Deputación de Lugo

A Deputación crea emprego cun proxecto pioneiro en España que potencia a produción de castaña na provincia

Besteiro supervisou o grao de execución do convenio asinado coa empresa Alibós, a través do que, dende 2010, se plantaron e recuperaron 125 hectáreas cedidas nos municipios de Taboada, Antas de Ulla, Monterroso, Guntín, Palas de Rei, Portomarín e Lugo O programa, que impulsa un modelo de xestión do territorio sostible e cun gran potencial económico, conclúe neste 2012 co acondicionamento de 100 hectáreas máis de terreo, co que serán 225 as que en total se poñerán en produción Os donos destas fincas reciben, a custe cero, o 33% dos beneficios das colleitas, que a medio prazo –en 15 anos- acadarán as 400 toneladas e no momento de maior rendemento dos soutos –a partir dos 25 anos- superarán as 800O proxecto está xerando un gran expectación en toda a comunidade galega, como demostran as máis de 200 consultas que Alibós recibiu de produtores interesándose por iniciativas similares

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo xerente de Alibós Galicia, Xesús Quintá, supervisou este mércores no Concello de Taboada, o estado de execución do convenio de colaboración que o organismo provincial asinou en 2010 con esta empresa -unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada- para potenciar a produción e comercialización de castaña na provincia como un modelo de xestión do territorio sostible e cun gran potencial económico, que ademais aproveita e pon en valor os recursos autóctonos. Segundo anunciou Gómez Besteiro, dende a posta en marcha do Proxecto Soutos, pioneiro en España, inicialmente xa se crearon 13 postos de traballo directos no rural para a plantación e recuperación de 125 hectáreas de superficie cedidas en 7 municipios da zona occidental e central da provincia: Taboada, Antas de Ulla, Monterroso, Guntín, Palas de Rei, Portomarín e Lugo.

O programa conclúe neste 2012 co acondicionamento de 100 hectáreas máis de terreo (das que 64 están a día de hoxe xa comprometidas cos donos). Deste xeito, serán 225 as que en total se poñerán en produción. Os propietarios destas fincas recibirán, a custe cero, o 33% dos beneficios das colleitas, que a medio prazo –en 15 anos- acadarán as 400 toneladas e no momento de maior rendemento dos soutos –a partir dos 25 anos- superarán as 800. Para o mantemento das 225 hectáreas xeraranse tamén postos de traballo, pois haberá que levar a cabo cada tempada o desbroce das fincas, podas, fertilización, rego, preparación do terreo para a caída das castañas, recollida e enxertos, entre outros labores. O principal destino das castañas será o mercado internacional, onde acadan os maiores prezos, e a forma na que se vende a castaña é pelada para a súa posterior transformación para o ámbito da cociña e da repostería (elaboración de cremas, purés, xeados...)

“Cando hoxe celebramos en todo o Mundo o Día da Árbore, neste proxecto que desenvolvemos conxuntamente coa iniciativa privada temos un modelo da economía verde ou do que podemos chamar ‘árbore negocio’, é dicir, aproveitar o gran potencial dos recursos naturais cos que contamos para xerar riqueza e emprego, ser máis competitivos, e ó mesmo tempo, recuperar os nosos soutos, pois moitos están sen explotar, coa conseguinte perda da produción, porque os donos non a recollen ou porque a maleza impide facelo”, destacou o Presidente, que estivo nos soutos de Fiunte, onde Alibós leva a cabo unha plantación nova, e Gondulfe, na que se están realizando enxertos en vellos castiñeiros. O mandatario provincial destacou así mesmo que se trata dun “modelo diferente de aproveitar os montes comunais ou pastizais, que ás veces están abandonados ou con baixa produción”, e unha forma de complementar os ingresos das familias do rural.

O proxecto, destinado a favorecer a posta en produción de superficies forestais dedicadas a froitos silvestres, así como a comercialización e transformación das súas producións, contribúe tamén a fixar poboación, tal e como destacou Besteiro: “De feito, segue algunhas das estratexias que marcan os mellores expertos de Galicia en demografía no libro Lugo Reacciona, que editamos na Deputación para frear o grave despoboamento que sufrimos, non só en Lugo, senón ata nunha ducia de provincias de toda España”. Ditas fórmulas que coinciden cos obxectivos do programa da institución provincial e Alibós son: unha nova xestión do territorio; potenciar o sector primario, xerando negocios e actividades realmente sostibles vinculadas cos produtos autóctonos; a comercialización internacional da produción autóctona, aproveitando a imaxe, marca e produto de Galicia; e o cambio da cultura emprendedora e do modelo produtivo (pensando non só na producción, senón na transformación).

Pola súa banda, o xerente de Alibós destacou que a Deputación é unha “administración pioneira neste ámbito, á que agora queren seguir outras como a autonómica, que prepara un proxecto similar en mil hectáreas de terreo, ou a Deputación de Pontevedra”.

90% de novas plantacións
Das actuacións desenvolvidas ata o momento –nos anos 2010 e 2011- máis do 90% foron novas plantacións, mentres que as 10% restantes consistiron na recuperación de vellos soutos. Grazas a esta recuperación de castiñeiros que estaban sen explotar, realizada mediante enxertos, en 2011 xa houbo unha produción de 15.435 quilos, un volume que puido ser maior se non fose polas desfavorables condicións meteorolóxicas, que propiciou unha mingua na calidade e cantidade de froitos por árbore. Neste 2012, no que a seca tampouco favorecerá a produción, prevese acadar os 30.000 quilos.

En canto ás características da castaña, Alibós traballa, e quere difundir e promover, principalmente as variedades longal e famosa, que son as máis aptas para o consumo en fresco e para a transformación industrial polo seu bo pelado, conservación, sabor e textura, e están ademais avaladas polos selos de calidade IXP (Indicación Xeográfica Protexida), Castaña de Galicia e CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica).

Gran interese en toda Galicia
O Proxecto Soutos está xerando unha gran expectación, tanto na provincia, como no resto de Galicia, segundo destacan os responsables de Alibós, que recibiron unhas 200 consultas de propietarios de superficies forestais interesándose por iniciativas similares. De feito, a petición dos interesados, a empresa ofreceu asesoramento para outras plantacións particulares á marxe do programa que leva a cabo co respaldo da Deputación.

Lugo concentra o 30% da produción
No conxunto de Galicia, estímase unha produción de 15.000 toneladas de castaña, das que se comercializan máis da metade. A facturación é de 20 millóns de euros. A provincia concentra o 30% do total da comunidade galega. Alibós subliña que Lugo ten un gran potencial neste sector “por mor do importante terreo agrícola e forestal existente, unha superficie moita dela en estado de abandono ou cunha baixa rendibilidade. Ademais, as condicións edafoclimáticas que caracterizan á provincia favorecen o bo desenvolvemento desta especie autóctona”. A recollida e a produción da castaña vai dende outubro ata xaneiro e dá traballo a 6.000 persoas en Galicia e a 2.000 na provincia. Deste xeito, o convenio con Alibós non só contribúe a profesionalizar o sector, senón tamén que os postos de traballo deixen de ser estacionais.

Empresa punteira no sector
A fábrica de Alibós Galicia sitúase en Monterroso. É unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada. Exporta a súa produción a máis de 20 países de Europa e Asia e conta cun dos túneles máis importantes de conxelados a nivel europeo. En 2011 facturou máis de 5,9 millóns de euros e durante a recollida e produción da castaña, dá traballo a máis de 100 persoas.

Dende fai máis dunha década esta empresa conta coa certificación de Elaboradores de Produto Ecolóxico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, ademais doutras distincións como o Premio á Mellor Industria Ecolóxica de Galicia. Iniciou a súa actividade en 1968 e desde entón traballan no aproveitamento da castaña e de produtos silvestres da comarca da Ulloa, como os cogomelos, framboesas ou fresas do bosque.
Obras no rural
Por outra banda, o Presidente aproveitou para inspeccionar algunhas actuacións que a Deputación levou a cabo no 2011 dentro do Plan de Comunidades Veciñais nos Concellos de Taboada e Antas de Ulla, unha iniciativa que permite levar a cabo melloras no rural, “que, non por ser pequenas, deixan de ser importantes, pois teñen unha profunda relevancia social e contribúen a algo tan urxente hoxe na provincia como é dinamizalo rural, facer máis vivas e acolledoras as nosas aldeas, para fixar poboación”, indicou Gómez Besteiro.

No municipio taboadés, a Deputación financiou con 52.000 euros a execución de 5 proxectos: arranxo de camiños en Vilela, Sobrecedo e Pedrouzos; mellora do acceso ó campo da festa e á área recreativa de Taboada; e rehabilitación do tellado da igrexa da localidade. En canto a Antas de Ulla, o montante total das axudas concedidas foi de 42.000 euros. Acometéronse seis actuacións: melloras no exterior dos depósitos da traída de auga e no camiño de O Coto, na parroquia de Santa Mariña; arranxo do camiño Os Carreiros-Alemparte; acondicionamento do local social de San Martiño de Vilapoupre; recuperación da fonte de Santiso; e mellora do Camiño Vello de O Pumar a Lebesende.