Deputación de Lugo

A Deputación asesorará xuridicamente ós Concellos para recurrir no xulgado o drástico recorte da Xunta en servizos sociais

O organismo provincial, a través da Área de Cooperación cos Concellos, enviará unha carta a todas as entidades locais que decidan sumarse á iniciativa, ó tempo que se lle pedirá á administración autonómica que revise as axudas incluídas no programa Martínez subliñou que a decisión da Xunta retrotraerá a Lugo “á época da beneficencia. O PP aproveita a coxuntura política para meter de paso un hachazo a todos os Concellos, matando socialmente á provincia”O tixereitazo, que alcanza unha media do 80%, provocará que os Concellos teñan serios problemas para recuperar a cantidade adiantada dentro do programa de 2011 de atención a persoas maiores, dependentes, inmigrantes e minorías

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou este venres que a Deputación asesorá xuridicamente ós Concellos da provincia para axudarlles a que estes recurran perante o xulgado o drástico recorde que a Xunta de Galicia vén de aplicar na atención social, incumprindo así as bases establecidas nos programas de 2011 de atención a persoas maiores, inmigrantes e minorías. Ademais, o equipo de goberno esixirá á Xunta que revise as axudas incluídas nesta iniciativa, tal e como sinalou o Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga. Deste xeito, o organismo provincial, a través da Área de Cooperación cos Concellos, remitirá unha carta a todas as entidades locais que decidan sumarse á iniciativa, facilitándolles así os medios necesarios, xa que os dilatados recortes nas partidas do Goberno autonómico anuncian unha redución drástica dos fondos para pagar dito programa.

Martínez subliñou que esta decisión da administración autonómica retrotraerá á provincia “á época da beneficencia”, xa que a media dos recortes para os Concellos se sitúa no 80%, o que dificulta que as entidades locais recuperen os cartos que adiantaron para a posta en marcha do programa de atención social. “Paréceme impresentable e indecente. Ademais, fíxose sen contar coa poio da FEGAMP, que convocará unha reunión extraordinaria para que este problema se solucione. É unha decisión unilateral do Goberno do señor Feijóo, ese que acaba coa sanidade e coa educación, e agora faino cos servizos sociais. Eu creo que o Partido Popular, a parte de asfixiar economicamente ós Concellos e deixalos nunha situación moi difícil a final de ano, minte, terxiversa e manipula dicindo que o recorte só é do 5%. Eu convido a todos os veciños a que pidan os datos do ano 2010 e os de 2011”.

Pola súa banda, Antonio Veiga subliñou que “a Xunta non é un goberno austero, é un goberno despilfarrador. Con este trato discriminatorio, os Concellos son os máis perxudicados. Ademais, ataca ó emprego feminino. O que pretende a Xunta é que nos olvidemos da xustiza e nos adiquemos á caridade”.

“A decisión de Feijóo é a morte dos servizos sociais na provincia”

A este respecto, Martínez apuntou que “ó PP nunca lle gustaron os dereitos sociais, nin a educación universal, nin a sanidade para todos. Aproveita a coxuntura política para meter de paso un hachazo a todos os Concellos, matando socialmente á provincia. A decisión do señor Feijióo é a morte dos servizos sociais de Lugo”. Ademais, Martínez subliñou que “xogan cos veciños porque encima son tan cobardes politicamente que non dan a cara, Somos os Alcaldes os que temos que dar explicacións. Póñennos nunha situación de incrumprir todas as leis presupostarias que hai neste país, obrigándonos a dar a cara por eles”.

O Deputado reiterou que a atención social é un servizo necesario para os veciños, tal e como revela o Mapa Galego de Equipamentos Sociais elaborado pola Consellería de Traballo, segundo o que Lugo ten un déficit de prazas residenciais e necesita 2.268 para acadar os ratios mínimos de cobertura social. Pola contra, a Deputación, malia que non ten compentencias directas nesta materia, non só reforza o gasto social, mantendo o programa de Axuda no Fogar, senón que construirá 13 residencias da terceira idade noutros tantos Concellos, investindo máis de 15,5 millóns de euros. “Estamos falando de que temos unha poboación moi avellentada, que necesita eses servizos, porque se non deixámola na indixencia. E non só isto, senón que o PP vota en contra de que concerte prazas nas residencias cando o está facendo con centros privados. A verdade é que alucino porque as prazas privadas na provincia supoñen o triple cas públicas. Ó final, o Partido Popular o que busca é acabar cos servizos universais para voltar á indixencia. É un tema moi grave”.

A mesma situación que co PEIM de 2009 e beneficio para determinadas empresas

Para Manuel Martínez esta situación é a mesma que se produciu co Plan Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural. “Vivimos algo semellante co PEIM, que tiñan os 18 millóns de euros ingresados e non fixeron as obras de 2009 ata o 2011. Aquí volten a facer o mesmo: teñen os cartos ingresados e recoñecidos pero non sei que lles fan. Con tanta austeridade o señor Feijóo ten que aforrar cartos, eu pregúntome onde os mete porque gastar non gastan in un can. A Lugo non lle toca nin un só euro”.

O voceiro provincial socialista sinalou ademais que con esta decisión o único que vai facer a Xunta é beneficiar a determinadas empresas, “tal e como estamos vendo, xa que a xestión dos 12 centros que hai na provincia, téñenos dúas empresas. Esta é apolítica da Xunta, o peor goberno da democracia, isto con Fraga non pasaba. Agora a Deputación ten que ir apagando o desastre de xestión do goberno máis inútil de Galicia dende que hai autonomía”.

Piscina de Sarria

O voceiro provincial socialista referiuse, ademais, ás declaracións realizadas polo Concello de Sarria con respecto á piscina cuberta, que a Deputación financia dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública. Martínez pediulle ó Alcalde e ó seu goberno “que deixen de enganar ós veciños porque son eles os únicos que están retrasando este proxecto”. Neste senso explicou que, “a Deputación fixo os deberes”. O 18 de outubro ingresoulle a este Concello 1.457.000 euros, é dicir, a cantidade consignada para a execución desta infraestrutura que ten un investimento toal de 1.800.000 euros. A cantidade restante, 343.000 euros, corre a cargo do Concello. A día de hoxe, a entidade local só abou 78.422 euros, é dicir, aínda ten sen pagar os 264.578 euros restantes. “Por tanto, eu pregúntolles a todos vostedes, quen é o que realmente está faltando á verdade ós veciños de Sarria, o Concello ou a Deputación?”, concluíu o Deputado.

Acordos Xunta de Goberno

Na Xunta de Goberno aprobáronse as obras adicionais en dúas estradas provinciais que benefician ós veciños dos Concellos de Xermade e Vilalba por importe de 262.381 euros. Trátase das CP 2206 que vai de Casanova por Lousada á de Lanzós e Vilapedre e da 6509, que vai de Carrizo a Lousada. Concretamente, melloraranse máis de 11 quilómetros. Son obras que non están contempladas no proxecto, pero que son necesarias, tal e como subliñou Martínez. Consisten no ensache da calzada e saneo debido a que o terreo era peor do que se prevía, o que obrigou posteriormente a reforzar o firme. Previamente a estas obras adicionais, a Deputación acometeu a mellora destas estradas con aglomerado en quente investindo 1,4 millóns de euros.

Así mesmo deuse o visto e prace a 8 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2011 por importe de 102.348 euros, dos que a Deputación achega 73.351 euros. Pertencen ós Concellos de Taboada (3), Pol (2), Castro de Rei, Lugo e Pastoriza.