Deputación de Lugo

A Deputación salva as obras de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública en Vilalba

A institución contratará este mes os traballos de mellora nas vías de acceso ás queixerías de San Simón da Costa e na da área recreativa A Magdalena dotadas de 520.000 eurosPosteriormente, ante a próxima extinción do convenio a finais de ano, o organismo provincial anticipará a totalidade do orzamento ó Concello, é dicir, 1 millón de euros Con estes trámites a Deputación garante a execución destes traballos que financia ó 100% logo de que o Alcalde vilalbés os retrasase durante case 1 ano ó non entregar os proxectos

A Xunta de Goberno aprobou este venres investir 120.000 euros na mellora da vía municipal que dá acceso ás queixerías de San Simón da Costa, aforrando este custe ó Concello de Vilalba. As obras afectan a 2,6 quilómetros desta estrada que discorre polo barrio de Lobán, pasando polas Fontelas cara Augarrío e Picheira, ata chegar a vía que une Vilalba coa A Balsa, no Concello de Muras. Trátase dun vial polo que a diario transcorren camións de recollida de leite, distribución de queixos, así como maquinaria agrícola ó ser paso ademais, ás explotacións gandeiras da zona.

As actuacións consisten na mellora do firme con aglomerado en quente e na limpeza e reapertura de cunetas. Estes traballos enmárcanse no convenio do Plan Extraordinario de Obra Pública aprobado a finais decembro de 2011. Este texto mantén que a Deputación asume a totalidade dos custes das obras, é dicir, 1 millón de euros que aforra ás arcas municipais, ademais de contratar as actuacións que consisten, todas elas, na mellora de servizos municipais. Pola súa banda, o Concello só ten que presentar os proxectos. No caso de Vilalba, o Alcalde, Gerardo Criado, tardou case 1 ano en decidir as iniciativas a levar a cabo, sendo o único Rexedor que fixo perigar esta inxección económica no municipio vilalbes fronte ós Alcaldes de Monforte de Lemos, Lugo, A Fonsagrada, Becerreá, Viveiro, Foz, Burela e Sarria.

Trámites para salvar as obras

O voceiro socialista, Manuel Martínez, avanzou que tendo en conta que este mesmo mes deixa de estar en vigor este convenio, a Xunta de Goberno tamén acordou iniciar o seu proceso de contratación que estará finalizado antes de rematar o ano. Neste mesma data, tamén quedarán adxudicadas as obras de acondicionamento da vía provincial ó seu paso pola área recreativa e a praia fluvial da Magdalena, dotadas de 400.000 euros, financiados ó 100% pola Deputación. Posteriormente, o organismo provincial adiantará ó Concello o orzamento total do Plan, é dicir, 1 millón de euros. Isto garantirá a execución de todas as actuacións en beneficio dos 15.000 vilalbeses.

As restantes obras que asumirá o municipio e que, posteriormente, deberá xustificar á Deputación son as seguintes: adquisición dunha parcela no contorno da praia fluvial e complexo lúdico-deportivo da Magdalena (135.000 euros); compra dunha finca no contorno da futura gardería municipal (62.547 euros); reurbanización da rúa Porta de Encina (180.000 euros); adecuación do Paseo dos Condes (102.153 euros).

Adquisicións para Cervantes

A Deputación dotou ó Concello de Cervantes dunha cuña quitaneves, un xerador e un martelo cincelador, investindo para elo 22.000 euros e aforrando, polo tanto, este custe ás arcas municipais. Trátanse dunhas actuacións previstas dentro dun convenio de colaboración asinado no mes de abril para realizar tarefas de mantemento nas estradas municipais deste Concello da Montaña. Debido a súa necesidade, principalmente, ante as nevadas que se rexistran na zona durante estes meses, a institución provincial axilizou os trámites de adquisicións deste equipamento que xa está a plena disposición do municipio cervantino. É por iso, que a Xunta de Goberno anulou hoxe este convenio.

230.000 euros en pequenas obras

Aprobáronse as contas xustificativas de 23 obras do Plan de Comunidades Veciñais realizadas nos Concellos de Antas de Ulla, Castroverde, Foz, Muras, O Páramo, Vilalba, Barreiros, Cervantes, Friol, Folgoso do Caurel, Paradela, Pobra do Brollón, Ribadeo, Riotorto e Sober. O valor total das actuacións é de 231.305 euros dos que a Deputación achegou 165.036 euros, é dicir, máis do 71%.

As obras son as seguintes: aproveitamento de cunetas na vía que transcorre dende a N-640 ata a igrexa de Sanando (Antas de Ulla); arranxo do camiño do Campo en Espasande (Castroverde); adaptación do local social en Forxán (Foz); rebaixa do badén no camiño rural no Pico-Viveiro (Muras); mellora da fonte veciñal de Eiras, en Gondrame (O Páramo); acondicionamento do camiño rural en Seivane-Román (Vilalba); mellora do camiño rural en Codesido (Vilalba); colocación de biosaludables e bancos en San Cosme (Barreiros); acondicionamento de camiños en Castelo de Cais (Cervantes); restauración do mura en Vilaquinte (Cervantes); mellora de acceso a vienda en Loureiro (Friol); mellora de accesos en Milmañas (Friol); arranxo de dous camiños en Narla (Friol); acondicionamento de acceso a vivenda 2º fase en Pacio (Friol); adecentamento diante de vivenda en Serén (Friol); acondicionamento de camiños e bocas de rego contra incendios en Campelo (Folgoso do Caurel); pavimentación de accesos ós núcleos de Higón-San en Mamede (Paradela); sistema de calefacción eléctrica no local social en Saa (Pobra do Brollón); acondicionamento da pista no barrio en Coto, Villaframil (Ribadeo); acondicionamento da igrexa de San Pedro (Riotorto); acondicionamento do local social en Arxemil (Sober); primeira fase do local social en Carqueixa (Sober); e adecuación do local social en Canabal (Sober).