Deputación de Lugo

O CENTRAD impulsa os oficios tradicionais en Bretoña durante a Festa da Bola de Licos e das Freces

Catro artesáns lucenses farán, dende as 11:00 e ata as 15:00 horas, demostracións en vivo das técnicas dos ferreiros, cesteiros, canteiros e torneiros de madeira

O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), dependente da Deputación, impulsa este domingo en Bretoña, no Concello de A Pastoriza, os oficios artesanais durante a celebración da Festa da Bola de Lisco e das Feces. Catro profesionais do sector farán demostracións en vivo do seu oficio na praza de dita localidade chairega, dende as 11:00 horas e ata as 15:00 horas.

Óscar Villada Blanco, natural de Riotorto, amosará as técnicas tradicionais empregadas polo ferreiros; María Carmen Otero, veciña da Pastoriza, as dos cesteiros; Vicente Ledo, de Guitiriz, as dos torneiros de madeira; e Ramón Villar, de Lugo, as dos canteiros. Esta colaboración forma parte das actividades que organiza o CENTRAD en apoio ós artesáns da provincia co fin de contribuír ó mantemento dos oficios tradicionais, así como para potencialos en sinal de identidade e factor diferencial da riqueza patrimonial e cultural que posúe Lugo.


Xornada festiva
A Pastoriza rende culto hoxe á bola de liscos e ás freces nunha cita xa consolidada que, ano tras ano, colleita éxito de público e vendas. Ás 11:00 horas deste domingo dará comezo a quinta edición deste festexo coa apertura dos “stands”, na praza de Bretoña, nos que se poderán adquirir produtos gastronómico autóctonos e artesáns, ó tempo que se poderá admirar en directo o traballo destes últimos profesionais. A partires das 12:30 horas, os asistentes terán a oportunidade de adquirir racións dos manxares homenaxeados a un prezo de 6 euros.