Deputación de Lugo

Arrinca a 4ª edición de Equigal, Salón do Cabalo de Galicia patrocinada pola Deputación

Imaxe deputación de lugo
O Salón do Cabalo de Galicia, Equigal 2011, abriu hoxe oficialmente as súas portas co inicio do concurso morfolóxico do cabalo de Pura Raza Española encadrado na categoría B do campionato de España.

As sete e media da tarde tivo lugar a inauguración oficial do certame coa visita a Equigal dalgunhas das autoridades máis relevantes do eido político, empresarial e social de Lugo. A inauguración oficial correu a cargo de Eduardo Núñez-Torrón, Presidente Executivo da Fundación Feiras e Exposicións, Manuel Chaín, Concelleiro de Zona Rural do Concello de Lugo e Lara Méndez, Vicepresidenta 2ª de la Diputación Provincial de Lugo.

Núñez-Torrón destacou na súa intervención a súa satisfacción por poder celebrar a cuarta edición de Equigal “porque atravesamos momentos de enormes dificultades económicas, dos cales tampouco as feiras e eventos destas características se escapan”. Neste senso, destacou o esforzo levado a cabo pola Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, entidade organizadora do evento: “desde a Fundación cremos que un certame como este, xa consolidado, non se pode caer do calendario feiral galego e o esforzo que fixemos para estar hoxe aquí, asegúrovos, foi moi considerable.” E agradeceu os apoios institucionais e empresariais cos que contou Equigal 2011: “resaltar o asesoramiento técnico e o esforzo da Asociación de Criadores de Cabalos Españoles de Galicia (ACCEGA), a Asociación Galega de Criadores de pura raza Española (AGACPRE), a Asociación Pura Raza Cabalo Galego. E as aportacións da Deputación Provincial de Lugo e a súa Vicepresidencia Primeira, así como do Concello de Lugo, a Fundación Rof Codina, El Progreso, Piensos Equicor, Nuevos Jardines ou Coca Cola, sen esquecer o apoio fundamental de empresas dos máis diversos sectores da nosa provincia”.

Finalmente o presidente ejecutivo de la Fundación Ferias quixo ter un recordo para o recentemente falecido Manolo Dopico un dos fundadores e grandes artífices de Equigal: “Desde a orixe deste certame lucense Manolo Dopico foi unha peza crave no seu nacemento, desenvolvemento e actual consolidación, sendo un dos seus principais artífices e impulsores. Asegúrovos que era unha persoa moi querida e apreciada entre a gran familia do cabalo de Pura Raza Española, dentro e fóra de Galicia. Por todos estes motivos, desde a organización de Equigal decidimos preservar como se merece a memoria de Manuel Dopico, e que mellor que facelo a través da creación do Memorial e Premio Especial Manuel Dopico, que neste ano 2011 celebrará a súa primeira edición e que continuaremos en sucesivas edicións de Equigal.”

Manuel Chaín agradeceu, en nome do Concello de Lugo, aos organizadores de Equigal e aos afeccionados ao mundo do cabalo o seu esforzo e interese por organizar un evento destas características. E desexou o maior dos éxitos tanto para esta coma para as vindeiras edicións do certame equino cun “longa vida a Equigal”

Finalmente, Lara Méndez pechou o acto inaugural sinalando a importancia de Equigal, logo de xa catro anos de celebración, coma referente do sector en toda Galicia, e coma unha aposta máis da Deputación pola defensa, promoción e dinamización do campo lucense, “un sector esencial que está a atravesar momentos difíciles e que non pode deixar de ser apoiado, un sector que é esencial para o desenvolvemento da provincia”. Indicou tamén que un evento destas características aporta riqueza para a cidade, en sectores coma a hostelería e o turismo, ao contar coa presencia de gandeirías vidas de fóra da provincia. No remate, Méndez felicitou á organización de Equigal polo traballo e esforzo “á hora de levar adiante o certame, sobre todo polo momento de crise que estamos a atravesar” e valorou a importancia do Salón no canto que auna os esforzos da administración e da iniciativa privada, factor este no que se apoia o éxito tanto desta edición coma das precedentes.

Equigal 2011, Salón do Cabalo de Galicia

O Salón do Cabalo de Galicia – Equigal 2011 celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 2 ao 4 de setembro de 2011. O Salón acollerá as máis diversas modalidades hípicas nas súas diferentes vertentes así como o emerxente mercado equino de Galicia. En total serán corenta as gandarías equinas participantes e máis de 100 o número de exemplares, entre cabalos e eguas. En Equigal terá lugar unha ampla gama de actividades e espazos arredor do mundo do cabalo. Os mellores animais das diferentes razas criadas en Galicia daranse cita en en Lugo nun Pazo de Feiras e Congresos que dispón para Equigal de 10.000 m2

Organización e patrocinadores

Equigal 2011 é un evento organizado pola Fundación Feiras e Exposicións de Lugo. Conta co patrocinio principal e apoio da Deputación Provincial de Lugo, así como o do Concello de Lugo, a Fundación Rof Codina, El Progreso, Coca Cola e Pensos Equicor.

Colaboran na organización as asociacións: Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), Asociación Nacional de Criadores de Cabalos Españois (ANCCE), Asociación Galega de Criadores de pura raza Española (AGACPRE), Pura Raza Cabalo Galego, o Club Hípico Equigal e a Asociación Deportiva Lucense de Doma.