Deputación de Lugo

Gómez Besteiro participa hoxe na Semana Santa lucense, cofinanciada pola Deputación de Lugo

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación foi nomeado o ano pasado Confrade de Honra da “Santísima Virgen de la Esperanza de Lugo” polo seu apoio á celebración da Semana Santa lucenseA institución provincial achegou 8.000 euros á Xunta de Confrarías de Lugo, colectivo de todas as irmandades da capital e que moviliza a 3.000 persoasA colaboración provincial inclúe unha axuda extraordinaria de 26.000 euros á Semana Santa de Viveiro, unha das celebracións coa maior proxección turística e económica da provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro participa este luns nos actos programados con motivo da homenaxe que a cidade de Lugo lle rende á Armada, dentro dos actos da Semana Santa lucense, cofinanciada polo organismo provincial. A Deputación achegou 8.000 euros á Xunta de Confrarías de Lugo, que agrupa ás seis irmandades da capital, e que moviliza a 3.000 persoas na súa organización. A proxección económica, turística e cultural xustifican a renovación do convenio, segundo anunciara Gómez Besteiro na presentación do mesmo a pasada semana.

A Armada foi nomeada Irmán Maior Honorario da Confraría da “Santísima Virgen de la Esperanza de Lugo” no 1952, ano no que esta participa por primeira vez na procesión que percorre as rúas da capital o luns de Semana Santa. Gómez Besteiro, que fora nomeado o ano pasado “Confrade de Honra” desta irmandade, en recoñecemento o apoio económico prestado pola institución provincial, estivo presente esta mañá durante a recepción que o Concello de Lugo lle ofrece todos os anos á unidade da Armada procedente de Ferrol. No acto as autoridades pasan revista ás tropas, xusto antes do desfile polas rúas do casco histórico de Lugo e dun breve concerto a cargo da Banda de Música Municipal.

Os actos continuarán máis tarde cun xantar no que, xunto co responsable provincial, tamén estarán presentes o Alcalde de Lugo, José López Orozco; o Almirante Xefe da Armada, Francisco José Cortés; o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo e o Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, entre outras autoridades e durante o que terá lugar a entrega de distincións de mans da Irmá Maior da Confraría, María Isabel Lagares. Os actos rematarán esta tarde coa procesión que percorrerá as rúas lucenses.

Colaboración provincial coa Semana Santa de Viveiro
A Deputación asinou, o pasado mes de febreiro, un convenio de colaboración co Concello de Viveiro, grazas ó cal a institución provincial aporta, por segundo ano consecutivo, unha axuda extraordinaria de 26.000 euros á organización desta festividade. Durante os días desta celebración, o Concello mariñano duplica a súa poboación e acada o 100% de ocupación hoteleira. Tal e como subliñou Gómez Besteiro, a Semana Santa viveirense, que vai camiño de acadar o recoñEcemento de Festa de Interese Turístico Internacional, supón un revulsivo económico e turístico para toda A Mariña, fóra dos meses estivais.