Deputación de Lugo

Trinta técnicos municipais da provincia participan na xornada formativa sobre a EDAR de Lugo organizada pola Deputación

Sonsoles López subliñou o interese da infraestrutura para estes profesionais por ser “punteira e modélica en Galicia pola obra civil realizada e pola súa avanzada tecnoloxía” A xornada completouse cunha conferencia sobre os valores biolóxicos do Complexo Húmido Terra Chá e das Reservas da Biosfera

Trinta técnicos de Concellos da provincia participaron este xoves na xornada formativa organizada pola Deputación de Lugo para mostrar a estes profesionais in situ as características e funcionamento da EDAR da capital lucense debido ó interese desta infraestrutura por ser “punteira e modélica a nivel galego, tanto pola obra civil realizada, como pola súa avanzada tecnoloxía”, explicou a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo. De feito, o proxecto da Estación Depuradora de Augas Residuais lucense foi distinguida polos Premios San Telmo de 2011 por ser a mellor obra civil terminada nese ano na comunidade autónoma. Os Premios San Telmo convócaos o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia para premiar a integración medioambiental das obras realizadas na comunidade e a súa influencia na mellora da calidade de vida dos galegos.

A delegada da empresa Gestagua en Galicia, Mercedes del Pino Fernández, foi quen falou ós asistentes sobre a EDAR de Lugo nunha visita guiada ás instalacións, mentres que Luis Abia, xerente de Enxeñaría Ambiental de Novotec, unha das consultoras máis prestixiosas de España, explicoulles as alternativas tecnolóxicas na depuración de augas residuais.

A xornada formativa para técnicos municipais complementouse cunha conferencia sobre os valores biolóxicos do Complexo Húmido Terra Chá e das Reservas da Biosfera da provincia, que ofreceu Jesús Domínguez Conde, técnico do Órgano Xestor da Reserva Terras do Miño e profesor titular de Zooloxía na Universidade de Santiago, e que tivo lugar na Capela de Santa María, onde precisamente está aberta unha exposición sobre as 40 Reservas da Biosfera recoñecidas pola UNESCO en España. Esta mostra poderá visitarse ata o 28 de febreiro, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00; os sábados, de 17:00 a 20:00, e domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 horas
Convenio co Ministerio de Medio Ambiente
A actividade que tivo lugar hoxe forma parte do plan de actuación para impulsalo desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses que desenvolve a Deputación ó abeiro dun convenio asinado co Ministerio de Medio Ambiente. Os obxectivos do proxecto, dotado con 1 millón de euros, son os seguintes:
- Por unha banda, difundir entre a cidadanía en xeral e entre os profesionais dos sectores vinculados a todo o que ten que ver co medio ambiente, en particular, as características e recursos das Reservas da Biosfera para garantir a conservación, xestión sostible e posta en valor do patrimonio natural.
- Doutro lado, favorecer a xeración de emprego e fixar poboación a través de dúas vías: impulsando as actividades relacionadas co medio ambiente como unha alternativa económica de futuro na provincia e abrindo novas posibilidades ó medio rural e ó sector agrogandeiro, propoñéndolles mecanismos para reducir custes e diversificar a súa actividade.