Deputación de Lugo

Máis de 20 novos bombeiros do Consorcio de Lugo incian a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública

Ofreceranse 333 horas lectivas, das cales un 60 por cento serán prácticas

Máis de vinte persoas iniciaron esta mañá na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) o curso de formación inicial para bombeiros de novo ingreso, destinado ao persoal que prestará servizo nos parques do Consorcio Provincial de Lugo, que conforman a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo.

Tratase dun total de vinteún aspirantes seleccionados pola empresa Natutecnica -concesionaria dos parques da zona sur de Lugo en Chantada, Monforte e Sarria- para cubrir postos de bombeiros ou de bolseiros no parque de Monforte, que se integrará nos próximos meses no Consorcio provincial de Lugo; así como nos de Chantada e Sarria, onde poderían quedar prazas libres como resultado dos movementos internos previos do persoal da empresa que xa está traballando naqueles parques e que poderían optar por Monforte.

O curso desenvolverase na Agasp e terá unha duración duns dous meses nos que se ofrecerá unha completa formación de 333 horas lectivas, das cales un 60 por cento serán de tipo práctico. Os contidos que se estudarán na Agasp comprenden asuntos como a teoría do lume; axentes extintores e medios de extinción; primeiros auxilios; funcionamento e mantemento de materiais e equipos; rescate urbano en altura e industrial; apeos, apuntalamentos, desescombros e incendios forestais.

Así mesmo, os futuros bombeiros tamén estudarán todo o relativo ao desempeño das súas funcións en accidentes de tráfico; incendios urbanos e industrias; risco químico; funcionamento e mantemento de bombas; condución e mantemento de autobombas; vehículos de altura, entre outros aspectos.

Ademais das clases na propia Academia, haberá un complemento formativo específico que se desenvolverá nas instalacións da empresa Seganosa, así como algúns dos módulos prácticos, que precisan dunha utilización intensiva de medios técnicos e de camións, que se fará nas instalacións do parque de bombeiros de Chantada, cuxos traballadores pertencen tamén a empresa Natutecnica.

O ano pasado por estas mesmas datas, máis dun cento de alumnos se atopaban na Agasp facendo un curso semellante, co obxecto de cubrir os postos de bombeiros e de nos parques Consorcio provincial de Lugo que entraron en funcionamento en maio de 2011: Barreiros, Chantada, Sarria,Vilalba e Viveiro. Unha vez rematado o curso, o vindeiro 23 de maio, a empresa determinará que persoal cubrirá postos de bombeiros ou bolseiros, e mesmo de xefe de quenda, segundo o desenvolvemento do curso e o aproveitamento e habilidades amosados polos alumnos