Deputación de Lugo

Os obradoiros infantís de Nadal que organiza o CENTRAD obteñen un rotundo éxito, ó cubrir tódalas prazas nun só día

As actividades, totalmente gratuítas e dirixidas a rapaces de 5 a 12 anos, desenvolveranse nas instalacións do centro entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiroOs obradoiros serán de traxe rexional, instrumentos musicais, libro, moble artesán e tapizado

Os obradoiros que o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación organiza por primeira vez en Nadal para os máis pequenos obtiveron un rotundo éxito, ó cubrirse as 60 prazas dispoñibles o mesmo día no que se abriu a inscrición. As actividades, totalmente gratuítas, están dirixidas á rapaces de entre 5 e 12 anos de idade, e desenvolveranse entre o próximo 23 de decembro e o 5 de xaneiro nas instalacións do CENTRAD.

Haberá dous cursos de cinco días cada un, de xeito que o primeiro se celebrará entre o 23 e o 30 de decembro e o segundo, do 30 de decembro ó 5 de xaneiro. Cada unha desas cinco xornadas estará dedicada a cada un dos obradoiros cos que conta o CENTRAD (traxe tradicional, instrumentos musicais, libro, moble artesán e tapizado), e nelas os nenos elaborarán obxecto tradicionais “a pequena escala”: no obradoiro do traxe rexional elaborarán xoaniñas ás que vestirán con indumentaria tradicional; no de instrumentos musicais poderán elaborar un asubío; no obradoiro do libro traballarán na fabricación do seu propio papel; e nos de moble artesán e de tapizado construirán pequenas caixiñas de madeira que tapizarán con telas de cores.

Con estes obradoiros, tal e como subliñou a Deputada da Área de Deseño, Regina Polín, durante a presentación da iniciativa, a Deputación pretende colaborar coa conciliación da vida familiar e laboral, ó tempo que lles ofrece ós rapaces a oportunidade de coñecer a tradición artesanal da provincia e de dedicar o tempo libre a unha actividade diferente ás habituais. Un tempo libre no que ademais poderán relacionarse con outros nenos da súa mesma idade procedentes doutros puntos da xeografía lucense.