Deputación de Lugo

Besteiro anuncia na inauguración do curso da UNED que as obras da nova sede comezarán antes de acabar o ano

O Presidente avanzou na apertura do ano académico da Universidade que as “amplas e modernas” instalacións que se habilitarán no antigo Hotel Miño estarán rematadas en abril e converterán ó de Lugo no centro referencial do noroeste de España Gómez Besteiro destacou que, fronte “á tixeira que aplican outras administracións e á súa cegueira privatizadora”, o organismo provincial “non recorta nin un só euro nas políticas sociais, pois cremos que en época de crise estas deben permanecer blindadas”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este xoves na inauguración do curso 2011-2012 da UNED de Lugo, un acto no que anunciou que as obras de acondicionamento da nova sede do centro universitario no antigo Hotel Miño comezarán antes de finalizar o ano e estarán rematadas no mes de abril. Besteiro subliñou ante a comunidade educativa da Universidade Nacional de Educación a Distancia que grazas a este proxecto contarán en pouco tempo cunhas dependencias “amplas e modernas” que lles prestarán un servizo axustado ás súas necesidades. Engadiu que o de Lugo será “o centro referencial” da UNED no noroeste de España, destacando sobre os restantes tanto en Galicia como en Asturias, así como sobre os de León, Zamora e Salamanca.

Coa cesión do edificio principal do Hotel Miño para habilitar a sede, a Deputación saldou “unha débeda histórica” coa capital da provincia, pois era a única de España que non contaba con esta infraestrutura, e buscoulle unha utilidade pública a un inmoble que levaba anos abandonado, “poñéndoo ó servizo dos cidadáns”, recalcou Gómez Besteiro.

Na apertura do curso da UNED, cuxa ponencia inaugural foi pronunciada polo Ministro de Fomento, José Blanco, o Presidente da Deputación subliñou que coa posta en marchas destas instalacións, a institución demostra a súa aposta por facilitar o máximo acceso á educación, a pesar de que non é a que ten competencias na materia, pois a responsable é a Xunta. “Fronte á tixeira que están a aplicar outras administracións, que, en resumidas contas, se traduce nunha cegueira privatizadora, nós non recortamos nin un só euro nas políticas sociais, pois entendemos que en época de crise estas deben permanecer blindadas”. Outro dos exemplos dese compromiso da Deputación é que mantén, por terceiro ano consecutivo, a gratuidade da matrícula na Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, a única da provincia que imparte ensinanzas en materia audiovisual.

“Eficacia na xestión e gasto xusto”

Besteiro avogou nestes momentos de dificultade económica pola “eficacia na xestión, a seriedade, a sensatez e o gasto xusto, non instalar a idea do aforro e da austeridade a calquera prezo”, porque con isto só se consigue “desmantelar o noso Estado de Benestar”. Cando as arcas públicas fraquean “a educación non é un problema, senón todo o contrario, é unha solución para loitar contra o desemprego e anticiparnos a saída da crise”, engadiu.

Ademais do Presidente provincial e o Ministro de Fomento, no acto inaugural estiveron presentes o Vicerreitor de Coordinación de Centros Asociados da UNED, Rodrigo Martín García; o Presidente do Padroado do centro universitario en Lugo e Alcalde da capital, José López Orozco; o Vicepresidente do Padroado e Delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro Iglesias; e o director do centro asociado lucense, José Luis Prieto Arroyo.

A nova sede

Cun orzamento de 1,3 millóns de euros, a institución provincial e a UNED acondicionarán unha sede de 1.993 metros cadrados, distribuídos en catro plantas:

- Na pranta baixa (446 m2) situarase unha biblioteca de acceso libre, con conexión a Internet de 10 megas e cuxa extensión triplica a existente. Ademais, localizarase o departamento de orientación, formación e emprego (COIE), así como o de atención ó alumnado.

-Na primeira pranta (536 m2) habrá 6 aulas compostas por tabiques móbiles facendo posible que en tempadas de maior afluencia de estudantes, por exemplo durante a celebración de exames, quede unha soa sala con capacidade para 200 persoas. Tamén neste espazo, se localizará a sala de reunións e a de dirección.

- Na segunda pranta (536 m2) estarán as restantes 12 aulas -isto significa que a UNED contará cun total de 16 aulas-, así como a área de informática.

- A terceira pranta (475 m2), que hoxe é a terrraza, converterase no espazo que acolla o salón de actos e os laboratorios.

A maiores, contará cun aparcadoiro de 1.900 metros cadrados, con preto de 100 prazas, que se afincará onde anteriormente se situaba o bloque 2. Tratábase dunha infraestrutura do ano 70, que só foi empregada como vivenda dos traballadores do Hotel Miño e que se atopaba en estado ruinoso. Ante esta situación, e tendo en conta que o plan de necesidades presentado polos técnicos da UNED onde se contemplaba a construción de dito espazo, a institución xa derribou este inmoble, achegando para elo, outros 89.000 euros e axilizando o traslado da Universidade a Distancia ás instalacións provinciais.

No bloque 3 do Hotel Miño atópase xa dende abril a brigada de mantemento da Deputación, composta por 32 traballadores, así como o Arquivo Provincial, departamento que se trasladou do Pazo de San Marcos e do Inludes onde se atopa desglosado a estas instalacións provinciais, co fin de garantir a conservación de máis de 12.000 publicacións e evitar os problemas de humidade existentes no seu anterior emprazamento.