Deputación de Lugo

A Deputación aproba o 1º acordo marco para dotar ós Concellos de equipamento enerxético e reducir a súas facturas

A institución pactará coas empresas a compra e instalación de lámpadas, válvulas termostáticas ou programas de rego con fondos europeos, aforrando 1,1 millóns de euros ós municipiosOs beneficiados serán as 46 entidades locais que aceptaron que a Axencia Provincial da Enerxía realice auditorias nas instalacións municipais que desexen, aforrándolles outros 10.000 eurosO BOP publicará mañá as bases deste concurso e do Plan Integral Agropecuario Forestal para que as entidades interesadas nestes proxectos de Lug02 coñezan os requisitos e presenten ofertasA Xunta de Goberno adxudicou obras de mellora na CP-1804 en Chantada con 74.000 euros

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou hoxe que a Xunta de Goberno vén de aprobar o 1º acordo marco da Deputación para aforrar cartos ós Concellos, dotándoos dun equipamento enerxético que lle permita reducir os seus gastos de luz, agua e gas. Martínez explicou que dito acordo conleva que a institución pactará cun máximo de 6 empresas e cun mínimo de 3 a adquisición e instalación en dependencias municipais de materiales como lámpadas LED, válvulas termostáticas, programas de rego ou detectores de presenza. “Só os gastos de luz nun Concello de 5.000 habitantes ascenden ós 200.000 euros ó ano. Co equipamento axeitado, podemos reducir a factura nun 25%”, destacou.

O organismo provincial asumirá todos os custes destas actuacións con fondos europeos, aforrando 1.100.000 euros ós municipios. Este presuposto procede de Lug02, o programa medioambiental, cofinanciado nun 70% pola Unión Europea.

Os municipios beneficiados son os 46 que conforman o Club dos Concellos Renovables. É dicir, aqueles que aceptaron a proposta da Deputación para que a Axencia Provincial de Enerxía lles realice auditorías enerxéticas nas instalacións que elixan -Casas Consistoriais, pavillóns deportivos, casas de cultura....- co fin de detectar posibles problemas de eficiencia enerxética e plantexar fórmulas para aforrar custes. Estes traballos tamén son financiados ó 100% pola institución provincial, aforrando ós Concellos os 10.000 euros que supoñen segundo os prezos do mercado.

As entidades locais nas que, nos vindeiros meses, se realizarán as auditorías e, posteriormente, froito destas avaliacións, se dotarán de novo material enerxético son: Abadín, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Bóveda, Burela, Castroverde, Cervantes, Cervo, O Corgo, Fonsagrada, Friol, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Palas de Rei, Paradela, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Pol, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Mañá, o Boletín Oficial da Provincial publicará as bases destes concurso para, transcorridos os prazos legais, todas as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

Este é o primeiro acordo marco da Deputación como “fórmula de continuar na racionalización e optimización do gasto público en subministracións, servizos ou obras”, tal e como se comprometeu a realizar o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, durante este mandato. O obxectivo, afirmou, é xerar unha central de compras na Deputación con novos acordos marco.

Plan Integral Agropecuario Forestal

Precisamente, cumprindo as previsións anunciadas onte por Besteiro, a sesión aprobou hoxe os pregos de 1 millón de euros, tamén procedentes dos fondos europeos de Lug02, que integran o Plan Integral Agropecuario Forestal. Ó igual que no caso anterior, mañá o BOP publicará as bases deste concurso para que as empresas interesadas coñezan os requisitos e presenten as súas ofertas. Como mínimo, deberán garantir formación eminentemente práctica e gratuita sobre agricultura e gandeiría ecolóxica, así como aproveitamento forestal sostible, para unhas 900 persoas. Ademais, posteriormente, terán que prestar asesoramento ós participantes destas accións formativas para a creación de, a lo menos, 15 novas empresas agropecuarias-forestais na provincia. A previsión da Deputación é adxudicar este proxecto en xuño para iniciar, de xeito inmediato, a primeira fase que é a de captación e sensibilización cidadá.

Obras en Chantada

A Xunta de Goberno tamén acordou a adxudicación das obras de mellora da estrada CP-1804, de Touza por Belesar a LU-533, no Concello de Chantada, por valor de 74.000 euros. Estes traballos consisten no ensanche e afirmado de 3 puntos deste vial nos que se localizan curvas moi pronunciadas e perisosas. Concretamente, sitúanse nos quilómetros 2,370, 4,900 e 5,670. As actuacións, que se poderán iniciar en maio, teñen un prazo de execución de 1 mes.