Deputación de Lugo

COMUNICADO DA DEPUTACIÓN DE LUGO SOBRE A SANCIÓN DA XUNTA ELECTORAL POLA VISITA Á PRAZA DO CANTIÑO

Imaxe deputación de lugo
Con respecto á decisión adoptada pola Xunta Electoral de Zona o 4 de Novembro de impoñer unha serie de sancións pola suposta infracción da Lei Orgánica de Réxime Electoral General (LOREG) cometida polo Alcalde de Lugo e a Vicepresidenta Segunda da Deputación coa visita á Praza do Cantiño, o organismo provincial quere manifestar o seguinte:

1º A Deputación, representada pola Vicepresidenta Segunda, asistiu á supervisión do inicio dos traballos para a apertura da Praza do Cantiño como administración cofinanciadora do Plan Urban. A Deputación en ningún momento vulnerou a Lei Electoral xa que non se tratou dunha inauguración de obras, dado que ningunha actividade realizada polas autoridades asistentes facía referencia a tal acto.

2º A execución de ditas obras xa fora anunciada coa debida antelación, tendo en conta que se inclúen dentro do proxecto europeo que lideran Concello e Deputación.

3º O obxectivo deste acto foi explicar ós veciños de Lugo unha información que lles afecta directamente, xa que se trata dunha actuación que se está a levar a cabo nuns dos principais barrios da cidade. Estas explicacións foron ofrecidas polos técnicos especialistas, polo que en ningún momento, nin a Vicepresidenta Segunda nin o Alcalde de Lugo, fixeron nin sequera alusión a logros conseguidos por ningunha das institucións representadas, nin se produciron declaracións con connotacións electoralistas.

A visita respecta escrupulosamente o disposto no artigo 50 da LOREG, que establece o seguinte: “... con carácter general no vulnera la norma la realización de visitas a obras en curso que tengan carácter técnico y su finalidad sea inspeccionar el desarrollo de las mismas”. É dicir, as autoridades simplemente se limitaron a visitar as obras en curso dado o interese que suscitan, tanto polo referente ós aspectos técnicos das mesmas, como da súa duración, datos que foron proporcionados no acto, non polas autoridades, senón polos técnicos encargados do proxecto.

Queda patente deste xeito que o protagonismo non foi, nin para a Vicepresidenta Segunda, nin para o Alcalde, senón para unha información que é de interese público para os cidadáns de Lugo, os cales teñen dereito a ser informados de calquera alteración nun lugar público que lles afecte. Polo tanto, a Deputación confirma que recorrerá por tódalas vías legais posibles a decisión adoptada pola Xunta Electoral sobre a Vicepresidenta Segunda.

6º A Deputación recoméndalle ó señor Barreiro que, o mesmo esforzo que gasta en desacreditar o traballo das dúas institucións, o aplique tanto a el como ó seu partido, ou é que realizar unha visita, como fixo o Conselleiro de Medio Rural acompañado de candidatos, a unha granxa acusando ó Goberno Central de maltratar ó sector lácteo galego non é indiscutiblemente electoral?

7º A Deputación de Lugo seguirá traballando polo desenvolvemento da provincia e cooperando cos Concellos, a pesar do señor Barreiro e do PP. A demagoxia do Partido Popular non será un freo para a Deputación, nin paralizará o seu forte ritmo de xestión.