Deputación de Lugo

Arranca esta fin de semana o programa Lugoteando na Mariña con máis de 200 persoas inscritas

60 persoas participarán na modalidade de Kite Surf, unha das principais novidades que inclúe esta iniciativa que por 1ª vez se desenvolve na Costa luguesaAs actividades lúdico-medioambientais, que se celebrararán a partir do sábado na praia da Rapadoira de Foz, continuarán ó longo deste mes en Burela e RibadeoTodos os interesados en participar no programa de ocio ecolóxico aínda poden inscribirse chamando ó 982.12.00.64 ou 609.90.32.11, e incluso antes do comezo de cada actividade

Logo de que o programa Lugoteando rematase a pasada fin de semana no río Miño, a Deputación traslada a iniciativa por primeira vez á Mariña co obxectivo de que os mariñanos disfruten da súa Costa a través de distintas actividades lúdico-medioambientais nunca antes vistas na zona. Un total de 230 persoas xa están inscritas para participar na iniciativa que dará comezo o sábado, 11 de xuño, a partir das 11:00 horas na praia da Rapadoira de Foz, e que continuará nese mesmo lugar o domingo ata as 19:00 horas.

Deste xeito, 150 persoas participarán na modalidade Multiactividade que inclúe as seguintes actividades: bolas e bananas acuáticas para flotar sobre a auga; sea-scooter para mergullarse como golfiños; rutas pola ribeira dirixidas por expertos en bioloxía; xogos infantís acuáticos; paddle surf para tonificar os músculos ó remar a bordo de táboas de surf; e circuítos por terra en monopatíns eléctricos.

Outras 20 están anotadas para a práctica de wakeboard, combinación entre esquí acuático e snowboard que consiste en manter o equilibrio sobre unha táboa, e 60 para a de Kite Surf. Esta modalidade é a primeira vez que se inclúe dentro do programa e consiste nunha variante espectacular deste deporte que non deixa de gañar adeptos na provincia, e que incorpora cometas.

Rematada a súa estancia en Foz, as actividades, que están dirixidas a toda a familia e custan 5 euros por persoa, continuarán ó longo de todo o mes na Mariña. Concretamente, celebraranse en Burela, na praia urbana, os días 18 e 19 de xuño, e o 25 e 26 no porto de Ribadeo (zona da Confraría).

Últimas prazas

Todos os interesados en participar no programa de ocio ecolóxico aínda poden inscribirse. Para elo, deberán chamar ó 982.12.00.64 ou 609.90.32.11. Tamén poderán facelo na propia localización das actividades, antes de comezar. Isto non garante que haxa vacantes. O pago das cotas de inscrición pódese efectuar previamente na conta bancaria de Banesto: 0030-7060-30-0298064273, co concepto Lugoteando, ou antes de cada actividade. Máis información en: www.deputacionlugo.org e en www.lugo.es. No caso dos menores de idade, deben presentar unha autorización asinada dos pais ou titores, que poden descargar nas web.