Deputación de Lugo

A Deputación conclúe a constitución dos órganos de xestión das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares

Besteiro presidiu hoxe as reunións nas que se crearon os Consellos Reitores dos dous espazos naturais, cos que queda completada a estrutura de dirección Están representados os grupos políticos provinciais, os Concellos, o Ministerio de Medio Ambiente e 16 organizacións sociais. A Xunta non respondeu á chamada da Deputación para sumarse ó proxecto, a pesar de ter recibido a convocatoria por tódolos condutos oficiaisOs entes xestores reuniranse a primeiros de ano para abordar o Plan de Acción que marcará as liñas estratéxicas de conservación e desenvolvemento a aplicar en Terras do Miño e Os Ancares nos próximos anos

A Deputación de Lugo concluíu este mércores a constitución dos órganos de xestión das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares, cumprindo así cos prazos marcados hai quince días cando iniciou o proceso de creación da nova estrutura de dirección e converténdose nunha das primeiras administracións de Galicia en dar este paso. Tras conformar a finais de outubro os Órganos de Participación, a institución provincial creou hoxe os Consellos Rectores das Reservas Terras do Miño e Os Ancares en sendas reunións que presidiu o xefe da corporación provincial, José Ramón Gómez Besteiro.

Os Consellos Reitores contan con representantes dos tres grupos políticos provinciais (PSOE, BNG e PP) e do Ministerio de Medio Ambiente. Tamén debería estar presente a Xunta, pero a Consellería de Medio Ambiente non respondeu á chamada da Deputación para sumarse, a pesar de ter recibido a convocatoria por tódolos condutos oficiais. En calquera caso, se a Administración autonómica decide adherirse en futuras reunións, poderá facelo. A composición dos Consellos Reitores é a seguinte: Gómez Besteiro preside o ente; a vicepresidencia exércea a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e os vogais son Lara Méndez, polo PSOE; Mario Outeiro, polo BNG; José Manuel Mato, polo PP; Natalia Beltrán Díaz, polo Ministerio de Medio Ambiente como xefa de servizo do programa Men and Biosphere (MaB), xestionado polo organismo autónomo Parques Nacionales; e dous técnicos nomeados á proposta do Presidente provincial. No caso de Terras do Miño, estes técnicos son Jesús Domínguez, doutor en Bioloxía da Universidade de Santiago, e Fernando Planas, Enxeñeiro de Vías, Canais e Portos, e no de Os Ancares, trátase de Antonio Rigueiro e Javier Guitián, catedráticos da USC.

Polo que respecta ós Órganos de Participación, preside tamén Gómez Besteiro e os vogais son representantes municipais dos Concellos integrados nas reservas e dos tres grupos políticos provinciais (Sonsoles López, polo PSOE; Mario Outeiro, polo BNG, e José Manuel Mato, polo PP), así como de 16 organizacións agrarias, de montes en man común, ecoloxistas, de turismo rural e en defensa do patrimonio que mostraron o seu interese en tomar parte na xestión das reservas e que desenvolven o seu traballo dentro destes territorios. Neste senso, no Órgano de Participación de Terras do Miño hai 13 colectivos: Asociación Revolta Natural de Cospeito; Tecor de Caza Riotorto; Asociación Medioambiental de Riotorto; Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN); Asociación Terras de Lugo; Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AGRUPALUGO); Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA); Sindicato Labrego Galego (SLG); as Comunidades de Montes en Man Común de Amorín e Carqueixas (Pol), de Santo Estevo de Parga (Guitiriz) e de San Xulián de Roca (Guitiriz); xunta local da Asociación Española contra o Cancro de Guitiriz, e Asociación Cultural e Medioambiental dos Veciños de San Xulián de Becín, tamén no Concello guitiricense. Pola súa banda, no Órgano de Participación dos Ancares están 3 organizacións: Asociación Rurancares de Cervantes, Sociedade Galega de Historia Natural e Sindicato Labrego Galego.

Os Órganos de Participación terán como función a consulta e proposta de ideas sobre a conservación e desenvolvemento socioeconómico do territorio das Reservas, así como suxerir actuacións que revertan na mellora da calidade de vida dos veciños e do seu entorno, mentres que os Consellos Reitores asumirán a responsabilidade de decisión e execución de medidas.

A Deputación xa está a traballar na elaboración dun Plan de Acción que definirá as liñas estratéxicas de actuación nestes espazos naturais nos próximos anos. Precisamente, os órganos de xestión que se acaban de poñer en marcha estes días deberán aprobalo tras revisalo e introducir as propostas que consideren oportunas. A súa primeira reunión para levar a cabo este cometido terá lugar a primeiros de ano.

Concellos e cidadanía, auténticos protagonistas

Coa constitución da nova estrutura directiva, os Concellos e a cidadanía pasan por primeira vez a ter voz na toma de decisións relacionadas coa xestión das reservas, converténdose en auténticos protagonistas no deseño das estratexias de futuro destes espazos. Ata o momento, a Deputación asumía en solitario a xestión de Terras do Miño e Os Ancares a través do programa Lugo2, financiado con fondos europeos e co que se crearon 60 postos de traballo directos.

O 55% da provincia é Reserva da Biosfera

Lugo é a única provincia de España na que máis do 55% do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO, un valor engadido que a Deputación quere aproveitar polas oportunidades económicas e de creación de emprego que ofrece e tamén polo abano de posibilidades que abre para atallar un dos máis graves problemas que afronta a provincia, o despoboamento demográfico.

A provincia lucense concentra a maioría das Reservas recoñecidas en Galicia, ó contar con tres dos cinco espazos naturais que a UNESCO declarou na comunidade autónoma: Terras do Miño, Os Ancares, e Río Eo-Oscos-Terras de Burón. A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi a primeira que a UNESCO declarou en Galicia, no ano 2002, e a máis grande da comunidade autónoma e a segunda de toda a Península Ibérica. Ocupa 363.668 hectáreas, o que supón o 39% do territorio da provincia. Na Reserva está incluídos 26 concellos da Cunca Alta do Miño, pertencentes á súa vez a 7 comarcas lucenses: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.

Declarada en 2006, a dos Ancares foi a segunda Reserva recoñecida en Lugo e a terceira de Galicia. A súa superficie total é de 53.664 hectáreas, o que supón aproximadamente o 6% do territorio da provincia. Inclúe os municipios de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá.

A UNESCO outorgou en 2007 o recoñecemento a área Río Eo, Oscos e Terras de Burón, cuxa candidatura foi apoiada pola Deputación. Ocupa unha superficie de 108.007 hectáreas (o 11% do territorio da provincia) e comprende 7 Concellos galegos (Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz) e outros 7 pertencentes a Asturias.