Deputación de Lugo

Gómez Besteiro supervisa os danos que as intensas choivas provocaron na estrada do río Rato

O Presidente garantiu que persoal de SUPLUSA arranxará á maior brevidade posible os destrozos, que, aínda que haberá que esperar a que baixe o nivel da auga para cuantificalos con exactitude, prevense importantes. Afectan a camiños, canalizacións e mobiliario Ante a forza das precipitacións, a Deputación despregou un dispositivo que atendeu incidencias en seis estradas provinciais, centradas sobre todo en desprendementos de pedras e terra, e caída de árbores e tendidos eléctricos

As intensas choivas caídas na capital lucense nas últimas horas provocaron o desbordamento do Rato, causando danos nas inmediacións do río. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse na mañá deste xoves á zona para coñecer in situ os destrozos, que, aínda que haberá que esperar a que baixe o nivel do río para avalialos e cuantificalos con exactitude, prevese que sexan importantes. Fundamentalmente consisten no asolagamento de sendeiros, rotura de canalizacións e muros de ribeira. Tamén se viu afectado o mobiliario dalgunhas zonas de lecer.

Tendo en conta que se trata dun entorno que a diario usan moitos lucenses, Gómez Besteiro garantiu que persoal da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) -a entidade encargada mediante encomenda do mantemento dos 850.000 metros cadrados de zonas verdes existentes na cidade- procederá a arranxar tódalas incidencias no menor tempo posible, continuando coa actuación dilixente que sempre desenvolveu para manter en perfectas condicións esta zona.

Por outra banda, ante a forza das precipitacións destes días, a Deputación tamén despregou un dispositivo de actuación co fin de garantir a seguridade dos usuarios que circulan pola rede viaria provincial. Un equipo de operarios atendeu incidencias en seis vías:

- Retirou desprendementos de pedras e terra en Chantada, na estrada 1804, que vai de Touza, por Belesar, á estrada Chantada-Escairón, e en Pedrafita, na 1304, que une Mostad e Casares por Romeor.

- Despexou as calzadas de Meira a Seselle, a 3001, na que caera unha árbore á altura do Concello da Pastoriza; a 5904, de Monforte a Gundivós, bloqueada por outra árbore á altura de Sober, e a 2411, entre os núcleos de Piñeiras e Francos, en Guntín, na que se precipitou un tendido da luz.

Ademais, o persoal da Deputación segue a traballar para retirar un desprendemento de pedras, terra e árbores na estrada de Augaxosa a Trabada, a 5506, á altura de Riotorto.