Deputación de Lugo

A Deputación promociona as 95 firmas coas marcas de calidade Lugo Sabe e Lug02 nas xornadas de Madrid sobre as Reservas

A creación destes distintivos e as empresas que os acadaron foron hoxe un dos eixos do congreso, organizado polo institución provincial na Universidade Politécnica de Madrid e ó que asisten un centenar de emprendedores do medio ambienteO Presidente resaltou na inauguración do encontro a aposta do organismo por impulsalos empregos verdes, tendo en conta o seu potencial, como demostra que o número de postos de traballo relacionados con este ámbito medrou en España na última década nun 235% O seminario conclúe mañá con conferencias sobre a certificación ambiental de praias mariñanas; os programas Km0, Surfcamp, Lugoteando, e Saúde e Benestar no Camiño; as becas Lug02 para mozos titulados e o proxecto para mellorala produción dos soutos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves as xornadas técnicas que organizou o organismo provincial na Universidade Politécnica de Madrid para difundir entre profesionais do medio ambiente o seu modelo de xestión das Reservas da Biosfera. Este encontro serviu hoxe de escaparate promocional das 95 empresas da provincia que obtiveron as marcas de calidade creadas pola Deputación LugoSabe e Lug02, xa que esta foi unha das liñas estratéxicas desenvolvidas para dinamizar económica e socialmente os territorios das Reservas. Deste xeito, a creación deste distintivo e as empresas que os acadaron foron un dos eixos desta primeira xornada, intervindo como poñentes, non só técnicos responsables do proxecto, se non tamén empresarios beneficiados pola iniciativa, como foi o caso de Verónica Núñez López, xerente de Caurelor, e Álvaro López Fernández, representante de Casa Cazoleiro de Meira. A Deputación, a través do proxecto medioambiental Lug02 -financiado ó 70% pola Unión Europea- creou as marcas Lugo Sabe e Lug02 co fin de poñer en valor e promocionar os produtos autóctonos e os establecementos de restauración e aloxamentos enclavados nos territorios das Reservas da Biosfera e a comarca dos Ancares.

Na inauguración do congreso, ó que asisten un centenar de emprendedores do medio ambiente, o Presidente resaltou a aposta do organismo lugués pola xestión sostible do territorio como estratexia fundamental, non só para garantir a súa conservación, se non para favorecer o desenvolvemento socioeconómico, crear emprego e fixar poboación. “Pensemos soamente no potencial laboral que ten o medio ambiente en áreas como a xestión de residuos e da auga, o ecoturismo, as enerxías renovables, a protección e o mantemento de espazos naturais, os servizos ambientais a empresas ou os proxectos de I+D+i... Dous datos reveladores: o número de postos de traballo relacionados con este ámbito medrou en España na última década nun 235%, superando a día de hoxe os 500.000 empregos, 24.000 deles en Galicia, e prevese chegar ós 2,5 millóns no ano 2020 en todo o país”, argumentou Gómez Besteiro. “Na Deputación cremos firmemente que o medio ambiente é para Lugo unha verdadeira oportunidade económica e un dos campos nos que hai que traballar para loitar contra o principal cáncer que temos na provincia, que é o despoboamento. Nestas xornadas expoñemos como estamos xestionando as Reservas da Biosfera e como estamos a aplicar os fondos europeos que vimos disfrutando dende hai aproximadamente tres anos, que, grazas á UE e ó Goberno de España, nos permiten desenvolver políticas de inversión en clave medioambiental que suman uns 14 millóns de euros”, engadiu.
Os impactos das Reservas
Xunto ás marcas LugoSabe e Lug02, o outro eixo desta primeira xornada do congreso foi unha mesa redonda sobre os impactos máis importantes das declaracións das Reservas da Biosfera, na que interviñeron a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e dous representantes dos colectivos sociais que forman parte dos órganos de xestión das Reservas Terras do Miño e Os Ancares: Antonio Figueroa e Raquel Zolle. Como moderadora estivo a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín. Os impactos das Reservas que destacou a responsable da área provincial de Medio Ambiente neste debate foron os seguintes: conservación do medio rural (paisaxes, ecosistemas e variación xenética); desenvolvemento económico, pois a declaración da UNESCO fai posible a captación de fondos europeos e do Estado, e favorece a creación dos denominados empregos verdes; e dinamismo social, coa integración de organizacións sociais na estrutura de dirección das Reservas.
Tamén se falou das accións futuras da institución luguesa neste ámbito, entre elas da segunda fase do programa Lug02, que conta cun orzamento de 6,5 millóns de euros, achegado ó 70% pola UE; un plan de actuación dotado con 1 millón de euros para impulsar as Reservas Terras do Miño e Os Ancares, financiado ó 70% polo Ministerio de Medio Ambiente; e un avance do Plan de Acción que a Deputación está elaborando e no que se determinarán as liñas estratéxicas de actuación en Terras do Miño e Os Ancares na próxima década.

Así mesmo, houbo unha conferencia sobre as Reservas da Biosfera a nivel mundial, que ofreceron Natalia Beltrán, representante da oficina española do programa M&B (Men and Biosfere), dependente da UNESCO e no que está integrada Rede Mundial de Reservas da Biosfera; Tomás Rueda Gaona, Presidente do Consello de Xestores da Rede Española de Reservas da Biosfera, e Pablo Ramil Rego, membro do Comité Científico da Rede Española de Reservas.
Clausura
As xornadas técnicas conclúen mañá cunha conferencia sobre a certificación ambiental de praias mariñanas impulsada pola Deputación, e cunha mesa redonda sobre outras liñas de actuación do organismo provincial para impulsalas Reservas, como os programas Km0, Surfcamp e Lugoteando; o programa Saúde e Benestar no Camiño de Santiago; o proxecto para conservar e mellorar as condicións de produción de castaños; e as becas para mozos titulados Lug02.