Deputación de Lugo

Besteiro define ós seus representantes para o Consello de Administración de SUPLUSA

É o órgano responsable da aprobación do Orzamento desta Sociedade, da posta en marcha das obras de construción das primeiras 12 residencias con centro de día, da creación de novo solo industrial en Lugo ou do desenvolvemento do proxecto de PACADAR Para a designación dos candidatos, o titular provincial tivo en conta os perfís e a formación de cada un deles, decantándose finalmente por García Porto, López Izquierdo, Sotuela Vega e Díaz Valiño, ó seren os Deputados máis axeitados para o bo funcionamento da Sociedade O vindeiro Pleno aprobará a proposta do Presidente da Deputación, quedando pendente a elección dos representantes polo Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego no Consello

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, vén de definir ós representantes do grupo provincial socialista que integrarán o Consello de Administración da Sociedade Urbanística Provincial. É o órgano de dirección de dito organismo dependente da institución, responsable último das iniciativas impulsadas por SUPLUSA. O Pleno deste mes aprobará a proposta de Gómez Besteiro na que plantexa nomear conselleiros de dita Sociedade a Pilar García Porto, Sonsoles López Izquierdo, Miguel Ángel Soutela Vega e Juan José Díaz Valiño. Este cambio débese á nova composición da Corporación Provincial.

O Consello de Administración de SUPLUSA estará composta a maiores, polo propio titular provincial, representantes de todos os grupos políticos (PP e BNG), así como por un Secretario, Xerente, Tesoureiro, Interventor e Director Técnico. Entre os seus principais cometidos atópase a aprobación do orzamento da Sociedade para 2012, a posta en marcha das obras de construción das 12 primeiras residencias con centros de día na provincia, a creación de máis solo industrial en Lugo ou o desenvolvemento do proxecto de PACADAR, permitindo situar na área industrial de Monforte de Lemos a nova factoría desta entidade de prefabricados de formigón e crear máis de 100 postos de emprego nesta Comarca.

O perfil axeitado
Tendo en conta a responsabilidade deste órgano, para a elección dos conselleiros Gómez Besteiro avaliou o perfil dos seus posibles candidatos, decantándose finalmente pola Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, como encargada das contas da institución; a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, como defensora do desenvolvemento sostible da provincia; o Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela Vega, como bo coñecedor de SUPLUSA, organismo que estivo ó seu cargo durante o pasado mandato ó asumir a área de Urbanismo; e o Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, encargado de coñecer polo miúdo as necesidades dos 67 municipios lugueses.