Deputación de Lugo

A Deputación fixa para outubro o remate do polígono de Chantada, dotado con case 3 millóns de euros

O Presidente destaca a celeridade coa que avanzan as obras desta infraestrutura, financiada ó 100% polo organismo provincial, e que permitirá impulsar a economía do municipio e a creación de novos postos de traballo na ComarcaAdemais de aliviar ó Concello do custe que supón a súa execución, a Deputación consegue abaratar nun 10% a adquisición das parcelas, ofrecéndolles ás empresas un prezo moito máis competitivo Grazas ó canon, o Concello rematará antes de finais de ano o auditorio, unha infraestrutura moi demandada, xa que na actualidade Chantada non conta con ningún espazo para acoller actos que superen as 150 persoas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e o Presidente da Asociación de Empresarios de dito municipio, José Manuel Lage, anunciou este venres que a Sociedade Urbanística Provincial rematará en tempo récord as obras de ampliación do polígono dos Acivros. Neste senso, outubro é o mes fixado por SUPLUSA para finalizar esta infraestrutura coa que o organismo provincial favorecerá o asentamento de novas empresas e, por tanto, contribuirá á xeración de novos postos de traballo no municipio. Gómez Besteiro subliñou que “foron 3 anos de crise nos que fomos capaces de cumprir cos nosos compromisos con Chantada como este polígono ou o canon. Hai 2 formas de facer política, a de ampararse na austeridade e non facer nada, e a de priorizar e tirar para diante. Non somos administradores de fincas nin vivimos xustificándonos. Temos que seguir traballando porque esta é unha zona moi importante para a provincia”.

Pola súa banda, o Alcalde salientou que “para min é unha delicia que estas actuacións se rematasen em tempo record. Agora si temos polígono en condicións. Agardo que os emprendedores comecen a asentarse”. Mentres, Jose Manuel Lage fixo fincapé na importancia que supón a amplicación do polígono para evitar a saturación da zona.

As obras, dotadas con preto de 3 millóns de euros, están financiadas ó 100% polo organismo provincial, polo que a Deputación asume na súa totalidade a súa execución, aliviando deste custe ó Concello. Previamente á ampliación do polígono, que ten unha superficie de 118.000 metros cadrados, executouse a reurbanización da mesmo dentro do canon e dotouse de subministro de auga grazas ó Plan de Obras e Servizos de 2010.

Un prezo máis barato e competitivo

Para moitas empresas hoxe é practicamente imposible adquirir solo industrial, debido ós altos prezos que fixan administracións como a Xunta de Galicia. Por este motivo, a Deputación, ademais de ofrecer un prezo moito máis económico e competitivo, conseguindo que os seus polígonos sexan un 67% máis baratos que os que impulsa a administración autonómica, concurriu ás axudas do Plan “Reindus” 2011 do Ministerio de Industria para a reindustrialización e modernización do proceso produtivo. Dos 300.000 euros concedidos polo Goberno Central, a institución que preside Gómez Besteiro decidiu destinar 150.000 ó polígono chantadino, o que permitiu abaratar o custe do metro cadrado nun 10%, quedando en 33 euros.

O máximo mandatario provincial destacou que “mecanismo hainos, o caso é que se quieran empregar. Nestes momentos, unha firma xa ten reservada unha parcela de 10.000 metros, pero se non fose pola Deputación, esta empresa nunca se asentaría neste municipio. Primeiro, pola falta de espazo e, segundo, polo custe que supón a compra do solo”.

Ademais, outra medida acollida satisfactoriamente polo empresariado é que dende hai algo máis dun ano a Deputación ofrécelles a posibilidade de efectuar o pago das parcelas nun prazo máximo de 5 anos fronte ós 3 anunciados pola Xunta. No caso de que nese tempo, os compradores non paguen a parte correspondente, eliminánse as cláusulas de penalización, devólveselle á empresa a cantidade aportada e a institución provincial recupera a titularidade da propiedade.

Dende 2008 a Deputación executou 8 polígonos que suman máis de 1 millón de metros cadrados, superando os 15 millóns de euros de investimento. Neste momento continúan as obras do de Castroverde, que rematarán nos vindeiros días, e xa se están a executar as de Paradela. En 2009 finalizaron os de Ourol e Baleira e, en 2008, o de Friol, no que só falta que a empresa eléctrica soterre a liña de alta tensión. Tamén están en marcha os de Riotorto e Fonsagrada.

O auditorio para finais de ano

Gómez Besteiro e o rexedor municipal tamén supervisaron as obras de construción do novo auditorio nas que o organismo provincial inviste 900.000 euros e que se inclúen dentro do canon hidroeléctrico, iniciativa a través da que nos últimos tres anos se investiron preto de 5 millóns de euros en Chantada. Coa execución desta infraestrutura, a Deputación satisface unha vella demanda dos veciños, xa que na actualidade non existe ningún espazo con capacidade suficiente para acoller actos con máis de 150 asistentes. Co pagamento do canon, o organismo provincial non só salda unha débeda histórica que arrastraba a institución provincial co municipio dende hai case dúas décadas, senón que contribúe a recuperar a estabilidade presupostaria do Concello e xera emprego na localidade. Só co obra do auditorio mantéñense 35 postos de traballo.

A nova dotación, que terá cabida para unhas 400 persoas e que estará rematada a finais de ano, xa está en marcha dende hai uns meses grazas ós fondos do Plan E. Neste senso, coa aportación da Deputación e do Goberno Central, o Concello pode completar na súa totalidade esta infraestrutura, que se empraza no edificio de servizos múltiples.

O auditorio forma parte do complexo deseñado dentro dun plan global de reforma da Praza de Galicia sobre os terreo nos que ata 2009 estivo a casa consistorial. Nunha primeira fase, tamén con fondos do Estado, construíuse un bloque no que hoxe se localiza a Casa da Música e se sitúan as aulas nas que se imparten os cursos do programa europeo Pacto Provincial polo Emprego, co que a Deputación favorece a inserción laboral de 576 desempregados da provincia, ademais de oficinas de servizos como o Centro de Información á Muller.

Máis obras rematadas en Chantada

O Presidente tamén lembrou que a Deputación rematou nas últimas semanas máis obras coas que se mellorou notablemente a calidade de vida dos veciños de Chantada e se dotaron de servizos mínimos e necesarios a varias zonas do núcleo urbano. Á execución destas actuacións, financiadas tamén con fondos propios, destináronse preto de 295.000 euros.

En total, acondicionáronse 16 rúas: Taboada, Ribeira Sacra, Santa María, da Barexela, Luis Campos, Julio Camba, Juan XXIII, Pardo Bazán, Concepción Arenal e prolongación, Luis Soto Lemos, Rosalía de Castro, Doctor Feleming, as avenidas de Lugo e Os Pilos, e os accesos ás piscinas.