Deputación de Lugo

A Deputación aforra 70.000 euros ó Concello do Corgo co arranxo de estradas locais

O Presidente supervisou os traballos de asfaltado que se están a realizar na parroquia de Chamoso e a rexeneración xa acometida en San Xoán do Corgo, Adai, Arxemil e Pedrafita, unhas actuacións que en conxunto benefician de xeito directo a máis de 500 veciños Para executalas obras, o organismo provincial ten desprazado na localidade un equipo de rego, composto por unha apisonadora, un camión de gravilla e unha cisterna, ademais de 3 profesionais que actúan coa colaboración de persoal municipal

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, asupervisou as obras de arranxo de estradas locais que está a executar a institución en diversos puntos do municipio do Corgo, uns traballos “cos que lle aforramos ás arcas do Concello ó redor de 70.000 euros, ó evitar a contratación dunha empresa externa, e, ó mesmo tempo, melloramos as condicións de seguridade da rede viaria local”, destacou o mandatario provincial. En concreto, Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo Alcalde, José Antonio Ferreiro, inspeccionou os traballos de asfaltado dunha pista de terra que se están a realizar en San Cristovo de Chamoso e a rexeneración xa rematada en 6 vías das parroquias de San Xoán do Corgo, Adai, Arxemil e Pedrafita. En conxunto, as actuacións benefician de xeito directo a máis de 500 veciños.

Para a execución destas obras, a institución desprazou as máquinas do seu parque móbil, un servizo que o Goberno provincial reorientou en 2007, poñendo a disposición de todos os Concellos lugueses, tanto os medios técnicos como o persoal deste departamento para o acondicionamento de estradas de carácter municipal. Deste xeito, hoxe no Corgo hai un equipo de rego, composto por 1 apisonadora, 1 camión gravilla e 1 cisterna, ademais de 3 profesionais que actúan coa colaboración de persoal municipal. Na actualidade, a Deputación mantén outros equipos no Incio, Lourenzá, Sober e Xermade para realizar melloras en estradas locais.

Os traballos que se están a acometer estes días no Corgo, iniciados o pasado luns, responden a unha petición veciñal e consisten no asfaltado dunha pista de 700 metros que na actualidade está en terra, denominada Camiño do Cepo, pertencente a San Cristovo de Chamoso. Polo que respecta ás actuacións xa finalizadas son as seguintes: rexeneración das pistas Lamas-Pedrafita; Adai-Gracián; Gracián-Queizán; Adai-San Martiño e Arxemil-Pedrafita; así como o asfaltado dunha pista de 400 metros no interior do núcleo de Adai.

Saneamento en Arxemil
O Presidente tamén supervisou a rede de saneamento e depuración que a Deputación construíu na parroquia de Arxemil con cargo ó Plan Extraordinario de Obra Pública, despois de que o anterior Goberno provincial deixara adxudicado o proxecto, pero non consignase fondos para levalo a cabo. Trátase dunha infraestrutura moi demandada polos 120 veciños que residen neste núcleo á que o organismo provincial destinou 243.000 euros e que leva en funcionamento preto dun ano. A execución da rede de saneamento en Arxemil é unha das iniciativas que amosa o compromiso da Deputación co municipio do Corgo, ó que o organismo provincial destinou preto de 1,2 millóns de euros nos últimos catro anos para a mellora de estradas e instalacións deportivas, o acondicionamento de zonas verdes e a dotación de servizos e equipamentos no rural, entre outras actuacións.