Deputación de Lugo

A Deputación ofrece as derradeiras prazas subvencionadas nos balnearios de Guitiriz, Pantón e Palas de Rei para decembro

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial abre o prazo de inscrición das 385 localidades que todos os lucenses maiores de 50 anos poden solicitar chamando ó teléfono 982-260-075O programa da institución “Saúde e Benestar no Camiño” ofrece desconto de 40 euros por persoa, facilitando o acceso ós tratamentos termais e potenciando o turismo interiorA Deputación pon fin o vindeiro mes a esta iniciativa que reactiva a economía, fixa poboación e reivindica o Camiño coa participación dos 4 balnearios lugueses que xeran 7 millóns de euros ó ano e dan emprego directo a máis de 200 persoas na provincia

A Deputación abre o prazo de solicitude de 385 prazas subvencionadas nos balnearios de Guitiriz, Pantón e Palas de Rei para o mes de decembro. Son as derradeiras localidades que ofrece a institución ós lucenses maiores de 50 anos mediante “Saúde e Benestar no Camiño”, o programa que facilita o acceso ós tratamentos termais existentes en Lugo, como unha alternativa de saúde que mellore a calidade de vida, potenciando o turismo interior. Todos os interesados poder facerse cunha localidade chamando ó teléfono 982-260-075. As prazas para o establecemento da capital atópanse esgotadas.

O programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago” ofrece descontos de 40 euros por persoa nos seguintes paquetes acordados cos balnearios:

- 6 días con 5 noites de estancia
- 5 pensións completas con comidas e ceas incluídas
- día de entrada domingo: cea e aloxamento
- día de saída venres: almorzo e xantar
- 2 técnicas de balneario durante 4 días
- 1 recoñecemento médico
- programa de animación sociocultural de luns a xoves, ámbolos dous días incluídos

Riqueza termal na provincia

Logo da posta en marcha desta iniciativa no mes de agosto, cunha oferta inicial de 1.350 localidades nos balnearios da provincia (Termas Romanas, Oca Río Pambre, Hotel Balneario & Golf Club, e Oca Augas Santa Balneario Golf Resort) das que xa se beneficiaron 965 persoas, a Deputación pon fin en decembro a esta iniciativa coa que contribúe a reactivar a economía e a fixar poboación, ademais de reivindicar que hai vida máis alá do Ano Santo.

Na provincia funcionan 4 balnearios situados ó pé dos Camiños Primitivo, Norte, Francés e de Inverno que, segundo os datos dos propios establecementos, reciben ó ano 120.000 persoas, xerando un volume de negocio de 7 millóns de euros. Os centros dan emprego directo a máis de 200 persoas, unha cifra que durante a tempada alta –entre os meses de marzo e setembro- acada as 300 persoas. A maiores, ó situarse en zonas rurais, os balnearios contribúen ó asentamento poboacional. Deste xeito, con esta iniciativa, que conta cun presuposto de 60.000 euros, a Deputación contribúe a manter centos de postos de traballo na provincia, facendo fronte ó despoboamento demográfico.