado e cuantioso con escasas solucións que estamos a estudar”.

Participantes na presentación

Gómez Besteiro e Vega Buján explicaron a nova planificación dos catamaráns, así como o modelo de coordinación turística que potenciará a Deputación na Reitoral de Amandi, en Sober, onde contaron coa participación dos Rexedores de Sober –José Gómez-; Monforte de Lemos –Severino Rodríguez-; O Saviñao –Joaquín González-; Chantada –Manuel Anxo Taboada-; Ribas do Sil –Miguel Ángel Sotuela-; Portomarín –Silvia Rodríguez-; Carballledo –Julio Yebra; Quiroga –Julio Álvarez-; Bóveda -José Manuel Arias-; e Pobra de Brollón –José Luís Maceda- ; preto de 20 representantes de restaurantes de ditos municipios; así como dos membros de case 40 bodegas: Regina Viarium, Proendos, Casas Noguedo, Marcelino, Proencia, Locenca, Detrus, Cardenal Rodrigo de Castro, Viña Cazoga-Don Diego, Conde de Piantes, Os Canares, Dominio de Sanxiao, Viña Cichón, Ancio, Don Ramón, Alcouce-Chao do Couso, Porvide, San Maned, Val do Frade, Val de Quiroga-Viña de Neira, Bodegas Losada Fernández, Castillo de Lemos palacio de biomondi, Terras Moura, Naz, Viña bella pazo de bexam, Celamide, Bodega Moure, Moreira, Amedo, As Oubenzas, Caxelotas-Gordomelle, Adega Xarreiro, Soutariz, Os Cipreses, Diego de Lemos, Via Romana, Bodegas Baldomero, Tear, Guímaro.

O Presidente e a Vicepresidenta 3º aproveitaron a ocasión para presentar o novo modelo de coordinación turística da provincia que impulsará a institución. Tratase da creación dunha empresa pública liderada pola Deputación pero con participación de empresas privadas, que buscará a promoción e comercialización do turístico lucense. É o modelo de xestión acordado co sector turístico público e privado.