Deputación de Lugo

A Deputación remata as obras de construción da residencia da terceira idade de Negueira de Muñiz, acometidas co Canon

Besteiro supervisou a última fase dos traballos da Casa dos Maiores, que terá capacidade para unha vintena de prazas, dará emprego directo a un decena de persoas e fixará poboación no municipio con menos habitantes da provinciaO organismo provincial completa así as actuacións programadas con cargo ó Canon eléctrico no Concello da Montaña, que incluíron, ademais do remate do xeriátrico, o acondicionamento do acceso á parroquia de Encanlar e a adquisición dunha cuña quitanevesO Presidente inspeccionou as obras de instalación dun embarcadoiro no encoro de Salime, que dará servizo a partir de xaneiro ós veciños e promocionará o turismo náutico

A Deputación de Lugo completou as obras de construción da residencia da terceira idade de Negueira de Muñiz, un centro situado na Praza Maior do pobo que terá unha capacidade de 19 prazas (12 residenciais e 7 de centro de día), dará emprego directo a unha decena de persoas e fixará poboación no municipio con menos habitantes da provincia. Os traballos que levou a cabo o organismo provincial correspóndense coa última fase do proxecto para levantar o edificio, que acometeu con cargo ó Canon eléctrico. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Negueira, José Manuel Braña Pereira, e do da Fonsagrada, Argelio Fernández, supervisou este martes a execución das obras, que contaron cun orzamento de 238.045 euros e consistiron na instalación eléctrica e de calefacción, aillamento e impermeabilización, colocación de pavimentos, alicatado e falsos teitos, acondicionamento dos sanitarios, carpintería e instalación dun ascensor.

Co esta actuación, o organismo provincial, “no seu empeño por cooperar cos Concellos, pois esta é a nosa auténtica razón de ser, contribúe a ofrecer un servizo social básico, que responde ás necesidades dos veciños e mellora o seu benestar, e tamén axuda a crear emprego e fixar poboación no municipio con menos habitantes da provincia e no que o 40% da poboación é maior de 60 anos”, subliñou o Presidente. A posición do organismo provincial, asegurou, “é radicalmente diferente á dunha Xunta de Galicia que considera que non son prioritarias, nin as residencias, nin os centros de día, mesmo cando o Instituto Nacional de Estatística vén de publicar esta pasada fin de semana que Lugo é a provincia que máis poboación perdeu de toda España no ano 2010”.

O proxecto da residencia de Negueira data de hai doce anos e a súa primeira fase -o levantamento da estrutura- levouse a cabo a través do plan Leader europeo e con fondos propios do Concello. Agora, unha vez rematado o edificio coa axuda da Deputación, queda dotalo de equipamento, para o que son necesarios uns 170.000 euros, e buscar a fórmula de xestión do servizo máis axeitada. Neste senso, o Alcalde aproveitou a visita do Presidente ó municipio para solicitar axuda da Deputación para equipalo centro, unha petición que o organismo estudará. Ademais, Braña ten solicitado dende hai un mes unha entrevista coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, para abordar, entre outras cuestións, a posibilidade de colaborar na posta en marcha da residencia contribuíndo a equipala e concertando prazas. O rexedor non ocultou o seu pesimismo con respecto á postura do Goberno galego, dado “o xarro de auga fría que supuxo para todos, sobre todo para os municipios máis pequenos como o meu, a negativa que a Conselleira de Traballo lle transmitiu ó Presidente de concertar prazas nas 12 residencias que ten proxectadas, pese a que se trata dunha demanda xeneralizada na provincia”.

Ademais do remate das obras do xeriátrico, as actuacións acometidas con cargo ó Canon eléctrico en Negueira foron o acondicionamento do acceso á parroquia de Encanlar e a adquisición dunha cuña quitaneves, xa realizadas. Este municipio inclúese xunto con A Fonsagrada na denominada zona norte, que recibiu un total de 932.141 euros.

Os pantaláns estarán rematados en xaneiro

Por outra banda, a Deputación terá rematada no mes de xaneiro a construción dun embarcadoiro en Negueira de Muñiz que dará servizo ós veciños que atravesan o río habitualmente, principalmente da aldea do Foxo, e servirá para promocionar o turismo náutico no encoro de Salime. O mandatario provincial e o Alcalde inspeccionaron hoxe os traballos, que contan cun orzamento de 110.000 euros. O organismo lucense contribúe a manter 13 postos de traballo con este proxecto, que acomete a proposta do rexedor, pois esta era “unha prioridade” para o Concello, xa que nun futuro tamén podería dar servizo a unha embarcación turística tipo catamarán, semellante ás empregadas nos Canóns do Sil.

A infraestrutura instálase nas inmediacións da área recreativa da Virxe da Veiga e permitirá o amarre en condicións de seguridade de pequenas embarcacións, tanto de recreo –canoas ou piraguas, entre outras- como de pesca e transporte. A instalación constará dun módulo de aluminio flotante de 3 metros de anchura con laterais de 12 metros de longo.

Este será o sétimo pantalán que terá a Deputación de Lugo, e que se engade ós dos Peares, Belesar pobo e Belesar presa, Os Robles, Portomarín e Doade. En total, nos últimos catro anos preto de 21.000 persoas participaron nas distintas rutas que ofrecen os catamaráns da Deputación.

Traslado ó consistorio trala súa restauración

Gómez Besteiro e Braña Pereira achegáronse tamén este martes á casa consistorial, rehabilitada con 100.000 euros achegados pola Administración autonómica, tanto na etapa do Goberno bipartito, como na anterior a este. Agora só falta o equipamento, para o que o Alcalde tamén lle solicitou ó Presidente axuda económica. Serían necesarios 15.000 euros e o organismo provincial estudará en que medida pode colaborar. O obxectivo do rexedor de Negueira é que os traballadores do Concello e a propia corporación se trasladen ás renovadas instalacións no mes de xaneiro, tras pasar máis de 25 anos utilizando como sede municipal a antiga escola de Negueira debido ó pésimo estado no que se atopaba o consistorio.