Deputación de Lugo

A Deputada de Deseño inaugura no CENTRAD unha mostra con fondos do Museo do Pobo Galego sobre o agro lugués

O Centro de Artesanía e Deseño complementa a colección da pinacoteca, titulada Paisaxes Humanizadas.Terras Vividas, con pezas representativas da etnografía da provincia A mostra, cun marcado carácter didáctico, estará aberta ó público hasta finais do mes de xullo, de luns a venres, en horario de 9:00 a 15:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este mércores nas instalacións do CENTRAD a exposición Paisaxes Humanizadas.Terras Vividas, unha mostra composta por fondos sobre a paisaxe agraria luguesa procedentes do Museo do Pobo Galego, que o propio Centro de Artesanía e Deseño complementa para a ocasión achegando pezas representativas da cultura e a etnografía da provincia. A mostra estará aberta hasta finais do vindeiro mes de xullo no pavillón número 4 do CENTRAD en horario de 9:00 a 15:00 horas, de luns a venres.

A colección que hoxe se abriu ó público, cun marcado carácter didáctico, consta deste xeito de dúas partes. Por unha banda, unha fotográfica, achegada polo Museo do Pobo Galego e conformada por 60 imaxes tomadas polo fotógrafo lucense Luis Higinio Flores Rivas, nas que mostra a relación entre o espazo natural e o ser humano que o ocupa, poñendo de relevo a grande riqueza patrimonial e paisaxística do rural lucense. Esta é a primeira vez que estas fotos, que se expoñerán en dúas quendas -30 hasta finais de maio, e outras 30 ata xullo- saen do Museo do Pobo Galego. A outra parte é a achegada polo propio CENTRAD e componse de diversos obxectos como un batuxo, dúas rodas de cravos de hai dous séculos, un trobo, pezas para tratalo liño, tornos de madeira, xugos, pezas de muíño e unha turbina dunha central eléctrica de aproximadamente o ano 1800. Estas pezas achegounas de xeito altruísta Tino Monjardín, un anticuario da Fonsagrada, e outras son do propio fotógrafo Luis Higino Flores.
Relación entre a paisaxe e o home
Xunto á importante carga estética, a Deputada de Artesanía destacou o “contido técnico, científico e antropolóxico” da exposición, sinalando ó mesmo tempo que, a pesar de non recoller en ningún momento presenza humana, “conta as pequenas historias da xente do campo que se foi adaptando ó medio natural e deixando nel a súa impronta”.

O autor das fotografías, Luis Higinio Flores Rivas, realizou diversas exposicións -na súa maioría tamén centradas no patrimonio rural-, en Rábade, Outeiro de Rei, no Museo provincial de Lugo e no da Fonsagrada, na Casa de Galicia de Madrid, no Museo Marítimo de Corbubión e Museo do Pobo Galego. Conta así mesmo con varios galardóns, entre eles co primeiro premio nos anos 2004 e 2006 do Certame de Fotografía Popular convocado polo Ministerio de Cultura.