Deputación de Lugo

Deputación e Cámara de Comercio impulsan o primeiro viveiro de empresas tecnolóxicas na provincia

Besteiro e Torrón asinaron o convenio polo que a institución achega 180.000 euros para garantir ós emprendedores a posta en marcha dos seus proxectos, reducíndolles custesSegundo os prezos do mercado, un empresario TIC gasta un mínimo de 4.000 euros iniciais no aluguer e acondicionamento dun local en Lugo de tan só 70 metros cadrados O viveiro de empresas tecnolóxicas situarase nos locais da Cámara no Pazo de Feiras e Congresos da capital, reforzando os do FORCAM, CEL e CEI-NODUS, practicamente cubertos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Eduardo Núñez Torrón, asinaron este xoves un convenio de colaboración polo que o organismo provincial achega a dita entidade unha subvención de 180.000 euros para a creación do 1º viveiro de empresas exclusivamente orientadas ás novas tecnolóxicas da provincia. É unha iniciativa que resposta ás demandas que emprendedores das TIC lucenses formularon á Cámara de Comercio e á Deputación, durante o desenvolvemento das actividades do Innova-TE. O seu obxectivo é garantir a posta en marcha dos seus proxectos, aforrándolles custes e favorecendo a creación de emprego, así como o desenvolvemento da economía lucense.

Gómez Besteiro salientou que “o futuro de Lugo pasa polas novas tecnoloxías. De feito, onte, cando presentábamos o Orzamento da Deputación para 2012, adiantábamos que unha das maiores partidas económicas, os 15 millóns de euros que vimos de recibir da Unión Europea, adícanse, case exclusivamente, ó desenvolvemento das novas tecnoloxías como fonte de coñecemento, imprescindible, para xerar riqueza, emprego e facer fronte ó despoboamento demográfico. Os investimentos das administracións deben estar vinculados ás novas tecnoloxías, garantindo o seu acceso e logrando unha sociedade tecnolóxicamente potente. Por exemplo, son un claro defensor do voto electrónico porque ofrece solucións e aforra custes”. Pola súa banda, Núñez Torrón salientou que “vimos a necesidade de crear un viveiro de empresas dedicado exclusivamente ás novas tecnoloxías porque en Lugo non o hai. Acudimos á Deputación en busca de axuda porque sempre está disposta a participar en todo aquelo que represente progreso para a provincia. Estamos xa en contacto con empresas interesadas en situarse neste novo e especializado viveiro co que continuamos apoiando ó sector empresarial”.

Importancia do sector

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), Lugo conta con máis de 100 empresas tecnolóxicas que dan traballo 550 persoas. A súa facturación anual é de 60 millóns de euros, o que supón o 1% do PIB da provincia. O 80% das mesmas concéntranse na capital lucense e as restantes na Mariña e na zona Sur. Precisamente, o viveiro de empresas tecnolóxicas afincarase na cidade de Lugo, concretamente nos locais do Pazo de Feiras e Congresos que posúe a Cámara de Comercio, reforzando os da propia Cámara situados no edificio FORCAM, os da CEL, así como os do Concello de Lugo (CEI-NODUS), que están practicamente cubertos.

Aforro, emprego e sinerxias

Segundo os prezos do mercado, o aluguer dun local en Lugo de tan só 70 metros cadrados supón ó un desembolso de 400 euros ó mes. A esta cantidade hai que engadir o custe do seu acondicionamento, é dicir, a instalación básica TIC (equipamento electrónico e conexión a Internet) que conleva un investimento de a lo menos 3.500 euros. É dicir, un emprendedor tecnolóxico vese na obriga de gastar un mínimo de 4.000 euros iniciais. Deputación e Cámara de Comercio poñen a súa disposición agora, locais totalmente equipados e adaptados a un prezo simbólico, reducíndolles custes.

A subvención da institución provincial permitirá acondicionar os locais da Cámara, habilitando 2 prantas divididas en dous espazos de 250 metros cadrados cada un. Nelas situaranse despachos con mobiliario necesario, material informático ou conexión a Internet, que se reestructurarán segundo as necesidades dos demandantes. Terán a súa disposición tamén, oficinas virtuais, salas de reunións e videoconferencias, ou mesmo servizos de distribución e recepción de material. Ademais, os emprendedores contarán con persoal de apoio primeiro, para poñer en marcha o seu proxecto e, posteriormente, para o seu desenvolvemento. Isto leva aparellado, a contratación de persoal e, polo tanto, a creación de novos postos de traballo na provincia.

Ademais de non supor un investimento inicial, de contar cos medios materiais necesarios e co persoal cualificado, outra da vantaxes deste proxecto é que as novas entidades se atopen centralizadas no mesmo espazo, creando sinerxias, aproveitando recursos e favorecendo o desenvolvemento dos negocios.