Deputación de Lugo

Besteiro inaugura na Capela de Santa María A Irmá do sono, que presenta as olladas ó tema da morte de 27 artistas

O Presidente destacou o privilexio de ter en Lugo estas 27 obras que amosan as reflexións que fan outros tantos artistas sobre a morte a través de pinturas, esculturas, fotografías ou instalacións de vídeoEsta exposición coral preséntase na Capela de Santa María logo de facelo na Igrexa da Universidade de Santiago, edificios relixiosos que tiveron sempre unha estreita relación coa morte, segundo Fátima Otero, comisaria da exposiciónA mostra permanecerá aberta ó público ata o día 20 de maio, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20.00 horas; os sábados de 17:00 a 20:00 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves na Capela de Santa María a mostra coral 73x73x273, A Irmá do sono, que reúne traballos de 27 destacados artistas de España e Portugal. O nome da exposición, que fai referencia ás medidas dun nicho, e o eufemismo de “irmá do sono”, aluden directamente ó tema que é escusa nesta ocasión para a creación artística: a morte. Unha exposición organizada pola institución provincial e a Universidade de Santiago que ven de exhibirse na Capela da Universidade compostelá e que foi ben acollida tanto pola crítica coma polo público en xeral.

Besteiro destacou que dende na institución provincial “sentímonos moi fachendosos do nivel que, mostra tras mostra, vai acadando esta Capela, e do interese que suscitan entre os visitantes. As case 9.000 persoas que acudiron a esta sala xa só nas últimas 8 exposicións confirman ambos feitos”. As mostras ás que se referiu o Presidente son Leonardo da Vinci e a música, Presenten... armas!, Evolution Kalimandrica, La metamorfosis esperada, Vientos del Norte, Soliloquios e Red Española de Reservas de la Biosfera. Terras do Miño, a Reserva da Paisaxe da Auga, a exposición que iniciaba os actos conmemorativos do X Aniversario da declaración de Terras de Miño como Reserva da Biosfera. Así, algún dos artistas desta mostra, como é o caso de Paco Pestana, xa expuxeron na Capela noutras ocasións e, segundo destacou o Presidente do organismo provincial, “agardamos que outros, tanto dos aquí presentes coma do resto de artistas lucenses e galegos, que son moitos e moi bos, teñan en conta que as portas da Capela están abertas para eles”.

Finalmente, o titular provincial quixo agradecer o traballo dos artistas, así como o das comisarias, que fixeron o esforzo de reunir estas pezas de artistas que, de xeito reiterado, se teñen achegado a este tema da morte, que na sociedade actual parece ser tabú, pero co que se convivía con naturalidade en tempo pasados. Nesta liña, Fátima Otero, unha das comisarias, quixo destacar o feito de que se ben a morte é o tema central, non o é dun xeito macabro nin lutuoso. De feito, esta exposición itinerante partiu de Santiago de Compostela, unha cidade nacida, precisamente, sobre a tumba do Apóstolo e que que os dous centros que acolleron a exposición en Santiago e Lugo sexan igrexas, por seren estes lugares cunha estreita relación coa morte en tempos pasados. Deste xeito, a comisaria Cristina Carballedo, destacou o feito de que, hoxe en día, edificios de culto atopen outros usos, neste caso o contedores culturais.
Artistas
Fotografía, escultura, pintura ou videoinstalacións reflicten puntos de vista alternativos sobre este tema, que a sociedade actual ten convertido en tabú, pero ó que estes artistas se achegan de xeito desprovisto de calquera prexuízo. Na exposición poderase admirar os traballos dos lucenses Paco Pestana, Eduardo Valiña, Ignacio Pardo, Álvaro de la Vega, Cristian Villamide, Roberto González, Mónica Alonso e Montse Rego, xunto con Pamen Pereira, Fernando Páez, Xurxo Lobato, Victoria Diehl, Antonio Blanco, Antón Lamazares, Xurxo Oro Claro, Xaquín Chaves, Manuel Sendón, Fran Herbello, Andrea Costas e Ruth Massó, Ramón Conde, Xulio Gil, Ana Soler, Paulo Neves e Teo Soriano aportan, a través da pintura, da escultura ou das videoinstalacións, as súas personalísimas visións da morte: enfermidade, naturezas mortas, ausencias, o sufrimento, a fraxilidade das cousas caducas ou reinterpretacións do sentimento relixioso do Barroco e do Antigo Exipto, son algunha das diferentes perspectivas que ofrecen.

Horarios da exposición
A exposición que hoxe se presentou abrirá as súas portas este xoves, ás 20:00 horas. Ata o 20 de maio, todos os que desexen achegarse ata a Capela de Santa María poderán facelo no seguinte horario: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas e domingos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.