Deputación de Lugo

A Deputación inicia a contratación das obras da residencia da 3ª idade de Fonsagrada

Imaxe deputación de lugo
O Boletín Oficial da Provincia publicará este xoves o prazo e os requisitos para que as empresas presenten as súas ofertas, de tal xeito que nun mes comezará a construciónA Xunta de Goberno aprobará a licitación do proxecto da residencia de Becerreá, que disporá dunha superficie de máis de 4.000 m2 e 130 prazas para os centros de día e de longa estanciaEsta mesma semana adxudicaranse as obras de tres novos centros da terceira idade: Castroverde, Trabada e Pol

Tan só tres semanas máis tarde da sinatura do convenio para a construción da residencia da terceira idade e centro de día de Fonsagrada, a Deputación iniciará este xoves o proceso de contratación das obras, que contan cun investimento de 2,1 millóns de euros, financiados ó 100% polo organismo provincial. Precisamente, ese día o Boletín Oficial da Provincia publicará o prazo e os requisitos para que as empresas interesadas na execución presenten as súas ofertas. As firmas participantes terán 15 días para entregar a documentación requerida no Rexistro Xeral de SUPLUSA, de tal xeito que no prazo dun mes comezarán os traballos desta infraestrutura tan demanda polos veciños, xa que o 40% da poboación fonsagradina supera amplamente os 65 anos.

Neste senso, grazas ás xestións levadas a cabo polo organismo que preside José Ramón Gómez Besteiro, ponse fin a outra débeda histórica que tiña este municipio e a institución provincial dota ós veciños dun servizo que ata o de agora carecían del, debido a que a Xunta de Galicia nunca cumpriu o compromiso de executar esta infraestrutura, a pesar de prometela hai dous anos. A última vez que a administración autonómica fixo pública a súa vontade de acometer esta actuación foi no ano 2009, durante a visita realizada a este municipio pola Directora Xeral, Susana López Abella. A residencia situarase no edificio da Fundación Rois de la Peña, de 1.673 metros cadrados, e disporá de 24 prazas de residencia e 30 de centro de día.

Celeridade na construción

A Deputación continúa cos trámites das outras residencias que vai construír en diferentes Concellos da provincia. A pasada semana iniciou a contratación das de Meira, Guitiriz, Pedrafita e Ribas de Sil, que contan cun investimento de 5 millóns de euros, e este xoves a Xunta de Goberno aprobará a licitación do proxecto da de Becerreá por valor de 102.000 euros. Neste caso, o organismo provincial tamén asumiu a redacción do documento ante a falta de compromiso do Presidente da Xunta, quen pouco antes dos comicios electorais de 2009 tamén anunciara que executaría a infraestrutura.

Concluído o proceso de redacción do proxecto, a Deputación porá a disposición do Executivo galego, que é o que ten competencias na materia, o documento para que esta cumpra coa palabra dada ós veciños e execute a obra. Dito centro, que terá unha superficie construída de máis de 4.000 metros cadrados, situarase nos terreos da antiga casa-escola, moi preto da rúa Ancares, aínda que o Concello está disposto a cambiar o emprazamento se a administración autonómica o solicitase co obxectivo de que a infraestrutura sexa unha realidade canto antes.

A residencia incluirá un centro de día con capacidade para 30 prazas e outro de estadía permananente para 100 residentes, que acollerá 20 habitacións individuais e 40 dobres, de tal xeito que estará perfectamente equipada para prestar unha atención de calidade ós futuros usuarios. Neste senso, incluirá a prestación de servizos de atención diurna, de manutención e cociña, atención sociosantiaria, residencia, de administración, mantemento, almacén, etc.

Por outra banda, esta mesma semana adxudicaranse as obras dos centros para a terceira idade de Castroverde, Trabada e Pol. O organismo provincial ultima os proxectos das residencias do Saviñao e Navia de Suarna. No caso do Concello da Pobra de Brollón, a Deputación xa aprobou o convenio do centro para maiores e, no de Riotorto, está pendente de que a entidade local adquira o espazo necesario. En total, xunto coa subvención de 120.000 euros para rematar as obras da residencia de Monterroso, a Deputación inviste máis de 15,5 millóns de euros na construción de 13 centros para maiores na provincia.