Deputación de Lugo

O Concello de Cervantes conta co seu primeiro parque infantil grazas ó apoio da Deputación

O Presidente provincial supervisou as obras da área de lecer, que, ademais de mellorar a calidade de vida dos veciños, engade un aliciente turístico á vila, pois os visitantes alongan a súa estancia ó dispoñer dun lugar onde descansarBesteiro inspeccionou tamén os traballos de canalización de augas pluviais acometidos polo ente provincial en Piornedo, unha actuación con 9.500 euros de orzamento que evitará que a estrada de acceso á aldea se asolague coas choivas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este xoves as obras de acondicionamento do primeiro parque infantil co que conta o Concello de Cervantes, unha actuación que resultou posible grazas á achega económica do organismo provincial. Acompañado do Alcalde, Benigno Gómez Taín, Gómez Besteiro coñeceu as novas instalacións, situadas ó carón da Fonde do Seixo, xunto á Casa Consistorial, “unha actuación necesaria para este municipio, xa que non só contribuímos a mellorar a calidade de vida dos veciños de Cervantes, senón que lles proporcionamos un espazo público do que non dispoñían”, tal e como apuntou o Presidente.

Este municipio da Serra dos Ancares conta con 90 rapaces de menos de 15 anos, que serán os principais beneficiarios do espazo de lecer. Ademais, tal e como recoñeceu o Alcalde, a obra engade un aliciente turístico á vila, pois os visitantes decídense a alongar a súa estancia ó dispoñer dun lugar onde descansar ou merendar.

O proxecto de construción do primeiro parque infantil de Cervantes inclúese dentro do convenio asinado co Concello e a Consellería de Presidencia e en virtude do que a Deputación lle concedeu á entidade local unha subvención de 5.000 euros.

Mellora da canalización de augas pluviais

O Presidente Provincial tamén supervisou hoxe na localidade os traballos de canalización de augas pluviais executados pola Deputación na aldea de Piornedo. As obras, xa rematadas, evitan un problema co que os veciños se atopaban en cada época de choivas, pois a canalización impedirá o asolagamento da estrada que dá acceso ó pobo, cuxas marxes ademais se utilizan habitualmente como aparcadoiro.

A institución luguesa financiou con 9.456 euros este proxecto de mellora de equipamentos e infraestruturas públicas, co que contribuíu a manter 4 postos de traballo. Así mesmo, no transcurso da visita, o Presidente tamén anunciou que a Deputación xa adxudicou a subministración ó Concello de Cervantes dunha cuña de máquina quitaneves, valorada en 13.570 euros, e diversa maquinaria e ferramentas de obra, por valor de 8.430 euros, co obxectivo de dotar a este municipio do novo material para o arranxo de vías municipais e para atender as incidencias que se poidan producir ó longo do inverno neste municipio da Montaña.

2,6 millóns en infraestruturas e servizos

Estas actuacións súmanse ás outras executadas polo organismo provincial neste Concello durante os últimos catro anos. En total, a Deputación investiu máis de 2,6 millóns de euros na dotación e mellora de infraestruturas, servizos e equipamentos en Cervantes. Deste xeito, ocupouse do mantemento e mellora de 151 quilómetros de estradas provinciais e municipais, ademais de acometer 20 obras relacionadas co acondicionamento de redes de augas, camiños, muros e fontes, entre outras, e renovar ou ampliar o alumeado público de 13 núcleos rurais.