Deputación de Lugo

A Deputación arranca a contratación do programa tecnolóxico Innova-TE 2, dotado con 15 millóns dos fondos europeos

A institución luguesa volve a demostrar a axilidade na xestión dos proxectos comunitarios que premiou a UE fronte á lentitude doutras administracións. Solicitou de feito máis axudas europeas con cargo a remanentes de plans que outros organismos non deron executadoA Xunta de Goberno aprobou a posta en marcha do Innova-TE 2, que garante a continuidade do primeiro centro de innovación social en Galicia, o In Lugo, que, nesta nova andaina, pasa a depender da Fundación TIC e conta cun orzamento de 1,6 millónsA Xunta de Goberno deu luz verde á inversión de 10.000 euros no acondicionamento do entorno da ponte de Verxeles, en Viveiro. A Deputación xa colabora cunha achega de 100.000 euros no proxecto de ampliación deste viaducto que está a acometer Fomento

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres iniciar a contratación do programa tecnolóxico Innova-TE 2, dotado con 15 millóns de euros dos novos fondos que a Unión Europea lle concedeu ó organismo provincial, premiando a xestión dos proxectos comunitarios realizada no pasado mandato. Precisamente, co inicio da contratación do Innova-TE 2, a Deputación volve a poñer de manifesto a axilidade e eficiencia na xestión dos fondos recoñecida pola UE, fronte á lentitude doutras administracións. De feito, a proposta do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, solicitáronse máis axudas europeas con cargo ós remanentes de programas que outros organismos foron incapaces de executar.

O Innova-TE 2 arranca coa contratación das tarefas de redacción do Plan Director que definirá as liñas de actuación a desenvolver no marco deste programa tecnolóxico co fin de continuar co despregue da Administración Electrónica en Lugo, potenciar as actividades en favor do benestar social programadas polo centro In Lugo, seguir coa extensión da banda ancha –malia que esta é unha competencia da Xunta- e ampliar o asesoramento in situ ós Concellos e empresas no campo das novas tecnoloxías. A elaboración do Plan Director, cun orzamento de 190.000 euros, é un paso previo imprescindible para poñer en marcha o Innova-TE 2, que conseguiu ser o terceiro proxecto con máis dotación orzamentaria de fondos europeos en España. Agora, publicarase o anuncio da contratación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no perfil do Contratante para que todas as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Coa posta en marcha deste proxecto garántese a continuidade do primeiro centro de innovación social en Galicia, In Lugo, creado en marzo pola institución luguesa con financiamento do Ministerio de Industria, co fin de promover actuacións e servizos baseados nas novas tecnoloxías encamiñados a mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia. Nesta nova andaina, o In Lugo, que ata o de agora foi xestionado directamente dende a Deputación, pasará a depender da Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias, e contará cun orzamento de 1,6 millóns de euros. Esta transferencia da xestión e o presuposto do centro tamén foron aprobados pola Xunta de Goberno.

As actividades do Centro de Innovación Social (CIS) xirarán principalmente a partir de agora en torno ás persoas da terceira idade da provincia, pois este colectivo supón o 33,7% da poboación lucense (119.408 persoas) e require dunha atención especializada. O seu obxectivo será aproveitar as novas tecnoloxías co fin de promocionar a autonomía persoal dos maiores para mellorar as súas habilidades tanto mentais como físicas, contribuíndo ó seu benestar. Coa súa continuidade, a Deputación tamén creará emprego e contribuirá a fixar poboación, pois contrataranse profesionais para manter o dinámico programa de actuación do In Lugo.

A Deputación puxo en marcha o Centro de Innovación Social (CIS), cun financiamento do 88,9% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza, na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, a localización máis axeitada, en tanto que se trata dun proxecto estreitamente vinculado coas novas tecnoloxías e a innovación, ó igual que o é a EIS, o único centro da provincia que imparte titulacións da rama audiovisual. Esta vinculación, tanto física, como de obxectivos, fai que o máis operativo sexa que a TIC pase a ocuparse da xestión do In Lugo, pois mellorará a súa eficiencia e aproveitaranse sinerxias.

Máis de 1.300 participantes en xornadas formativas

Na súa primeira fase, máis de 1.300 persoas participaron de xeito gratuíto nas novidosas accións formativas sobre novas tecnoloxías organizadas polo CIS, o que pon de manifesto a boa acollida e o éxito da iniciativa. Nas propias instalacións do centro leváronse a cabo 100 actividades, das que se beneficiaron 1.000 persoas. Houbo participantes de entre os 6 ata máis de 65 anos, membros de diferentes colectivos, como a Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo, a a Asociación de Empresarias de Lugo, a Asociación de Enfermos de Alzheimer (AFALU) ou Proxecto Home, así como profesionais de sectores como o da agricultura ou a gandeiría, e mesmo autónomos. Ademais, atendendo á demanda dos propios veciños, descentralizouse a programación levando xornadas formativas ós Concellos, que contaron con 105 asistentes. Tamén se desenvolveron 40 cursos on line, nos que participaron 200 persoas, co obxectivo de garantir o acceso á oferta formativa a tódolos cidadáns.

Aforro de 300.000 euros ós Concellos

A implantación da primeira fase do Innova-TE constituíu un referente en España para a implantación da Administración Electrónica e a extensión da banda ancha. Os Concellos da provincia adheridos ó programa foron 49, mentres que rexeitaron facelo 18 municipios, todos rexidos polo PP. Con esta iniciativa, a Deputación aforrou 300.000 euros ás entidades locais para a posta en marcha da e-Administración. Ademais de ofrecer a posibilidade de facer trámites on line, facendo máis transparente e áxil a relación entre a Administración e os veciños, o programa ofreceu un completo plan de formación ós traballadores municipais -de xeito personalizado e in situ- para adaptarse a e-Administración; a posta en marcha dunha Intranet corporativa, con diversas e útiles ferramentas; e equipamento tecnolóxico (ordenadores de sobremesa e portátiles, impresoras e pantallas multimedia de información).

En canto ó plan para a conexión das casas consistoriais á banda ancha tamén acometido a través do Innova-TE, sumáronse 30 Concellos, rexeitando facelo 19, do que todos menos un son do PP. Co Innova-TE tamén se creou unha zona wi fi na Praza de San Marcos e os seus xardíns traseiros, na que os lucenses poden acceder a Internet de xeito libre e gratuíto a través de dispositivos como ordenador portátil, PDA ou teléfono móbil. A rede é aberta e pódense conectar uns 700 usuarios ó mesmo tempo, cun máximo de 256kas, a velocidade máxima permitida para espazos públicos.

Mellora do entorno da ponte de Verxeles

A Xunta de Goberno aprobou por outra banda a inversión de 10.000 euros no acondicionamento do entorno da ponte de Verxeles, en Viveiro. Os fondos cos que se levará a cabo esta actuación, proposta polo Alcalde, Melchor Roel, proceden dos remanentes dos proxectos acometidos no municipio vivariense a través do Plan Extraordinario de Obra Pública da Deputación. O Ministerio de Fomento acomete na actualidade as obras de ampliación da ponte de Verxeles en virtude dun convenio firmado entre FEVE, o Concello de Viveiro e a propia Deputación de Lugo por valor de 713.770 euros. Desta cantidade, o organismo provincial achega 100.000 euros.

247.000 euros para 31 asociacións veciñais

A Xunta provincial deu así mesmo o visto bo ás contas xustificativas de 31 obras do Plan de Comunidades Veciñais levadas a cabo en 17 Concellos para a mellora e dotación de servizos e equipamentos. A cantidade global das axudas concedidas ascendeu a 247.000 euros.