Deputación de Lugo

A Deputación dinamiza esta semana os sectores turístico e hostaleiro de Sober, Lugo, Ribadeo e Cervo co programa Km0

As preto de 300 persoas participantes nas 6 rutas organizadas entre hoxe e o xoves repoñerán forzas en diversos establecementos hostaleiros dos Concellos, contribuíndo así a dinamizar a economía da provinciaO Presidente recibiu este martes a preto de 100 veciños da Fonsagrada e de Cervo, que percorreron o municipio soberino dentro desta iniciativa coa que a Deputación pon en valor a riqueza medioambiental de Lugo

Preto de 300 veciños da provincia farán esta semana 6 rutas no marco do programa medioambiental Km0 da Deputación, unha iniciativa que contribúe a dinamizar os sectores turístico e hostaleiro da provincia, pois os participantes, ademais de gozar coa riqueza cultural e patrimonial dos Concellos que visitan, paran a repoñer forzas en diversos establecementos. Nesta ocasión, os itinerarios discorren por Sober, Lugo, Ribadeo e Cervo.

Este martes, 48 membros da Asociación Cultural “O Caxigo” da Fonsagrada, tras ser recibidos polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, no Pazo Provincial e visitar o Centro de Interpretación “Terras do Miño”, achegáronse ó Concello de Sober, onde puideron visitar o petroglifo de Xestal e a igrexa románica de Proendos. Pola tarde, continuaron a coñecer o importante patrimonio histórico da zona achegándose ó Santuario de Nosa Señora de Cadeiras, lugar de romaría e peregrinación de sona. Hoxe tamén se achegaron á localidade soberina 48 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais “As Espalladoras” de Cervo, navegando en catamarán polas ribeiras do Sil e gozando coas impresionantes paredes graníticas da zona. Tras desembarcar, percorreron a pé o mais de medio quilómetro dunha ruta de sendeirismo.

Mañá serán 48 persoas pertencentes á Asociación Artística e Recreativa da Muller Traballadora de Lugo as que se desprazará de novo a Sober, para embarcar en Doade e admirar durante a travesía fluvial os innumerables viñedos que caracterizan a paisaxe da zona. Pola súa banda, 48 persoas da Residencia de Maiores de Burela achegarase a Lugo para coñecer as riquezas que a capital da provincia ofrece ós seus visitantes. Serán testemuñas da actividade da Fundación TIC e do Centro de Interpretación da Muralla, visitarán a Catedral e desprazaranse ata a igrexa de Santa Eulalia de Bóveda. Non faltará tampouco un paseo polo adarve da muralla romana.

O xoves, 55 membros da Asociación de Veciños de Fonteabuín de Sarria, tras visitar o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), dirixiranse a Ribadeo. Xa na Mariña coñecerán a actividade do Centro de Cultivos Mariños, situado no porto de Ribadeo, tras o que gozarán dunha ruta en barco pola Ría dende o peirao de Porcillán e dun percorrido polo casco histórico da vila. A Asociación de Veciños de San Cosme de Nete, de Vilalba, tamén se encamiñará cara á costa luguesa, neste caso a Cervo, onde visitarán Sargadelos, tanto as modernas instalacións da fábrica, como a antiga Casa da Administración; percorrerán o Paseo dos Namorados e coñecerán a fermosa poboación de San Cibrao. No caso deste colectivo, os participantes foron tamén 55.

Impulso á economía lucense

As persoas que fan estas rutas non só poderán gozar coa riqueza patrimonial e histórica da provincia, senón que tamén contribuirán á dinamización dos negocios da provincia. Coa iniciativa de Km0, a Deputación contribúe a potenciar o sector turístico e hostaleiro, grazas ás degustacións que se ofrecen durante as xornadas de visitas. Así, este martes ós participantes da asociación “O Caxigo” da Fonsagrada xantaron na “Cantina” de Doade e as Adegas Noguedo ofrecéronlles unha degustación. No caso, do colectivo cervense “A Espalladoras”, a comida tivo lugar no restaurante “Parada Dos” de Sober.

A ruta do catamarán por Amandi que realizará mañá a Asociación Artística e Recreativa da Muller Traballadora de Lugo levará ás súas integrantes a degustar os produtos das Adegas “Regina Viarum” de Sober. Pola súa banda, os maiores de Burela xantarán no Restaurante “Terras do Miño”. Xa o xoves os veciños de Fonteabuín e Nete xantarán nos restaurantes “Cabazo” de Ribadeo e “Castelo” de Cervo, respectivamente.