Deputación de Lugo

A Deputación edita un libro monográfico sobre a historia do Pazo de San Marcos no 150 aniversario dos seus primeiros planos

Gómez Besteiro presentou Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo, obra dos profesores lucenses María Jesús Regueiro e Julio Reboredo O volume, cunha coidada edición e reproducións dos planos orixinais, aborda as causas polas que no seu momento se decidiu erixir o edificio, e a súa construción e evolución arquitectónica ata o ano 1909, cando o Pazo ten xa máis ou menos o aspecto actual O organismo provincial publicou 1.000 exemplares numerados para que a obra poida servir como agasallo institucional da Deputación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este luns o libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo, obra dos profesores lucenses María Jesús Regueiro Burgo e Julio Reboredo Pazos. Trátase da primeira publicación monográfica sobre a historia do Pazo de San Marcos, que a institución lucense saca á luz cando se cumpre o 150 aniversario do trazado dos primeiros planos do inmoble, uns documentos que estiveron ademais perdidos durante case 60 anos. O volume aborda as causas polas que no seu momento se decidiu erixir o edificio, e a súa construción e evolución arquitectónica ata o ano 1909, cando o Pazo ten xa o aspecto que máis ou menos presenta na actualidade. Xunto á Gómez Besteiro e os autores do libro, no acto de presentación, celebrado no salón de actos de San Marcos, estiveron Ana Goy Diz, Doutora en Historia da Arte da Universidade de Santiago, e Juan Soto, cronista oficial da provincia de Lugo.

Gómez Besteiro subliñou que esta obra, cunha “coidadísima edición e interesantes ilustracións, entre elas reproducións dos planos orixinais, desvélanos paso a paso a historia dun dos edificios emblemáticos da nosa cidade: un hospital provincial que nunca chegou a selo, a sede dun instituto da provincia que o foi só a medias, como moi a medias foi tamén Pazo da provincia ata que, hai 60 anos, empezaron a marchar de aquí, en sucesivos tempos, o Instituto, a Escola Normal de Maxisterio e a de Comercio, o Museo Provincial e por último a biblioteca”.

O Presidente destacou a importancia desta obra, xa que existen dous traballos centrados nas historia da institución –A primeira Deputación Provincial de Lugo, de Xaime Félix López Arias (ano 2004), que aborda o primeiro intento de crear a institución durante o Trienio Liberal, e unha tese doutoral de Antonio Prado Gómez (ano 2005), que versa sobre os primeiros 34 anos de vida da Deputación-, pero non había ningunha publicación que abordarse e analizase de xeito exclusivo a historia do propio Pazo de San Marcos, construído en 1866 e que o organismo provincial ocupa dende o ano 1873. “Por iso, cremos que é o momento axeitado para poñer en letra impresa este libro sobre o casón-palacio que nos acolle”, asegurou Gómez Besteiro.

Agasallo institucional e homenaxe ós arquitectos

Na presentación, o xefe da corporación provincial argumentou que, ó cumprirse este ano o 150 aniversario do trazado dos primeiros planos, o libro “serve de lembranza conmemorativa da construción do Pazo”, razón pola que o organismo lucense editou 1.000 exemplares numerados “co fin de que poida servir tamén como agasallo institucional da Deputación”.

Por outra banda, a Deputación e os autores tamén lle queren “render unha homenaxe” ós tres arquitectos que interviñeron fundamentalmente no deseño e construción do edificio, aínda que personificando ese recoñecemento no último deles, Nemesio Cobreros y Cuevillas, porque “foi o único que deixou unha pegada profunda na nosa cidade, ó fixar a súa residencia en Lugo durante case 40 anos, dende que acabou os estudos universitarios ata a súa morte, en 1909, aportando non só unha obra visible desde case todas as partes da cidade, se non tamén deixando aquí unha familia chamada a protagonizar momentos da nosa historia máis ou menos recente”, asegurou Gómez Besteiro. Así, un dos fillos do arquitecto, José Cobreros de la Barrera, foi, durante a II República, edil e Alcalde do Concello de Lugo, gobernador civil e Presidente da Deputación. Ademais, José Antonio Cobreros, neto do arquitecto, ocupou o posto de enxeñeiro xefe provincial de estradas e o de delegado da Consellería de Ordenación do Territorio. Dito recoñecemento consistiu na entrega dun dos primeiros exemplares do libro a José Antonio Cobreros, neto de Nemesio Cobreros, durante o acto de presentación do volume.

Os tres arquitectos provinciais dos que é obra o Pazo de San Marcos foron:

Ángel Cosín y Martín: Foi quen trazou en 1861 o primeiro proxecto para o que estaba destinado a ser o Hospital de Isabel II, aínda que nunca o foi.

Rafael de Luque y Lubián: Rectificou ese proxecto inicial para axustar o presuposto e para convertelo no Instituto da provincia.

Nemesio Cobreros y Cuevillas: Correspondeulle, desde 1870, encargarse da dirección das obras e rematar o edificio para, máis adiante, dotalo da fachada que hoxe podemos ver só levemente alterada.

Os autores

María Jesús Regueiro Burgo e Julio Reboredo son os autores do libro sobre a historia do Pazo. Ámbolos dous son profesores. María Jesús Regueiro ten estudos de Enfermería e Humanidades pola Universidade de Santiago de Compostela, e exerce de profesora na Escola Universitaria de Enfermería de Lugo. Pola súa banda, Julio Reboredo, é licenciado en Xeografía e Historia pola USC, e leva un cuarto de século dedicado á ensinanza de historia.