Deputación de Lugo

Besteiro inaugura na Capela de Santa María La Metamorfosis Esperada, coa que o CENTRAD pecha a tempada de exposicións

O Presidente subliñou a aposta da Deputación polos artistas lucenses, como demostra que dos seis creadores que expuxeron este ano na Capela, máis da metade son da provinciaA exposición inaugurada hoxe é obra de Laura Pernás, unha das novas promesas do panorama artístico galego, e inclúe 40 traballos de ilustración dixital, animación e instalacións de diversos materiais, inspirados na infancia da autora Poderá visitarse ata o vindeiro 8 de xaneiro, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; os sábados, de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 11:00 a 14:00 horas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, inauguraron este xoves na Capela de Santa María unha mostra da artista multimedia lucense Laura Pernás que, baixo o título La Metamorfosis Esperada, reúne 40 traballos de ilustración dixital e animación que ven a luz por vez primeira. Besteiro anunciou que con esta mostra, o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) pecha a tempada de exposicións, durante a que “demostramos de novo a nosa aposta e compromiso cos artistas lucenses, pois dos seis creadores que expuxeron ó longo do ano na Capela, máis da metade son da provincia, e ademais tocaron tódalas disciplinas”.

No caso de Laura Pernás, de 32 anos, trátase dun novo talento, “o que pon claramente de relevo que Lugo conta cunha canteira artística que merece ser apoiada e que hai que favorecer a súa proxección tanto dentro como fora da nosa provincia”, subliñou o Presidente.

Con esta mostra de Laura Pernás son catro lucenses os que, no que vai de ano, teñen amosado a súa obra na Capela de Santa María. No mes de marzo foi o artista natural de Castroverde Paco Pestana coa mostra Presenten... armas!, quen presentou na Capela 3 esculturas e 27 debuxos. Despois foi a quenda da pintura do lucense José María Lugilde e da escultura do asturiano de nacemento, pero pastoricense de adopción, Fernando Villapol, que encheron a Capela con Evolution Kalimándrica, e agora é Laura Pernás a que expón as súas creacións multimedia neste espazo, que se ten convertido nun referente no circuíto cultural en España.

Ademais destas exposicións, celebrouse outra con traballos inéditos do fotógrafo asturiano Sergio Vega, baixo o título Soliloquios; a de Leonardo da Vinci e a música, na que os lucenses puideron ver facsímiles de manuscritos, así como instrumentos fabricados por artesáns segundo os debuxos e notas do artista italiano; e a de pezas de vidro do finlandés Markku Salo, que levou por título Vientos del Norte.

Gómez Besteiro subliñou que “a calidade das mostras que este espazo ten acollido anteriormente están a converter á Capela en referencia cultural e proxectan á nosa cidade e á nosa provincia nos circuítos nacionais”.

Un xiro optimista

Tras expoñer de xeito colectivo no Museo de Lugo nas mostras A Pel dos Sentidos, Proxecto Abertal ou Falsas Apariencias. Miradas Fragmentadas sobre la Infancia, ou no Centro Torrente Ballester de Pontevedra, e ver como os seus traballos de animación eran seleccionados para os “Premios Mestre Mateo” ou “Ráfagas”, de La2, agora Laura Pernás abre a mostra individual La Metamorfosis Esperada, formada por obras inéditas. Esta creadora luguesa amosa os froitos do seu traballo no eido da ilustración dixital, que por primeira vez lle serve como vehículo de expresión artística. Xunto con estas ilustracións, un vídeo narrado en forma de conto tradicional e cuxa música será a banda sonora da exposición; instalacións nas que emprega materiais coma o feltro e o vinilo, e a evolución das súas ilustracións cara as tres dimensións en forma de bonecas de trapo compoñen unha mostra que, en palabras da propia artista, “reflicten un cambio de actitude froito dun proceso de maduración natural e que deixan ver unha mentalidade máis optimista. Este cambio radical foi acompañado polo uso da cor e de técnicas coas que non traballara ata o momento, como a ilustración dixital”.

A Capela de Santa María terá aberta a mostra de Laura Pernás ata o vindeiro 8 de xaneiro nos seus horarios habituais: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas, e domingos, de 11:00 a 14:00 horas.