Deputación de Lugo

José Fernández clausura na Fonsagrada o XXIV Congreso de ENCIGA con 300 docentes de España e Portugal

Imaxe deputación de lugo
Mestres de Ciencias, Matemáticas e Tecnoloxía abordaron durante tres días no IES Fontem Albei do municipio montañés cuestións relativas á calidade da ensinanza no país

O Deputado provincial José Fernández clausurou este sábado na Fonsagrada o XXIV Congreso de ENCIGA (Ensinantes de Ciencias de Galicia), que, dende o xoves e ata hoxe, acolleu o IES Fontem Albei do municipio lugués. 300 docentes de Matemáticas, Ciencias e Tecnoloxía, procedentes de toda España e Portugal, puxeron en común, ó longo de 70 ponencias, 3 conferencias e diversas actividades, os seus traballos de investigación co obxectivo de mellorar a calidade educativa dos alumnos non universitarios.

José Fernández salientou o feito de que ENCIGA escollese a Montaña luguesa para ser o escenario desta iniciativa que ten lugar unha vez ó ano en Galicia e que, en anteriores convocatorias, levouse a Monforte de Lemos, Lugo, Chantada e Ribadeo. O Deputado reivindicou ademais, a defensa do sistema educativo público fronte ós recortes que se están a levar a cabo dende as autonomías que, segundo os sindicatos, acadaron os 2.500 millóns de euros menos dende 2009.

Os participantes no Congreso aproveitaron a súa visita a Lugo para coñecer a Montaña lucense, acudindo ó Museo Etnográfico da Fonsagrada, a Negueira de Muñiz e as terras asturianas de Oscos e Grandas de Salime. Fernández subliñou a riqueza medioambiental da provincia con 3 Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO e explicou que, concretamente esta zona, forma parte da de Eo-Oscos-Terras de Burón. Ó respecto, salientou a necesidade de que a Xunta, administración responsable deste espazo, axilice a posta en marcha do seus Órganos de Xestión para a súa máxima rendibilidade. Precisamente, a Deputación rematou esta semana co proceso de constitución dos Órganos de Xestión das Reservas que xestiona: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.