Deputación de Lugo

A Deputación inicia a construción dun embarcadoiro en Negueira para dar servizo ós veciños e promocionar o turismo náutico

As obras, coas que a institución provincial contribúe a manter 13 postos de traballo, estarán rematadas antes de finalizalo ano. O orzamento é de 110.000 eurosO organismo executa este proxecto a proposta do Alcalde, que considera o pantalán “unha prioridade” para o Concello, xa que nun futuro tamén podería dar servizo a unha embarcación turística tipo catamarán, semellante ás dos Canóns do SilA Deputación pecha mañá ó tráfico a ponte sobre o río Tordea situada na CP 1604 á altura da parroquia corguesa de Fonteita para iniciar as obras de reforzo da infraestrutura, que estarán rematadas o 10 de xaneiro e servirán para previr danos ante posibles enchentes

A Deputación de Lugo iniciou as obras de construción dun embarcadoiro en Negueira de Muñiz que dará servizo ós veciños que atravesan o río habitualmente, principalmente da aldea do Foxo, e servirá para promocionar o turismo náutico no encoro de Salime. Os traballos, que contan cun orzamento de 110.000 euros, estarán listos antes de finalizalo ano. O organismo provincial contribúe a manter 13 postos de traballo con este proxecto, que acomete a proposta do Alcalde, José Manuel Braña, pois esta era “unha prioridade” para o Concello, xa que nun futuro tamén podería dar servizo a unha embarcación turística tipo catamarán, semellante ás empregadas nos Canóns do Sil.

A infraestrutura instalarase nas inmediacións da área recreativa da Virxe da Veiga e permitirá o amarre en condicións de seguridade de pequenas embarcacións, tanto de recreo –canoas ou piraguas, entre outras- como de pesca e transporte. A instalación constará dun módulo de aluminio flotante de 3 metros de anchura con laterais de 12 metros de longo. Este será o sétimo pantalán que terá a Deputación de Lugo, e que se engade ós dos Peares, Belesar pobo e Belesar presa, Os Robles, Portomarín e Doade. En total, nos últimos catro anos preto de 21.000 persoas participaron nas distintas rutas que ofrecen os catamaráns da Deputación.

Reforzo da ponte sobre o Río Tordea

Por outra banda, a Deputación pechará mañá mércores ó tráfico a ponte sobre o río Tordea situada na estrada provincial 1604 á altura da parroquia corguesa de Fonteita para iniciar as obras de reforzo e remodelación do viaducto co obxectivo de previr danos ante posibles enchentes da cunca. O corte deste treito da vía manterase ata o 10 de xaneiro, cando a institución luguesa prevé ter concluídos os traballos, que consistirán na demolición do actual taboleiro da estrutura, danada polos temporais de choiva, e na posterior substitución por outro novo. Durante o desenvolvemento das tarefas, habilitaranse itinerarios alternativos por pistas locais debidamente sinalizados.

O proxecto, que afecta ó punto quilométrico 2,577 da CP 1604 por Pedrafita e Castrillón a Franqueá, conta cun orzamento de 54.500 euros e coa súa execución, o organismo provincial contribúe a manter 7 postos de traballo. A obra mellora a seguridade dos usuarios da ponte, que dá servizo principalmente á vintena de veciños residentes no núcleo de Rubial.

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, destacou que a iniciativa solucionará “a chapuza que fixo o Partido Popular” na construción da ponte, pois o actual taboleiro está asentado nunha pila central que nas enchentes entorpece o paso da auga, “fai de dique, en vez de aliviar a crecida”, apuntou Martínez. O organismo levará a cabo en cambio “unha actuación seria e responsable”, engadiu o Deputado, reforzando a estrutura do viaducto coa colocación de vigas de formigón retensado, que irán nos seus extremos en vez de no centro, de xeito que se amplía o paso da auga. Desta forma, garántese que a infraestrutura perdure no tempo, ademais de evitar danos ante posibles trombas.