Deputación de Lugo

A Deputación financiou o acondicionamento do 50% dos accesos a núcleos rurais do Concello de Pol

Besteiro supervisou as obras de arranxo das vías de entrada ós barrios de Cimadevila e Hermunde, acometidas polo organismo provincial cunha inversión de 106.000 euros e coas que contribuíu a manter 12 postos de traballo Unha vez rematadas estas dúas actuacións, que beneficiaron a uns 140 veciños, o Alcalde calcula que nun ano podería quedar completada a mellora de tódolos accesos a núcleos rurais do municipio

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Pol, Lino Rodríguez, coñeceu este venres o estado das vías de acceso ós núcleos rurais de Cimadevila e Hermunde tras ser acondicionados polo organismo provincial cunha inversión de 106.000 euros. Tendo en conta estas dúas actuacións, que axudaron a manter 12 postos de traballo e benefician a uns 140 veciños, a Deputación xa leva financiado a mellora do 50% dos accesos a zonas rurais do municipio. O rexedor de Pol considera de feito que nun ano todos os núcleos da localidade terán accesos asfaltados e en boas condicións se conta con apoio financeiro doutras administracións.

Besteiro destacou a importancia de manter a cooperación cos Concellos da provincia para levar a cabo este tipo de obras, que son menores, pero non por elo menos relevantes, pois cobren necesidades básicas dos veciños que, de non ser pola Deputación, as entidades locais non poderían asumir. Neste senso, o Presidente indicou que a cooperación cos Concellos será un goteo constante durante todo o mandato. Engadiu que se trata de obras “que xa se fixeron hai tempo e que responden ás necesidades dos veciños para que estes teñan unha mellor calidade de vida. Temos un problema: a xente vaise, polo tanto, todas aquelas iniciativas que axuden a que a xente permaneza son positivas. Ademais, intercambiar as opinións cos veciños sempre é positivo. Hai que estar onde a xente o necesita”.

O Presidente supervisou en primeiro lugar a mellora do acceso a Cimadevila, pertencente á parroquia de Suevos e cuns 30 veciños, que foi ensanchado para facer posible o paso de camións, que ata o momento non podían entrar na aldea, e tamén para mellorar a accesibilidade das ambulancias, que dificilmente podían pasar pola pista, así como a seguridade dos propios residentes do pobo. A actuación levouse a cabo con 70.000 euros do Plan de Pequenas Infraestruturas e do convenio de colaboración que o organismo provincial firmou en abril co Concello de Pol. A Deputación aportou no marco deste último acordo 325.000 euros para dotar de servizos e acometer obras no municipio, ademais de ampliar o parque móbil do Concello cun camión cisterna para o asfaltado de estradas, un vehículo de recollida de lixo e un camión remolque con pluma para usos diversos.

Gómez Besteiro e Lino Rodríguez percorreron por outra banda os accesos da parroquia de Hermunde, arranxados cunha inversión de 35.700 euros achegados pola Deputación a través do convenio de colaboración que asinou co Concello e do Plan de Comunidades Veciñais. Neste caso, o proxecto consistiu na mellora das pistas de entrada á parroquia, que conta cuns 110 veciños, e dos accesos a todas as vivendas.

1,2 millóns para unha residencia de maiores de 40 prazas

Outro dos proxectos que a Deputación ten en marcha no Concello de Pol é a construción dunha residencia da terceira idade, un servizo demandando tendo en conta que o 36% da poboación do municipio supera os 65 anos de idade. As obras, que xa foron adxudicadas, contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros. O Concello é o responsable de aportar os terreos e dotar ó edificio dos correspondentes servizos urbanísticos, ademais de participar no financiamento cunha achega de 200.000 euros, é dicir, o 14% do custe total da obra. O centro terá 40 prazas e dará emprego a 20 persoas, entre coidadores e persoal auxiliar.

O xeriátrico de Pol forma parte da rede provincial de residencias que puxo en marcha a Deputación tras dar o pasado ano un xiro radical ás políticas de actuación de SUPLUSA -que ata o momento só se dedicaba a crear solo industrial-, ó detectar que había unha clara demanda destes servizos de atención ós maiores.

Na actualidade, sumando a subvención concedida para rematar a residencia de Monterroso, a institución luguesa destina 15,5 millóns de euros a financiar 13 centros para a terceira idade. Ademais do de Pol, nestes momentos están adxudicadas as obras dos de Trabada e Castroverde. En proceso de adxudicación atópanse os de Guitiriz, Pedrafita, Meira, Ribas de Sil e A Fonsagrada, e pendentes de iniciar os trámites están os de Saviñao, Riotorto e A Pobra de Brollón. A Deputación ofrecerá con estes centros 500 prazas, facendo fronte ó déficit que presenta a provincia nesta materia, pois necesita 2.200 para acadar os mínimos de cobertura asistencial.