Deputación de Lugo

Entra en funcionamento o campo de fútbol de herba artificial de Foz no que a Deputación investiu preto de 500.000 euros

O Presidente inaugura oficialmente as novas instalacións que se inclúen dentro do macro plan de obra pública creado en 2010 para adiantarse á saída da crise e manter os postos de traballo existentes na provinciaEsta actuación forma parte do paquete de obras, que suma 1,5 millóns de euros, e co que se dota de servizos básicos ós veciños e se deu traballo a preto de 90 persoasGómez Besteiro anuncia que despois do verán se iniciarán as obras de mellora da recollida de augas pluviais da Avenida da Mariña, unha das rúas máis transitadas do núcleo urbano

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do compañeiro de Corporación, José Ramón Val Alonso, do Alcalde de Foz, Javier Castiñeira, e dos representantes das escolas infantís e de veteranos do Clube Deportivo Foz, inaugurou este luns o novo campo de herba artificial de Malates que foi acondicionado polo organismo provincial co macro plan de obra pública creado en 2010 para adiantarse á saída da crise e manter os postos de traballo existentes na provincia. Deste xeito, a Deputación, a petición do Concello, atende unha forte demanda do sector do deporte e dos veciños en xeral de dispoñer dunhas instalacións axeitadas para a práctica futbolística, xa que o recinto actual presenta deficiencias que dificulta o seu uso. Neste caso, o investimento é de preto de 500.000 euros.

O Presidente e o Alcalde protagonizaron a anécdota da xornada. Ambos os dous mandatarios estrearon o campo tirando uns tiros á porteiría, intercambiándose os papeis de gardameta e dianteiro. Neste senso, Besteiro subliñou que “dito e feito. Comprometémonos a dotar a Foz dun campo de herba artificial en condicións e así o fixemos. Agora os rapaces deste Concello xa non terán que marcharse a outros municipios para xogar a fútbol. É dicir, Foz pasar de ter un campo de segunda a un de primeira”. Pola súa banda, Javier Castiñeira agradeceu publicamente a colaboración da Deputación “porque permite ampliar a oferta futbolística dun Concello con ampla traxectoria na práctica deste deporte”.

O campo de fútbol súmase ás outras 8 actuacións que o organismo provincial executa dentro de dito Plan. Trátase dun paquete de proxectos, que suma 1,5 millóns de euros, e co que a Deputación dota de servizos básicos ós veciños e se melloran equipamentos necesarios para o desenvolvemento do municipio. Na execución destas obras traballaron un total de 87 operarios, que se suman ós 33 contratados por medio do plan Lugo Emprega. Os sete proxectos restantes que ten previsto a Deputación en Foz están a maior parte rematados, agás a construción de tres illas para o soterramento de contedores de lixo, que está en vías de execución.

Así mesmo, xa están finalizadas a reforma da escola de Forxán, en San Martiño de Mondoñedo; o parque infantil na Rúa Congostra do Cura e adecuación do da Praza Conde de Fontao; a execución das arquetas de bombeo na Pontevella, en Fazouro; o acondicionamento de salas de exposición e cafetería no Centro de Interpretación da Mariña (Cenima); a instalación de spa na piscina municipal; o subministro de bombas para a impulsión de residuais nas parroquias de Fazouro e Cangas execución, así como o equipamento e infraestruturas de servizos básicos, e mellora na rede viaria municipal con dotación de aglomerado. O organismo provincial tamén custea con 33.948 euros a redacción do proxecto para a construción dunha residencia de maiores con 100 prazas e un centro de día incorporado.

Xestións efectivas de José Ramón Val
Malia que o campo de fútbol comezou a funcionar hoxe de xeito oficial, a Deputación fixo unha excepción coa asociación cultural-deportiva de Foz, posibilitando a celebración do Torneo de fútbol 7 da Mariña antes do remate final das obras. Neste senso, as xestións levadas a cabo polo Deputado provincial, José Ramón Val Alonso, foron decisivas para que os días 2 e 3 deste mes se desenvolvese a competición nas instalacións construídas pola Deputación. A celebración do evento achegou a este municipio máis de 400 persoas durante a pasada fin de semana.

Novas obras para Foz e outras a piques de rematar
O Presidente tamén anunciou que despois do verán iniciaranse as obras de mellora da recollida de augas pluviais dunha das rúas máis transitadas do núcleo urbano. Trátase da Avenida da Mariña, na que se investirán máis de 160.000 euros. Neste senso, o titular provincial explicou que “optamos por deixar pasar a época estival para non causar problemas circulatorios ós centos de visitantes que nestas datas se achegan a Foz”.

Estas actuacións súmanse a outras levadas a cabo polo organismo provincial neste municipio. É o caso da estrada que enlaza Reiriz con Espiñeira, que está a piques de rematar e na que se invisten 550.000 euros, financiados ó 100% polo organismo provincial. Ademais de verse na obriga de desbloquear a execución desta actuación –a anterior Deputación deixáraa adxudicada, pero sen expropiar os terreos- o actual equipo de goberno fixo un esforzo maior, ampliando as obras á totalidade da estrada, que ten unha lonxitude de 2,2 quilómetros. Neste caso, ademais da renovación do firme, o proxecto inclúe a construción de beirarrúas, alumeado público e servizos de telecomunicación, saneamento e abastecemento de auga.