Deputación de Lugo

O Partido Popular impide a retirada de títulos honoríficos da provincia a Franco, á Falange e a Pilar Primo de Rivera

O Presidente anuncia que se abordará a modificación do Regulamento para que non sexa precisa a unanimidade na retirada destas honras e a proposta do Goberno provincial prospereO Executivo provincial pide para a Mariña un plan de emprego, axudas de inserción laboral, liñas do IGAPE a autónomos e PEMES en concurso de acredores e un plan de choque no comercioDemanda centros de ITVs en Monterroso e Becerreá para crear 150 traballos, reducir custes e rematar co monopolio deste servizo, poñendo fin a discriminación que sofre a Montaña e A UlloaReclama un estudo dos aproveitamentos hidrográficos na conca do Miño-Sil para preservar a Rede Natura e acadar a declaración como patrimonio natural da humanidade pola UNESCO

A Deputación de Lugo non logra polo momento retirar os títulos honoríficos da provincia ó dictador Francisco Franco, a varias seccións da Falange e a Pilar Primo de Rivera debido a abstención do Partido Popular hoxe, no que foi o derradeiro Pleno do ano, na votación ó respecto dunha moción do equipo de Goberno que necesitaba, segundo recolle o Regulamento de Honras e Distincións da institución, ser aprobada por unanimidade. Ante esta situación, o Presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que “na próxima Xuntanza de Portavoces levarei unha proposta para reformar o regulamento co fin de abordar de novo a modificación deste punto e de outros se houbera motivos”.

No debate deste asunto, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou que “temos unha lei de Memoria Histórica aprobada polo Parlamento por unanimidade que debemos cumprir. Ademais, é necesario reconciliarse para poder mirar cara diante. Nembargantes, o PP segue mirando polo retrovisor porque non quere converterse nunha dereita moderna. En algún momento debería dar este paso e deixar o lastre da dictadura que é onde naceu xa que, mentres non o faga e non perda o pecado orixinal, vaille ir mal”. Mentres, o Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga, salientou que “esta proposta foi froito dunha moción presentada en xaneiro de 2009, ó entender que era acto de xustiza restituír a memoria de preto de 5.000 persoas que sufriron a represión franquista nesta provincia e porque non é de recibo que, tras 35 anos, segan ostentando estes títulos da provincia. Non vou intentar convencer o PP porque levamos anos facendo. Señores, cando se debata este tema deben ter altura de miras democráticas. Pero non me estraña a súa postura vendo as reclamacións presentadas contra este expediente por un ex senador do PP, ex delegado da Xunta do PP ou un ex director de Interior do PP. Non enganen a cidadanía senón cren no sistema democrático. Algo sigue amarrando ó Partido Popular ó ano 75”. Pola súa banda, o PP dixo “non querer entrar en debates” apuntando, exclusivamente, que “non recibimos leccións democráticas. Temos criterios propios, miramos o presente e o futuro, esquecendo o pasado”.

Proceso iniciado en 2009

O que este martes se tratou na sesión plenaria foi un expediente administrativo para a supresión de ditos títulos honoríficos posto en marcha 2009. Nesta data, o PP tamén se abstivo na votación sobre o inicio deste proceso, feito que non impediu a súa continuidade ó contar co apoio dunha maioría simple. Da mesma forma, a abstención dos populares na votación de hoxe tampouco impediu que fose aprobada a súa resolución cos votos a favor de PSOE e BNG. Malia é todo, non será efectivo ó non ser ratificado por unanimidade. Deste xeito, mentres non se modifique o Regulamento de Honras e Distincións e, posteriormente, se leve de novo este punto ó Pleno provincial, Franco mantén o título de Presidente de Honra da institución e a Medalla de Ouro, distincións que lle foron concedidas en 1944 e 1958 respectivamente. Tamén a sección feminina e ó fronte de xuventudes da Falange, así como a Pilar Primo de Rivera, conservan as Medallas de Ouro.

Plan de Emprego na Mariña

Por outra banda, o Goberno provincial da Deputación acordou esixir á Xunta a posta en marcha de medidas que dinamicen o emprego e o desenvolvemento sostible da provincia mediante tres propostas conxuntas que PSOE e BNG a levaron á sesión e que, en ningún dos casos, tampouco contaron co apoio do Partido Popular.

Logo da redución do plantel de Muebles Hermida con 75 traballadores menos, a aprobación do ERE da planta de ECAR en Mondoñedo que vai a supor a perda de 67 empregos e o concurso de acredores presentado polo Grupo Mon, o equipo de Goberno aprobou, coa abstención do PP, demandar ó Executivo autonómico para a Mariña o seguinte:

1.- Un plan de recuperación do emprego e da actividade económica da Comarca mariñana, destinando a tal fin unha contía económica específica dentro das súas contas públicas.

2.- Un plan de acompañamento social para aquelas persoas que se atopan en situación de desemprego, a comezando polas que non perciben ningunha prestación, de cara a amortiguar a súa situación e favorecer a inserción laboral dos mesmos.

3.- A apertura de liñas de financiamento específicas a conta do IGAPE para todos os autónomos e PEMES da Mariña que se atopen atrapados en concursos de acredores, facendo perigar a súa viabilidade.

4.- Un plan de choque que fomente o consumo a fin de evitar o peche de centos de pequenos establecementos comerciais.

150 novos empregos

Outra das medidas que o Goberno provincial aprobou na sesión, co voto en contra do Partido Popular, foi reclamar á Xunta a creación de 2 centros de ITVs na provincia, concretamente en Monterroso e Becerreá, para a creación de 150 novos postos de traballo e a redución de custes ós cidadáns, poñendo fin á discriminación que sofre a Montaña e A Ulloa, así como ó monopolio público deste servizo. O actual sistema de Inspección Técnica de Vehículos conta con preto de 30 anos de existencia. Na actualidade, vén a ser unha concesión de servizo público a unha soa empresa o que constitúe, na práctica, un auténtico monopolio, difícil de soportar, máxime se ten en conta que tan só funcionan 5 establecementos na provincia e 22 en toda Galicia. Estes datos demostran que a necesidade de estender e de ampliar este servizo facilitaría o acceso ós cidadáns, conseguindo así un importante aforro para os usuarios tanto en tempo como nos gastos de desprazamentos. O aumento do número de ITVs en Galicia levaría aparellado a creación de novos postos de traballo e a concesión a novas empresas, introducindo os principios de competitividade e abaratando custes.

Conca do Miño-Sil

O equipo de Goberno provincial acordou ademais, tamén coa negativa do PP, demandar tanto ó Executivo galego como ó Central a elaboración dun estudo de impacto ambiental e social sobre os aproveitamentos hidroeléctricos existentes na conca do Miño-Sil co obxectivo de preservar a riqueza desta zona incluída na Rede Natura e garantir a declaración de patrimonio natural da humanidade pola UNESCO tal e como defende a Deputación. Para elo, PSOE e BNG piden que mentres non se coñezan os resultados deste informe se paralicen de inmediato as concesións de novos aproveitamentos e que, no caso de que este estudo demostre que a zona está sobresaturada, estas suspensións sexan definitivas.