Deputación de Lugo

25 rapaces coñecen a importancia do ecosistema fluvial nunhas xornadas didácticas organizadas no Rato pola Deputación

Imaxe deputación de lugo
Os escolares, en moitos casos acompañados polos seus pais ou outros familiares, participaron ó longo desta tarde nun obradoiro dirixido por investigadores da USCO organismo provincial continuará este martes cos talleres sobre a Reserva Terras do Miño en dous centros educativos da Terra Chá -o CPI Virxe do Carme de Cospeito e o IES Terra Chá de Castro de Rei-, ós que asistirán medio cento de estudantes

Vinte e cinco escolares de entre 6 e 11 anos coñeceron este domingo nunha xornada lúdico formativa organizada pola Deputación a importancia fluvial da Reserva da Biosfera Terras do Miño. As actividades, totalmente gratuítas, desenvolvéronse ó longo da tarde de hoxe no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no Paseo do Rato da cidade lucense. Os nenos, en moitos casos acompañados polos seus pais ou outros familiares, participaron nun obradoiro dirixido por investigadores da Universidade de Santiago durante o que traballaron nun manual elaborado para ocasión sobre os ríos, e a súa fauna e flora, fixeron unha visita guiada polo Centro de Interpretación e tomaron unha merenda a base de produtos autóctonos.

Este é o segundo e último dun programa de obradoiros para os máis pequenos organizado pola Deputación no Centro de Interpretación Terras do Miño, aínda que as actividades de divulgación sobre a Reserva continuarán en dous centros educativos da Terra Chá. Deste xeito, o vindeiro martes, día 28, haberá talleres no CPI Virxe do Monte, en Cospeito, no que participarán 25 alumnos de 3º da ESO, e o outro no IES Terra Chá de Castro Ribeiras de Lea, ó que asistirán outros 25 estudantes do Ciclo Superior de Xestión e Organización de Recursos Naturais e Paisaxísticos. Neste caso, os obradoiros xirarán tamén en torno ó ecosistema fluvial. Deste xeito, mostraráselles ós mozos a través de textos e imaxes as características da flora (bosques de ribeira e vexetación propia das cuncas), e a fauna (peces, aves mamíferos...)

Este ciclo de xornadas forma parte dun plan de actuación que a Deputación de Lugo desenvolve ó abeiro dun convenio que asinou co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar o desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, espazos protexidos pola UNESCO dos que o organismo provincial é o máximo responsable. Un dos obxectivos fundamentais deste plan é difundir entre a cidadanía en xeral, nenos e maiores, e entre os profesionais dos sectores vinculados a todo o relacionado co medio ambiente, en particular, as características e recursos das Reservas da Biosfera, buscando deste xeito a implicación da sociedade para garantir a conservación, a xestión sostible e a posta en valor do patrimonio natural da provincia.