Deputación de Lugo

25 lucenses en paro participan, sen custe algún, nos novos obradoiros de emprego que organiza a Deputación

As aulas de formación do Inludes acollen hoxe e o vindeiro luns dúas xornadas denominadas “Técnicas de busca de emprego”

A Deputación puxo en marcha este venres o primeiro dos novos obradoiros dirixidos a lucenses en paro que, hoxe e o vindeiro luns, acollen as aulas de formación do INLUDES. 30 persoas participan nesta iniciativa denominada “Técnicas de busca de emprego” co fin de adquirir un coñecemento máis profundo das ferramentas necesarias para atopar un posto de traballo.

A xornada de hoxe estivo dirixida a desempregados sen titulación. Mentres a do luns, que se celebrará en horario de 10:00 a 12:00 horas, estará enfocada a titulados.

A institución ofrece, de xeito gratuíto, orientación totalmente adaptada ás necesidades dos participantes. Os contidos impartidos versan sobre a elaboración dun bo currículo, así como os lugares máis axeitados para remitilo; as técnicas para afrontar unha entrevista de traballo ou outras probas de acceso de laboral como os tests de coñecemento.

A Deputación xa conta con novos fondos da Unión Europea para poñer en marcha o Pacto Provincial polo Emprego 2, unha iniciativa dotada con 3,5 millóns de euros que formará nas profesións con máis futuro na provincia a 1.200 lucenses en paro. Os novos beneficiados engadiranse ás 600 persoas que xa participaron na primeira edición desta iniciativa. Decenas delas están a traballar na actualidade.