Deputación de Lugo

Besteiro e Roel supervisan a transformación de Celeiro dotada de 3 millóns de euros

Como nova mostra deste cambio, Presidente e Alcalde avanzaron a apertura para outono do campo de fútbol e béisbol situado nunha zona onde anteriormente só existía varreduraXunto a esta instalación deportiva, o parque de bombeiros, a creación de servizos básicos, zonas verdes ou espazos de recreo completan a transformación de CeleiroBesteiro insta á Xunta a construír “infraestruturas do século XXI e non unha VAC” co fin de evitar que “as comunicacións dividan á Mariña nunha Comarca de dúas velocidades”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, deron conta este mércores da suma de esforzos da institución provincial e o Concello para a transformación de Celeiro. Besteiro e Roel salientaron que o traballo conxunto entre ambas as dúas administracións en dito núcleo urbano viveirense “que hai 8 anos era unha escombreira” supuxo a creación de novos servizos por un valor total de 3 millóns de euros. É por elo, que o Alcalde agradeceu o compromiso do Presidente co Concello mariñano e incidiu en que “Besteiro non vén hoxe a Viveiro porque sempre estivo aquí. Deberíamos nombralo fillo predilecto”.

Os traballos impulsados por Deputación e Concello de Viveiro en Celeiro mediante distintos plans son os seguintes: acondicionamento e dotación do local de ensaio (48.000 euros); mellora do parque infantil (24.000 euros); urbanización e rexeneración da rúa Grande (250.000 euros); melloras no cemiterio (30.000 euros); pavimentación e servizos no camiño de acceso a Atalaia-Celeiro (61.180 euros); rexeneración do contorno do parque infantil de Lavandeiras (59.000 euros); saneamento da cuberta e dotación de vestiarios no pavillón deportivo (128.000 euros); reforzo do alumeado público (59.000 euros); mellora da Casa do Forno (210.000 euros); acondicionamento da área deportiva e recreativa en Lavandeiras (60.000 euros); renovación do alumeado público co obxectivo de reducir o consumo eléctrico (60.000 euros); adecuación e mellora do abastecemento de auga a domicilios na rúa Atalaia (60.000 euros); construción dunha nova instalación deportiva (256.000 euros); e posta en marcha do parque de bombeiros mediante o Consorcio provincial (1,7 millóns de euros).

Campo de fútbol-béisbol

Como nova mostra deste cambio, Besteiro e Roel avanzaron que en outono abrirá as súas portas a instalación deportiva que, a petición do Alcalde, está a ultimar o organismo provincial en Lavandeiras, nunha zona onde anteriormente só existía varredura e escombreiras. Trátase do campo de fútbol e béisbol impulsado por Roel, quen quixo que esta pista deportiva incorporase a posibilidade de practicar béisbol en resposta ás demandas dos veciños. Foi o equipo “Dominicanos de Viveiro” quen principalmente expuxo esta petición na “Casa do Emigrante” que a institución provincial levou a Viveiro xa en 2009 co fin de favorecer a integración deste colectivo, así como atender ós galegos residentes no exterior.

O Presidente e o Alcalde, acompañado polo Deputados mariñano, Lara Méndez e José Ramón Val Alonso, supervisaron dita instalación deportiva acometida en dúas partes:

- A 1º fíxose dentro do convenio entre Deputación, Concello e Xunta, impulsado por Besteiro e Roel, co obxectivo de dotar de infraestructuras urbanas e mellorar os equipamentos existentes de Viveiro. Presidente e Alcalde acordaron que unha das 7 actuacións deste acordo fose a creación do campo de fútbol por valor de 200.000 euros.

Tal e como establece dito convenio, o municipio fíxose cargo do proxecto, o organismo provincial da execución das obras e o Goberno galego do seu financiamento, contando para elo, con dúas anualidades e un prazo máximo ata o 30 de novembro para cada ano. Logo de que o Concello levase a cabo coa máxima axilidade a redacción desta iniciativa, a institución provincial acometeu as tarefas de acondicionamento, saneamento e drenaxe da parcela.

- A 2º e última fase enmárcase dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública. Besteiro e Roel acordaron en decembro que 1 das 23 actuacións do convenio de 1 millón de euros para Viveiro do mencionado plan, fose a dotación de herba natural e de equipamento deportivo (porterías, marcadores, bancadas..) para o campo de fútbol ó que incorporaron ademais, a posibilidade de practicar béisbol. A Deputación está agora a ultimar estas actuacións dotadas de 56.000 euros e financiadas ó 100% pola institución provincial.

A este respecto, o Rexedor avanzou que o vindeiro martes se procederá a instalación do alumeado e mobiliario. Ademais subliñou que as gradas e o palco que estaban afincadas na praza maior, empregados por exemplo para o Festival de Landro, pasarán a formar parte do campo de fútbol e béisbol “como medida de austeridade” .

Autovía e non VAC

O Presidente da Deputación aproveitou a visita a Mariña para trasladar a necesidade de vertebrar a Comarca única e exclusivamente con autovías. Besteiro instou a Xunta a facer da Vía de Alta Capacidade (VAC) unha autovía tal e como está a facer o Executivo central co Transcantábrica co fin de “evitar que as comunicacións dividan á Mariña nunha comarca de dúas velocidades” O titular provincial destacou que “con independencias dos prazos, o importante é non renunciar a este concepto que debemos defender todas as administracións para comunicar o litoral lucense con infraestruturas do século XXI. O corredor de San Cibrao non deixa de ser unha estrada normal e, no caso da Mariña, será un embudo. Viveiro volta a perder outra oportunidade”.